Xunta e Concello recoñecen a falta de vivendas públicas en Vigo tras vender 25 dende o 2014

Concentración en Vigo en demanda de vivendas de aluguer social © Os Ninguéns

En Vigo existe un grave problema de vivenda. Seguen producíndose cada día desafiuzamentos e desaloxos, nalgúns casos en circunstancias persoais moi difíciles, o que leva a unha demanda de alternativas habitacionais (vivenda social, alugueiros reducidos...) á que nin a Xunta nin o Concello son capaces de responder, O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) recoñeceu xa en varias ocasións -esta semana, de maneira expresa, comunicoullo á PAH e a Os Ninguéns- que non dispón de vivendas dispoñibles para dar solución aos casos urxentes de familias que quedan na rúa tras perder as súas casas. O IGVS cifra en máis de 1.500 as familias -con maior ou menor necesidade ou desprotección- que neste momento están demandando na cidade o acceso a un piso social.

O IGVS cifra en máis de 1.500 as familias -con maior ou menor necesidade ou desprotección- que neste momento están demandando na cidade o acceso a un piso social

A situación preocupa sobre todo pola sucesión de casos nos que as persoas afectadas por un lanzamento non dispoñen de ningunha opción alternativa, como sucedeu esta mesma semana con Eugenia, unha muller de 50 anos e nai de catro fillas, que perdeu a vivenda que ocupaba. A carencia de vivendas públicas sorprende, ademais, nunha cidade como Vigo onde, segundo datos do INE, hai 18 mil vivendas baleiras, e delas unha parte significativa son novas construídas nos últimos anos, nalgúns casos propiedade da SAREB.

E chama a atención, igualmente, tendo en conta que hai apenas dous anos o Concello contaba cun bo número de casas de propiedade municipal. Nun caso, o Goberno local puxo en réxime de aluguer social (por debaixo de 200 euros) os 31 pisos dun bloque situado en Navia tras realizar unha convocatoria pública. Porén, non fixo o mesmo con outras 40 vivendas, tamén de propiedade municipal, na céntrica rúa Rosalía de Castro, nun barrio onde os prezos dos inmobles están entre os máis elevados da cidade. As casas foron postas á venda grazas a un acordo de PSOE e PP co obxectivo de facer fronte ao custe da expropiación dos predios necesarios para construír a Cidade da Xustiza, esperando obter por elas ao redor de 10 millóns de euros. O Concello optou -fronte ás críticas de BNG e Esquerda Unida- por levar a cabo esta operación inmobiliaria nun dos momentos de maior necesidade habitacional para familias sen recursos que, en moitos casos viñan de perder a súa vivenda. Dende distintos ámbitos acusouse ademais o Goberno municipal de descartar o aloxamento no barrio de persoas de baixo nivel económico para non xerar malestar entre os restantes habitantes da zona.

PSOE e PP optaron por vender 40 inmobles de propiedade municipal en vez de destinalos a usos sociais

No último ano e medio vendéronse 25 destes 40 inmobles, mantendo o Concello a propiedade doutros 15. Curiosamente, esta mesma semana o PP, a través da súa voceira municipal Elena Muñoz, demandoulle ao Goberno local que esas 15 vivendas que quedan sen vender se destinen a usos sociais. Os populares acordaron cos socialistas hai dous anos esta operación de venda. Muñoz dixo que o Caballero ten "unha oportunidade de ouro" e que "no se entendería" que a desaproveitase e lle "dese as costas a familias necesitadas".

 

Caballero e Feijoo, sobre os sen-teito e os albergues

Caballero afirmou hai dous meses que “en Vigo non durme ninguén na rúa se quere durmir no albergue municipal"

O problema da vivenda en Vigo tamén foi posto de relevo estes días pola folga de fame iniciada por unha persoa sen teito. O home, que leva a cabo a súa acción na Praza da Princesa e recibe o apoio de Os Ninguéns, destaca que "o alcalde dixo no Nadal que ninguén que non quixera tiña que durmir na rúa en Vigo e non é certo. Eu non quero durmir na rúa e teño que facelo". Fai referencia a unhas declaracións de Abel Caballero, nas que o rexedor destacaba con esa arriscada afirmación o bo funcionamento do albergue municipal. O home en folga de fame denuncia que no recinto municipal, totalmente conxestionado, só pode durmir dez días ao mes, e no dos Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres de Teis outros dez, polo que se ve obrigado a pasar a noite na rúa dez días de cada trinta.

As palabras de Caballero, que tamén salientara que en Vigo non ía haber máis desaloxos mentres el fose alcalde-, son moi semellantes ás que en 2014 pronunciara Alberto Núñez Feijoo que, en resposta, á alerta lanzada por Cáritas sobre o incremento de persoas que durmían na rúa, respondeu que nos albergues había "prazas libres", dando a entender que quen non tiña un teito era porque non quería telo.

 

Acto de denuncia contra a pobreza enerxética © Os Ninguéns
Protesta en Vigo polo problema de vivenda que vive a cidade © Os Ninguéns

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.