Fajardo segue á fronte da Federación de Confrarías malia ter a maioría na súa contra

Tomás Fajardo, presidente da Federación Galega de Confrarías © CRTVG

Tomás Fajardo continuará, cando menos de momento, á fronte da Federación Galega de Confrarías. E iso a pesar de que este sábado o actual presidente non superou a moción de confianza que el mesmo presentara e de que unha ampla maioría dos representantes das confrarías, case dous terzos, votaron na súa contra. En concreto, 62 votos pediron o seu cese e só 37 o apoiaron. Porén, ao votar só 99 das 126 persoas censadas (os patróns e vicepatróns das 63 confrarías), Fajardo alega que non se acadou a maioría cualificada que -entende- sería necesaria para esixir a súa marcha.

Na votación deste sábado o 63% das persoas presentes posicionáronse en contra de Fajardo

Nas últimas semanas Fajardo (patrón maior de Porto do Son) asegurara que só abandonaría o seu posto, como llo demandaba unha parte importante das confrarías encabezadas polos pósitos da provincia de Pontevedra, se así llo pedía unha "maioría cualificada" que cifraba nos tres quintos dos votos, o 60%. Na votación deste sábado o 63% das persoas presentes posicionáronse en contra de Fajardo, unha porcentaxe que descende ata o 49% se se admite o argumento do presidente da Federación. 

Asegurara que só abandonaría o seu posto se así llo pedía unha "maioría cualificada" que cifraba nos tres quintos dos votos, o 60%

A crise do cerco, primeiro, e a postura de Fajardo sobre a contestada lei de acuicultura, que conta cun rexeitamento case unánime por parte do sector, están na base do malestar das confrarías co seu presidente. Entrevistado pola Radio Galega, esta semana, Fajardo recoñeceu que "cometín un erro de pospoñer, diría eu, un acordo que adoptou a asemblea sobre o cerco nunha reunión ó día seguinte (na Xunta). Como todo estaba transcorrendo dunha forma tensa, coas diferenzas entre Cerqueiros e ACERGA, unha vez que houbo un acercamento, considerei que o acordo que adoptaramos o día anterior era máis unha cuestión de xestión, non unha clave de repartición".  Ao presidente da Federación de Confrarías tamén se lle botou en cara que en ningún momento acudise á acampada que os mariñeiros levaron a cabo en San Caetano durante dous meses.

Ao presidente da Federación de Confrarías tamén se lle botou en cara que en ningún momento acudise á acampada que os mariñeiros levaron a cabo en San Caetano

En resposta ás voces que o acusan de estar próximo ao PP e á conselleira do Mar, Fajardo sinalou que "levo case 16 anos como patrón maior do Porto do Son. Sempre caracterizou a miña xestión manterme lonxe da política. E sempre vou ter aberta a porta á conselleira ou conselleiro, sexa do partido que sexa".

En calquera caso, e máis alá do debate sobre a continuidade de Fajardo, as confrarías confirmaron a convocatoria da manifestación que o vindeiro 27 de febreiro percorrerá as rúas de Compostela en defensa dos sectores produtivos do mar e que amosará o malestar do sector coa xestión da Consellaría do Mar e a Xunta. A marcha partirá ás 11.30 horas.

 

Tomás Fajardo, presidente da Federación Galega de Confrarías, coa conselleira Rosa Quintana © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.