No pasado era moi habitual que longas fileiras de árbores acompañasen o trazado dos camiños e estradas. Así foi en Europa dende a construción das calzadas romanas. E o propio Marco Polo relata que na China que visitou o plantado de árbores na beira das vías imperiais estaba mesmo regulado por lei, servindo de guía no caso de nevadas e ofrecendo sombra no verán. Despois, foi Napoleón quen impulsou a construción de grandes vías arboradas, unha práctica que se mantivo en todo o século XIX e parte do XX (dando lugar a estradas coma a que retratou Godard en Weekend). Pouco a pouco estas sendas arboradas foron desaparecendo en Galicia, sobre todo a medida que se realizaban obras de ampliación das estradas, ou coa construción de beirarrúas. Con todo, aínda quedan algunhas, como é o caso da OU-536, que une a cidade de Ourense con Castro Caldelas e Pobra de Trives, unha pintoresca vía enmarcada durante varios quilómetros por ducias e ducias de árbores centenarias de grandes dimensións (carballos, plátanos, freixos, nogueiras, choupos...).
Amigos da Terra reclama "a súa protección e coidado" pois é "un dos poucos exemplos que nos quedan na provincia de Ourense de respecto ao patrimonio arbóreo que convive cunha infraestrutura viaria"
Amigos da Terra vén de denunciar que na zona de O Pinto (Esgos), a maioría das árbores foron sinaladas no seu tronco cun X de cor vermello, "polo que todo fai indicar que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, responsable da estrada, pretende cortalas polo pé ou facer podas pouco axeitadas para a protección deste conxunto arbóreo". A entidade reclama "a súa protección e coidado" pois é "un dos poucos exemplos que nos quedan na provincia de Ourense de respecto ao patrimonio arbóreo que convive cunha infraestrutura viaria", formando "un harmonioso conxunto e de alto valor patrimonial, estético e paisaxístico". "Consideramos que despois das desfeitas realizadas as árbores que tanto en Ourense como en Galicia se teñen feito nos conxuntos arbóreos que ata fai ben pouco había na contorna das nosas estradas, estamos no intre de trocar de actitude e protexer os poucos exemplos que nos quedan", sinalan.
Este tipo de cortas prodúcense decote, apoiadas nos argumentos da seguridade viaria, ou na necesidade de facer máis anchas as vías. Hai uns meses foi denunciado en Mugardos un caso semellante: veciños e veciñas criticaron a corta de ducias de árbores na beira dun camiño, decidida polo novo Goberno municipal, en mans do PP. A veciñanza cualificou o acto de "salvaxada".
En varios países de Europa lévase a cabo o proxecto Roads of Nature dedicado á conservación das vías arboradas
En varios países de Europa lévase a cabo o proxecto Roads of Nature dedicado á conservación das vías arboradas e que inclúe, entre outras accións, a plantación de árbores nas fronteiras entre países "para que as avenidas vexetais unan ecosistemas e persoas". "Esas avenidas arboradas son estreitos bosques que actúan como excelentes corredores ecolóxicos entre zonas de grande importancia natural, pero ao mesmo tempo forman parte dunha paisaxe tradicional que nos une coa natureza e nos fai moito máis agradables as viaxes", destaca neste senso César Javier Palacios, director doutro proxecto europeo, Enarborar, Grandes Árbores para a Vida, da Fundación Félix Rodríguez de la Fuente.