O avance da acuicultura industrial baixo o paraugas dos gobernos de Feijoo

Factoría de Stolt Sea Farm en Cabo Vilán © Google Maps

No verán de 2005, hai algo máis de dez anos, o Goberno en funcións de Manuel Fraga, que viña de perder a súa maioría absoluta, aprobou o Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria. Un plano acuícola que foi posteriormente substituído polo Plano de Acuicultura do Goberno PSOE-BNG (2008) e o Plano Director da Acuicultura Litoral aprobado polo PP en 2013. Como destaca ADEGA, estas modificacións normativas, unidas a varias sentenzas xudiciais (Touriñán en 2015Rinlo en 2012Laxe Brava en 2012) levaron a "unha case permanente inseguridade xurídica que pouco beneficiou ao sector durante estes anos".

A intención da nova lei "é rematar de despexar calquera atranco para que, pola vía da transformación do marisqueo en acuicultura, as multinacionais acuícolas teñan o camiño legal expedito para ocupar sen problemas a nosa costa e as nosas rías"

A entidade ecoloxista destaca que dende o regreso do PP ao poder en 2009, os populares "manobra para remover calquera atranco legal que puidera dificultar o negocio da patronal acuícola, malia que o sector –nomeadamente a acuicultura industrial en terra- comezaba a dar signos de inestabilidade (baixada de prezos, diminución da produtividade, importacións foráneas)". "Pouco despois estouparía o caso Pescanova, que case levou á creba á principal empresa do sector", engade. ADEGA conclúe que "diante deste panorama" a intención da nova Lei de Acuicultura recentemente presentada pola Xunta "é clarificar as regras de xogo, isto é, rematar de despexar calquera atranco para que, pola vía da transformación do marisqueo en acuicultura, as multinacionais acuícolas teñan o camiño legal expedito para ocupar sen problemas a nosa costa e as nosas rías".

 

Cambios lexislativos baixo o mando de Núñez Feijoo

  • En abril de 2010 o PP modificou a Lei do Solo 9/2002 para facilitar as instalacións das macropiscifactorías en solo rústico de especial protección, mesmo sobre espazos protexidos.
  • Tamén en 2010 o PP eliminou a necesidade de que os planos sectoriais xa en marcha (caso do acuícola ou o eólico) tiveran que adaptarse ao Plano do Litoral (POL). O propio POL, aprobado definitivamente en febreiro de 2012, autorizaba actividades acuícolas mesmo nas zonas de máxima protección caso de contaren cunha avaliación ambiental favorable.
  • En decembro de 2011 o PP, a través da lei de acompañamento dos orzamentos de 2012 suprimiu a tramitación ambiental obrigatoria dos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal que afectaran a un só concello, para facela discrecional.
  • Tamén en 2011 o Consello da Xunta declarou a acuicultura como de "interese público de primeira orde" para permitirlles ás empresas acuícolas ocupar espazos da Rede Natura con hábitats prioritarios (Touriñán, Rinlo...), e deste xeito tentar pontear o artigo 6.4 da Directiva 92/43 CE, que sinala que "no caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde".
  • En marzo de 2012, as consellarías de Medio Ambiente e Mar aproban una Orde conxunta pola que se consideran aptas para a acuicultura as zonas continuas litorais situadas nos ámbitos de “mellora ambiental e paisaxística” do POL así como as reservas da Biosfera, sen agardar á aprobación definitiva do PDAL (Plano Director de Acuicultura Litoral), daquela en tramitación.
  • En febreiro de 2013 a Xunta aproba o Plano Director de Acuicultura Litoral (PDAL). Toda a costa é susceptible así de albergar piscifactorías: non hai zonas de exclusión. 
  • En 2014 o PP aproba definitivamente o Plano Director da RN2000 e consolida unha Rede Natura a medida dos intereses acuícolas (e eólicos, mineiros, etc.). O Plano Director abusa da discrecionalidade e das excepcións para permitir construír piscifactorías nas zonas de máxima protección ambiental.

 

Críticas de ADEGA á nova Lei de Acuicultura

ADEGA realiza unha crítica demoledora ao proxecto lexislativo presentado polo Goberno galego, unha emenda á totalidade que sinala unha serie de eivas e ameazas que a organización considera inaceptables. Para a entidade a norma está "desenfocada xa dende a mesma exposición de motivos", onde a Xunta fai referencia ás directrices da FAO para xustificar unha intensivización da acuicultura en Galicia. Porén, lembra ADEGA, a propia FAO sinala "os 10 principios para o ordenamento sustentábel na acuicultura costeira", entre os que se atopan "Consultar coa poboación local e todos os participantes", "Planificar a pequena escala, proxectos flexíbeis" ou "Manter ao mínimo os investimentos externos para reducir a dependencia".

Segundo ADEGA, o proxecto incumpre "os 10 principios para o ordenamento sustentábel na acuicultura costeira" da FAO

Pola contra, para ADEGA, "este anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galiza está deseñado para favorecer acuicultura industrial dominada actualmente por dúas multinacionais, Pescanova e Stolt-Nielsen". "Pretende xustificar o desenvolvemento de grandes instalacións e macropolígonos; obviar a poboación local e a realidade socioeconómica do sector, dominado polos cultivos mariños e a pesca de baixura; adicar cuantiosas subvencións públicas ao sector da acuicultura industrial; e planificar exclusivamente co obxecto de que as empresas incrementen a produción de peixes de granxa", engade.

Para ADEGA, "este anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galiza está deseñado para favorecer acuicultura industrial dominada actualmente por dúas multinacionais, Pescanova e Stolt-Nielsen"

Ademais, a organización critica unha serie de aspectos concretos no articulado do proxecto:

  • Actuacións en espazos naturais protexidos (Art. 11): A autorización de instalacións acuícolas nestes espazos emítea Mar, co informe preceitivo de Medio Ambiente. E calquera actuación ou planificación debe estar sometida ao disposto no correspondente plano de xestión/conservación. Porén, coa actual redacción da lei "subvértese este mandado e podería darse o caso que unha instalación informada negativamente por Medio Ambiente, ao abeiro das determinacións que rexen o espazo protexido en cuestión, sexa autorizada por Mar".  
  • Introdución de especies exóticas e invasoras (Art. 19): ADEGA critica que coa actual redacción da Lei permítese o seu cultivo, "correndo o risco de que individuos ou larvas destas especies sexan diseminados no medio acuático prexudicando á biodiversidade e aos recursos autóctonos". 
  • Principios xerais da planificación acuícola (Art. 20): A sustentabilidade ambiental dos aproveitamentos acuícolas está ausente, denuncia a entidade.
  • Localización da actividade acuícola (Art. 29.1): ADEGA alerta de que non existen zonas de exclusión e de que "toda a costa é susceptíbel de ser considerada apta para a actividade acuícola".  
  • Avaliación ambiental dos polígonos de acuicultura (Art. 29.4 e 5): As instalacións que acollería cada polígono estarían exentas de avaliación ambiental se xa fora emitida esta para o conxunto do polígono, independentemente das afeccións concretas que cada unha das plantas, de moi diferente natureza (sistema de cultivo, ocupación, proceso produtivo…) poidan ter sobre o medio e os recursos naturais.  
  • Zonas de interese preferente para a acuicultura (Art. 30): O borrador da lei non fixa cales son as condicións e o procedemento para declarar estas zonas, mais os criterios para facelo serán exclusivamente de “promoción do desenvolvemento económico” e de “fomento do emprego” estando os ambientais completamente ausentes.  
  • Permisos e títulos habilitantes (Art. 31.3 e 5): Nas instalacións que ocupen dominio público só se pedirá informe a costas sobre a área concreta que ocupen as tubaxes, non sobre os demais impactos do conxunto das actividades acuícolas sobre o dominio público.
  • Transformación do marisqueo en acuicultura (Art. 54): Mediante esta medida promóvese a intensivización “aproveitamento máximo do potencial marisqueiro” pola vía da transformación das zonas de marisqueo –actividade extractiva de baixo impacto- en parques acuícolas con técnicas de produción industrial.

 

Planta acuícola © www.ipacuicultura.com
Concentración dos veciños de Merexo CC-BY-SA Praza Pública
Factoría de Stolt Sea Farm en Cabo Vilán © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.