0 Gardados para despois

"O colapso en Urxencias é consecuencia das carencias en Atención Primaria"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado venres persoal sanitario da área de Compostela denunciaba a situación de "colapso" que se estaba a producir no servizo de Urxencias do Hospital Clínico (CHUS), unha situación que se repetía no Hospital do Barbanza. CIG-Saúde responsabilizaba da situación á "total falta de previsión e organización por parte da xerencia e dirección de enfermería desta área" e criticaban "a falta de recursos humanos". O día 11, por exemplo, pasaran polas Urxencias do CHUS un total de 355 pacientes, con outros 23 pendentes de ingreso. As salas estaban completamente ateigadas e varios das persoas atendidas ocupaban mesmo os corredores do centro. No Hospital do Barbanza ingresaran en Urxencias un total de 111 persoas (e estaban pendentes outras 18), uns datos semellantes aos dos días anteriores.

Nas últimas semanas denunciáronse situacións de "colapso" semellantes no Arquitecto Marcide de Ferrol, sinalando a concelleira de Benestar Social e tenente de Alcalde, Beatriz Sestayo, que algúns doentes con “distintas patoloxías” e “algúns graves” que tiveron que “estar esperando ata 28 horas por unha cama” ao non haber camas dispoñibles no CHUF. De igual xeito, en Lugo, CIG-Saúde alertou hai dez días da situación de "saturación" que se vivía nas Urxencias e tamén en outros servizos, debido a que "seguen pechadas o mesmo número de camas de sempre mentres o hospital está desbordado por doentes mesturados de moitas especialidades". "No HULA contamos con dúas plantas completamente pechadas e outra máis que só está dedicada á atención de pacientes cirúrxicos e polo tanto non se pode contar con ela para facer ingresos ordinarios. Non hai ningunha planificación feita para facilitar a adecuada estancia aos doentes", denunciaba Carmen Aira, responsables do sindicato.

Os problemas repítense (con moita frecuencia) na Mariña, en Vigo ou na Coruña, onde a Comisión de Centro do CHUAC alertou en novembro de que "o déficit de persoal é tan acusado que compromete de xeito moi severo a prestación dunha óptima asistencia aos seus doentes", advertindo de que "a garantía dunha axeitada asistencia sanitaria só descansa na responsabilidade dos profesionais sanitarios e do seu sobresforzo continuado. Sobresforzos físicos e mentais que están obrigados a facer para tratar de compensar a falta de persoal existente e que están a constituír un risco para a súa propia saúde".

"O verdadeiro problema non é a situación que se vive en Urxencias, pero é en Urxencias onde finalmente se visibilizan as carencias"

A situación de colapso non é meramente conxuntural nin afecta só a unha das áreas sanitarias, senón que a saturación que viven os hospitais galegos é xeneralizada e responde a eivas estruturais no sistema. "O problema é o modelo sanitario polo que aposta o PP", resume María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que destaca que "o verdadeiro problema non é a situación que se vive en Urxencias, pero é en Urxencias onde finalmente se visibilizan as carencias". "A realidade é que hai camas pechadas nos hospitais e pouco persoal e todo isto nun contexto de poboación envellecida, cada vez con máis necesidades de atención. E fronte a esta realidade non hai un plan de actuación", subliña.

Abuín destaca os elevados indicadores de frecuentación dos servizos de urxencias. "Temos que preguntarnos por que a xente volve a urxencias". Para a responsable de CIG-Saúde a resposta está nas eivas que se rexistran na Atención Primaria, "a porta de entrada ao sistema", cuxo correcto funcionamento evita as situacións de colapso que se están producindo.

"Para privatizar a sanidade non hai mellor ferramenta que a destrución de emprego público"

O pasado mes de decembro CIG-Saúde esixiu un Plan de Emprego para o SERGAS que cubrise todas as prazas que se perderon desde 2011. Entre o 2011 e o 2015 o SERGAS perdeu 3.527 traballadores e traballadoras, principalmente a través de xubilación. Porén, a recentes ofertas públicas de emprego convocadas pola Xunta sumarán unicamente 633 novos traballadores e traballadoras. As carencias están sendo cubertas (cando se fai) con substitucións de escasa duración. En 2014, denuncia a CIG, o SERGAS realizou 100.000 contratos por días. Nas listas de contratación da Consellería están inscritas máis de 36 mil persoas, profesionais sen praza fixa, que deben ir encadeando substitucións, sumando en moitos casos moi poucos días de traballo (e de salario) ao ano. "Todo o que se contrata é en precario. En vez de crear prazas interinas, fanse contratos de 15 días a persoas que aos seis meses son substituídas porque por lei non podes acumular tantos concretos", critica María Xosé Abuín.

Abuín sinala que dende a decisión de non renovar o Plan de Mellora da Atención Primaria, "só houbo retrocesos"

"Para privatizar a sanidade non hai mellor ferramenta que a destrución de emprego público" -denuncia- "degradas o servizo e así tes unha xustificación para introducir privatizacións". Abuín reclama, sobre todo, un reforzo da Atención Primaria e lembra o avance supuxo o Plan de Mellora da Atención Primaria de Galicia, asinado en 2007 coa participación dos e das profesionais e de grupos de expertos, que entre 2009 e 2011 permitiu que se incorporasen ao sistema 1.049 profesionais cada ano, e que non foi renovado polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo. "Dende entón só houbo retrocesos: fixábase un ratio máximo de 1.200 tarxetas sanitarias por profesional e agora en moitos lugares supérase en moito esa cantidade, e a mal chamada Lei de Garantías non pon ningún tope. Foi tamén un retroceso o feito de que dende a Primaria non se poidan solicitar probas diagnósticas. O sistema está deseñado para poñer atrancos. Estamos como estabamos hai 15 anos. Iso non se pode considerar boa xestión", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.