"Falta aínda tempo para que a expansión da avespa asiática se deteña"

Niño retirado pola empresa Serpa © Serpa

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) vén de impulsar un programa científico para tratar de frear a expansión da avespa velutina. Un proxecto que será coordinado por investigadores da Universidade de Vigo e co que se pretenden capturar e eliminar 30.000 raíñas de vespa asiática e reducir así o máximo posible a proliferación da especie e diminuír todas as problemáticas que causa, especialmente no verán.

A iniciativa, financiada en solitario por AGA con máis de 50.000 euros de fondos propios, levarase a cabo durante todo este ano 2016, con diferentes fases e co propósito de atopar os mellores métodos para loitar contra esta especie invasora que, segundo datos da Xunta, afecta xa máis da metade dos concellos galegos. Búscase o mellor sistema de trampeo e o atraente máis efectivo e selectivo para capturar estes insectos. Colaboran uns 500 apicultores galegos e o proxecto está coordinado por Sandra Rojas Nossa. Doutora en Bioloxía do Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, advirte da dificultade de erradicar a avespa asiática pero confia en reducir o seu impacto non sen antes lembrar que en Francia levan dez anos loitando contra ela. "Aquí non se fixo o suficiente", di. 

Chegamos tarde para deter o avance da avespa velutina?

É posible frear o avance e aplicar medidas de control para que non se estenda moito máis nalgunhas zonas, pero o crecemento poboacional nos últimos anos foi bastante importante nalgunhas áreas en particular e xa se espallou por toda a costa galega. Temos que seguir traballando en medidas de control. 

"Nin as administracións nin os científicos temos datos que determinen o impacto real económico ou sobre o medio ambiente"

Cre que se minimiza a gravidade do problema ou que non se lle dá toda a importancia que requiriría?

O que ocorre é que non temos, nin as administracións, nin os científicos nin os apicultores, unha medida exacta baseada nos datos que nos determinen cal é o impacto real económico para a apicultura ou os efectos que está a ter para o medio ambiente e os ecosistemas. Os apicultores saben ben que é unha situación grave, pero é moi difícil especificalo sen datos nin estudos que nos permitan unhas estimacións realistas.  

Noutros países lévase anos estudando o problema e intentando atallalo. Faltou previsión?

Iso si. En Francia levan máis de dez anos loitando e aquí parece que non se fixo o suficiente para preparar a sociedade ante a chegada desta especie invasora. 

"En Francia levan máis de dez anos loitando contra a avespa velutina e aquí parece que non se fixo o suficiente"

Será o proxecto de AGA unha maneira de reducir o impacto da velutina?

Iso é o que agardamos. Esperamos reducir o número de velutinas e atopar mellores métodos de control deste insecto en Galicia. Ademais, agardo que este proxecto nos proporcione tamén as bases científicas para continuar co traballo de investigación e avanzando.. Paga a pena continuar porque a problemática así o require, sen dúbida ningunha. 

"A avespa asiática é moi difícil de erradicar pola súa capacidade biolóxica de aprender e aproveitarse do que lle ofrece a natureza"

Semella que será un traballo de moitos anos...

Por suposto. Houbo máis casos semellantes de pragas de avespas invasoras noutros lugares do mundo, como Nova Celandia ou Arxentina. Son organismos moi adaptables, que consomen gran cantidade de recursos e que se adaptan facilmente a diferentes medioambientes. Son moi difíciles de erradicar pola súa capacidade biolóxica de aprender, de ser sociais e de aproveitarse das oportunidades que lles proporciona a natureza. A loita non é nova e por iso unha parte importante do proxecto de AGA consiste en ter en conta os resultados que estamos a ter das investigacións, pero tamén analizar os métodos e datos empregados noutros países para aprender deles. 

"Ten que haber coordinación a nivel europeo; o problema teno e vaino ter a UE"

Os apicultores quéixanse de falta de coordinación entre as administracións. É máis necesaria que nunca?

Non sei exactamente como se está levando ese tema en Galicia ou se hai coordinación ou non, pero definitivamente, ten que haber unha coordinación a nivel europeo. Estes animais non coñecen fronteiras, viaxan e espállanse e o problema teno e vaino ter o medio ambiente e a economía da UE. Xa que formamos parte da Unión Europea, teñen que coordinarse os centros de investigación para non facer o traballo dúas veces, pero tamén para facilitar os labores dos apicultores, dos investigadores e dos científicos. 

Cre que este verán será mellor ou peor? Frearase o avance da avespa velutina en Galicia?

O que comprobamos é que o crecemento da poboación de avespa asiática está nunha fase inicial e exponencial. É probable que sexa o propio medio ambiente o que se encargue de regular a poboación e que se chegue a un límite, a un momento onde xa non creza máis. Pero falta tempo aínda para que cheguemos a ese estancamento.

"Falta tempo para que se estanque o crecemento da súa poboación; non é moi realista pensar na súa erradicación"

Poderase erradicar a avespa velutina en Galicia?

A total erradicación das especies invasoras foi sempre un problema e logralo non é algo moi realista. É moi complicado a non ser que nos deixemos axudar polo medio ambiente e polos seus inimigos naturais e sempre que busquemos solucións ambientalmente responsables. 

Sandra Rojas Nossa CC-BY-NC-SA Campo Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.