O machismo volve asasinar en Galicia

Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Pouco máis de mes e medio do novo ano e, como nos anteriores, o machismo volve asasinar en Galicia. Un home de 29 anos converteuse na tarde deste xoves no asasino da súa parella, Ana, de 40 anos. O presunto autor dos feitos atacou a vítima cunha escopeta de caza na vivenda que compartían na parroquia de San Pedro de Tortes, en Becerreá.

Segundo as forzas de seguridade foi contra as seis da tade cando a Garda Civil tivo noticia de que o home dera en matar a súa parella ante os fillos dela, un deles menor de 16 anos, que resultou ferido nunha man. Tras recibiren o aviso axentes do Instituto Armado de Becerreá e do concello lindeiro de Cervantes "corroboraron" os feitos e detiveron o asasino machista, natural de Navia de Suarna e que, segundo transcendeu, se 'entregara' previamente aos seus compañeiros de caza, confesándolles os feitos.

Nestas primeiras semanas do ano son xa, segundo os datos oficiais, nove as mulleres vítimas mortais do machismo. Neste período foron tres os menores de idade que ficaron orfos por mor da violencia de xénero, atendendo á información do Ministerio de Sanidade. Dende o pasado ano as nenas e nenos expostos á violencia machista teñen tamén a consideración de vítimas, se ben as medidas para desenvolver esta condición apenas foron desenvolvidas polo momento.

A muller foi asasinada diante dos seus dous fillos e un deles resultou ferido

O asasinato machista de Becerreá deu lugar xa a diversas condenas no ámbito político e social e á chamada á mobilización, a comezar pola concentración convocada pola Xunta ás 11 da mañá deste venres e a declaración de tres días de loito oficial no concello no que sucederon os feitos. Este sábado a Marcha Mundial das Mulleres chama a concentrarse contra o feminicidio ás 8 do serán en Vigo, Ourense, Ferrol, A Coruña, Santiago e no Val Miñor.

Asemade, no ámbito político o PSdeG expresou a súa condena e reclamou "máis recursos para a prevención e un pacto de Estado para erradicar a violencia machista", e o BNG apelou a respostas "radicais contra o terrorismo machista", toda vez que "o feminicidio é o último chanzo dunha escalada de violencia progresiva contra a muller".

  • 016 É o teléfono de axuda ás vítimas de violencia machista, que non deixa rastro na factura telefónica
Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres
Concentracións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.