Política Lingüística promociona un concurso de relatos no que só se pode participar en castelán

Bases do certame CC-BY-SA Praza Pública

A Fundación Cela é unha das entidades privadas máis agarimadas polo actual Goberno da Xunta, cando menos no que ao eido cultural se refire. Rescatada con fondos públicos en 2012 tras anos de deficiente e opaca xestión, agora parcialmente investigada pola Xustiza, esta entidade ficou a salvo das sucesivas vagas de recortes e, xa como entidade pública, non se viu afectada pola baixada dun 60% nos orzamentos para lingua e cultura. Este é o pano de fondo co que a Fundación vén de lanzar un concurso literario que, malia excluír del todas as linguas que non sexan o castelán, está a ser promocionado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Malia ser o departamento encargado, dentro da Consellería de Cultura e Educación, das accións de normalización e dinamización do galego, Política Linguística difunde dende hai días o concurso, organizado co gallo do centenario do nacemento de Camilo José Cela.

Política Lingüística promociona a través do Portal da Lingua Galega o concurso, que malia ter carácter internacional só permite participar en castelán

Así, Política Lingüística informa que, en colaboración con El Corte Inglés, este "concurso internacional" amplía a súa "dotación de premios", de xeito que "os traballos premiados serán publicados en edición dixital" pola propia fundación pública "e o primeiro premio de cada categoría será obsequiado cunha tableta dixital e unha tarxeta regalo" dos devanditos grandes almacéns.

"Todos os microrrelatos deberanse presentar a través da plataforma web do concurso", informa a Secretaría Xeral. Unha vez nese sitio web é posible comprobar que, efectivamente, a responsable do certame é a 'Fundación Pública Gallega Camilo José Cela" e que a el pode concorrer "cualquier persona física con independencia de su nacionalidad y lugar de residencia". Estes microrrelatos, detalla, deben comezar coas primeiras verbas da obra La Rosa, de Cela, non poden estenderse por máis de 1.250 caracteres "y estarán escritos en castellano".

Este e outros actos vinculados ao centenario de Cela están impulsados directamente pola Xunta, tal e como figura no programa do aniversario. O concurso está a ser promocionado a través de lingua.gal do Portal da Lingua Galega mantido pola propia Secretaría Xeral.

 

Difusión do certame en lingua.gal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.