Lugo, concello "libre de touradas" coa abstención de PP e C's

Pleno do concello de Lugo © Concello de Lugo

Lugo converteuse este xoves no 18º concello galego en declararse "libre de touradas", ao aprobar unha moción presentada polo PSOE, que contou co apoio de Lugonovo, BNG e Alternativa Cidadá de Esquerdas e a abstención de PP e Ciudadanos, sumando finalmente 14 votos favorables e 11 abstencións.

A iniciativa, que partiu da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e da Asociación Animalista Libera, inclúe o compromiso do Concello de non subsidiar ou apoiar esta clase de eventos xamáis, instando tamén á Xunta a derrogar a excepción legal na Lei 1/93 de Protección dos Animais, que agora permite as corridas de touros na comunidade. O texto chegara a recoller previamente perto de 15.000 sinaturas na plataforma de activismo dixital Change.org.

Rubén Pérez, voceiro de Libera e de Galicia, Mellor Sen Touradas, amosou a súa "ledicia" polo acordo plenario, que "reforza sen dúbida o proceso abolicionista galego e continúa a esixir a fin das touradas como auténtica aberración amparada por unha excepción impropia dun sistema democrático moderno". Pérez engadiu que "milleiros de persoas demandan que incentiven medidas para o rescate da cidadanía, non para soster de xeito artificial a un lobby que cada ano expolia cartos de todas e todos para o escarnio e a tortura dun animal".

Ferrol, Fene, Ares, Betanzos, Dodro, Vedra, Teo, Padrón, Cuntis, Poio, Bueu, Cangas, Moaña, Ponteareas, Ourense, A Pobra do Brollón, Manzaneda forman xunto con Lugo a Rede de Municipios Galegos pola Abolición. Tamén as deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra aprobaron a finais de 2015 senllas iniciativas para bloquear calquera subsidio ás touradas, convertíndose nos únicos entes provinciais que se manifestaron contrarias á tauromaquia no conxunto de España.

Pleno do concello de Lugo © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.