A espera da dependencia duplicouse en Galicia tras a fin da 'maquillaxe' do Goberno central

Servizo de fisioterapia para persoas dependentes © Concilia2

Pouco despois de chegar ao Goberno de España, Mariano Rajoy anunciou un paquete de recortes para facer fronte ás esixencias da Unión Europea en materia de déficit. Aquela primeira tesoirada trouxo consigo unha parada na aplicación da Lei de Dependencia, unha "moratoria" na entrada ao sistema para as persoas con dependencia moderada que o Goberno do PP prorrogou co segundo paquete de recortes, aprobado no verán de 2012. A moratoria estendeuse a efectos prácticos ata o pasado verán, cando malia ao endurecemento dos criterios para acceder ás prestacións, a fin da 'maquillaxe' provocou, no caso galego, a lista de espera da dependencia se duplicase folgadamente.

As moratorias formaron parte do paquete de recortes para reducir o déficit

A comezos de 2015 algo máis de 53.000 persoas tiñan recoñecido en Galicia o dereito a recibir prestacións -axudas económicas ou, sobre todo, servizos- ao abeiro desta norma, aprobada en 2007. Delas, unhas 38.700 recibían asistencia, o que deixaba a espera, o coñecido como 'limbo da dependencia', en torno a un 30%. En xuño a cifra de persoas atendidas achegábase ás 39.000 e quedaban unhas 12.400 sen atender. Pero en xullo desconxeláronse as listas e a espera disparouse.

Coa fin da moratoria imposta polo Goberno central a lista de espera en Galicia pasou nun mes de 12.400 persoas a máis de 27.000

Onde un mes antes había 12.400 persoas pasou a haber máis de 27.200, un incremento superior ao 30%. Nos meses seguintes a Xunta continuou a incrementar o número de persoas atendidas ata chegar ás 41.800 en xaneiro de 2016. Son 3.000 máis que un ano antes, pero agora hai agardando 9.000 dependentes máis que en xaneiro de 2015, o que implica que case o 40% das persoas con dereito recoñecido non reciben a asistencia que xa lles foi concedida.   

Unha ollada en perspectiva á evolución do Sistema de Atención á Dependencia dende que existen datos de solicitudes e prestacións, isto é, a partir de outono de 2009, amosa ás claras como a medida de aforro imposta polo Goberno central supuxo un retroceso de practicamente tres anos. O plan de recortes surtiu efecto dun xeito case inmediato e, así, en Galicia pasouse de máis de 63.000 persoas con dereito a prestación a comezos de 2012 a pouco máis de 51.000 xusto antes de que entrasen no sistema as persoas que tiveron o acceso vedado en aras da "austeridade".

Durante estes anos a aplicación da lei sufriu en Galicia un notable estancamento que semellaba comezar a recuperarse durante 2015, se ben a fin da moratoria fai que os obxectivos a cumprir sexan agora moito máis complexos. Tras un descenso continuado no número de persoas atendidas durante o ano 2013, de case 40.000 a algo máis de 36.500-, a Xunta iniciou unha tendencia á alza ata acadar, a comezos de 2016, o número máximo de persoas dependentes a recibir prestacións. No entanto, agora hai máis de 23.000 esperando polas axudas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.