Aumentan as reaccións de apoio aos titiriteiros

Os dous integrantes de 'Títeres desde Abajo' detidos Dominio Público Praza Pública

As detencións o pasado venres de dous titiriteiros, acusados de enaltecemento do terrorismo van xerando, pouco a pouco, unha onda de solidariedade que se estende por forzas políticas, movementos sociais e mesmo entidades profesionais da xudicatura, que denuncian a persecución xudicial e mediática que sofren os integrantes de Títeres desde Abajo. Xa este mércores sete entidades profesionais do sector audiovisual galego e das artes escénicas denunciaron o "ataque sen precedentes á liberdade de expresión" que supoñen as detencións e os cargos imputados aos integrantes de Títeres desde Abajo. E, de igual xeito, as plataformas municipalistas da Coruña, Compostela, Barcelona e Zaragoza, que gobernan estas catro cidades, fixeron público un comunicado conxunto no que esixen a retirada dos cargos e denuncian o intento de criminalizar os movementos sociais, amosando ademais o seu "apoio" ao Goberno municipal de Madrid. 

"Non funcionarán os intentos de sabotar con artimañas os gobernos elixidos lexitimamente pola cidadanía. O futuro dos gobernos do cambio ha seguir estando exclusivamente nas mans da xente"

No texto, Marea Atlántica, Barcelona en Comú, Compostela Aberta e Zaragoza en Común afirman que "máis alá da inadecuación da obra para un público infantil, trátase dunha peza que realiza unha crítica social desde a sátira e non hai nada no seu contido que xustifique as acusacións de enaltecemento do terrorismo" e destacan a ironía de que "a escena denunciaba precisamente a utilización que algúns fan do terrorismo e as súas vítimas, co propósito de atacar á diversidade política e criminalizar aos movementos sociais". As plataformas rexeitan "esta caracterización delituosa do exercicio da liberdade de expresión, un dereito democrático irrenunciable, gañado con enorme esforzo ao longo do tempo".

O comunicado engade que "estamos ante unha estratexia evidente para desestabilizar ao Concello de Madrid, xusto no momento no que se discute o futuro do Goberno do Estado" e subliña que "quen fixo da corrupción e as políticas antidemocráticas os seus sinais de identidade, intenta frear o seu propio declive cos métodos máis sucios, mediante a manipulación, as medias verdades e a aplicación da mordaza á liberdade de expresión". "Non se trata dunha polémica en torno á moralidade pública, nin dun problema xudicial, senón dun conflito netamente político que se intenta facer estalar por canles antidemocráticas", din, concluíndo que "non funcionarán os intentos de sabotar con artimañas os gobernos elixidos lexitimamente pola cidadanía. O futuro dos gobernos do cambio ha seguir estando exclusivamente nas mans da xente".

 

Jueces para la Democracia

"Non é propio dunha sociedade democrática perseguir penalmente a sátira, a crítica, a denuncia ou a irreverencia, por molestas que poidan resultar"

Pola súa banda, Jueces para la Democracia explica nun comunicado que "exhibir unha faixa que diga 'Gora Alka-Eta' pode supor enaltecer" pero engade que resulta "obvio" que "cando iso non ocorre na realidade, senón na trama dunha representación de títeres, hai que estar ao contido, sentido e finalidade da obra, en definitiva á súa mensaxe, para considerar que existe tal enaltecemento". Sinala que se "a mera exhibición dunha pancarta por un títere ou por un actor de cine" fose considerado enaltecemento "todas as películas, reportaxes, documentais, obras de teatro, cine ou televisión en que aparecesen pancartas deste tipo" serían constitutivas de delito, "o cal é con toda evidencia un absurdo". No presente caso non se detecta que nos atopemos ante unha actuación de xustificación do terrorismo", conclúe.

Jueces para la Democracia amosa "inquietude" polo "carácter crecentemente indeterminado dos delitos vinculados á xustificación do terrorismo" que "posibilita todo tipo de interpretacións que poden ser lesivas para a liberdade de expresión"

A asociación destaca que "non é propio dunha sociedade democrática perseguir penalmente a sátira, a crítica, a denuncia ou a irreverencia, por molestas que poidan resultar" e que "a liberdade de expresión é defendible non só para ideas aceptadas favorablemente ou consideradas como inofensivas ou indiferentes ou politicamente correctas,  senón tamén para aquelas que molestan, chocan ou inquietan".

O comunicado tamén critica a decisión de decretar "prisión provisional", que debe ter "carácter excepcional". E conclúe amosando "a nosa inquietude polo carácter crecentemente indeterminado dos delitos vinculados á xustificación do terrorismo, que provoca inseguridade xurídica e posibilita todo tipo de interpretacións que poden ser lesivas para a liberdade de expresión".

Os dous integrantes de 'Títeres desde Abajo' detidos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.