Galicia mingua e envellece. Este feito en si mesmo non é unha novidade, por repetitivo. Son múltiples os indicadores estatísticos que acreditan o feito de dende hai tres décadas no país morre máis xente da que nace e que, ademais, o incremento da esperanza de vida e a marcha de migrantes por mor da crise económica contribúen a asentar unha estrutura de poboación con cada vez máis persoas maiores e menos infancia. No entanto, os datos máis recentes, os que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística a respecto do ano 2015, si amosan un indicador novo para engadir á senda da preocupación: a poboación galega maior de 85 anos xa é máis numerosa que a que ten catro anos ou menos.
Os indicadores actualizados do IGE amosan que a 1 de xaneiro de 2014 residían en territorio galego unhas 108.000 nenas e nenos menores de 4 anos e algo máis de 103.500 anciás e anciáns que xa cumpriran 85 anos ou superaban esa idade. Un ano despois, a comezos de 2015, as estatísticas rexistraban un cruzamento de ambos datos: a infancia de menor idade descendera en máis de 3.000 persoas e a poboación maior de 85 aumentara en máis de 4.000. No mesmo período, o cómputo global de habitantes caeu en máis de 12.000 persoas.
O grupo maioritario de poboación envelleceu dez anos dende 2005
A combinación de ambos factores, a redución de poboación e o incremento dos grupos de maior idade, dá lugar a un envellecemento maior da poboación galega que é obvio en series amplas, de varias décadas, pero que xa é posible observalo nidiamente atendendo só aos últimos dez anos. No ano 2005 o grupo máis numeroso de poboación era o das persoas de entre 25 e 29 anos, que sumaban un total de 220.000 mulleres e homes. Cinco anos máis tarde, en 2010, o maior continxente de poboación estaba entre os 30 e os 34 anos. Nos anos seguintes a base da pirámide seguiu ascendendo e en 2015 o grupo máis amplo é o da poboación entre e 35 e 39 anos, con 224.000 persoas.
Entre os factores que explican a redución e envellecemento de poboación está a baixa natalidade pero tamén a emigración tanto de persoas nacidas en Galicia como de poboación estranxeira que, tras inmigrar a Galicia e permanecer varios anos desenvolvendo a súa actividade en territorio galego, marchou durante os anos da crise económica. Os datos do IGE reflicten que este factor é especialmente acusado entre a emigración de orixe sudamericana: en apenas cinco anos a poboación residente en Galicia con esa procedencia pasou de estar composta por máis de 40.000 persoas a sumar pouco máis de 24.000.
Todas as comarcas do país perden poboación agás A Coruña, Pontevedra e Santiago
Estas cifras danse mentres se reafirman e mesmo se agudizan fenómenos demográficos como a concentración da poboación nas provincias atlánticas -o 75% das persoas residentes en Galicia aséntanse na Coruña e Pontevedra- e o peso crecente dos sete grandes concellos, que xa aglutinan o 36% dos habitantes. Isto sucede nun contexto no que todas as comarcas do país perden poboación agás tres que experimentaron lixeirísimos incrementos: A Coruña, que sumou 461 persoas (un 0,12%), Pontevedra, que gañou 195 habitantes (un 0,16% máis) e Santiago, que con 160 persoas máis medrou un 0,1% a respecto de 2014.
No que atinxe ás sete grandes cidades, a perda de poboación é xeralizada con dúas excepcións: Pontevedra medra un 0,18%, con 144 habitantes máis, e Vigo fai o propio nun 0,08% tras sumar 227 persoas a respecto de 2014. No resto de concellos urbanos os retrocesos poboacionais son a tónica dominante e oscilan entre a perda dun 0,03% na Coruña e o 0,85% de Ferrol.