Vivir un cuarto de século despois da -actual- idade de xubilación. É o escenario que Galicia afronta de xeito inminente. Os datos de esperanza de vida máis recentes, achegados pola Consellería de Sanidade e procesados polo Instituto Galego de Estatística, acreditan non só o coñecidísimo envellecemento da poboación galega, senón tamén a necesidade de deseñar un país no que atravesar a fronteira dos 65 anos implica xa ter, de media, máis de dúas décadas de vida por diante
A poboación masculina ten unha esperanza de vida de 19 anos dende os 65 e a feminina, de máis de 23
A esperanza media de vida aos 65 estaba a comezos de século un chisco por riba dos 19 anos. Con lixeiras variacións e ritmos, este indicador medio foi aumentando ata superar os 20 anos hai unha década e achegarse aos 22 en 2014, ano no que están datados os datos máis recentes. Como adoito, o dato é dispar entre a poboación feminina e a masculina: mentres os homes aínda non chegan aos 20 anos de expectativa vital ao chegaren aos 65, as mulleres galegas teñen, de media, unha esperanza de vida superior aos 23 anos a partir desa idade.
A lonxevidade da poboación de Galicia fai que non só se incremente a esperanza a partir dos 65, senón tamén alén dos 80. Os homes que chegan a esa idade xa teñen, de media, unha expectativa de viviren 8,97 anos máis. Mentres, as mulleres galegas que en 2014 tiñan 80 anos tiñan, estatisticamente, moitas posibilidades de pasar dos 90.
Tres anos máis dende o 2000
O incremento da esperanza de vida a partir dos 65 é semellante ao deste indicador ao nacer. No ano 2000 unha persoa nacida en Galicia tiña, de media, unha expectativa vital de 79,54 anos. Nas mulleres este indicador estaba por riba dos 83 anos e nos homes, algo por baixo dos 76.
As mulleres galegas teñen xa unha esperanza de vida ao nacer superior aos 86 anos
Década e media despois a esperanza de vivda subiu algo máis de 3 anos ata achegarse aos 83 para o conxunto dos habitantes. A poboación masculina de Galicia tiña xa en 2014 unha esperanza de vida próxima aos 80 anos, mentre que as mulleres galegas xa teñen, ao naceren, a posibilidade media de vivir máis de 86 anos. Este incremento da esperanza de vida, unido á baixa natalidade e á marcha da poboación inmigrante a outros territorios, é o que dá lugar a que, como xa debullou este diario, en territorio galego xa vivan por primeira vez máis persoas maiores de 85 anos que infancia de 5 ou menos anos.
Unha das circunstancias derivadas desta situación é o incremento da poboación en situación de dependencia. Segundo os datos máis recentes do IMSERSO, a finais do pasado xaneiro había xa máis de 65.000 persoas que tiñan recoñecido o dereito a recibiren algunha prestación do sistema de atención á dependencia. Delas, 41.839 estaban a recibir servizos ou axudas nesa data.