O 15-M, cinco anos despois: Pontevedra acolle este sábado as xornadas 'Das prazas ás institucións'

Imaxe da Xornada © Marea Pontevedra

"O 15M en 2011 significou un punto de chegada e de partida. Un punto de chegada porque agromaron nas prazas de todo o Estado reivindicacións e reflexións que levaban anos desenvolvéndose nos colectivos sociais e nos espazos cidadáns que non atopaban resposta nas forzas da esquerda política tradicional. Tamén significou un punto de partida porque marcou o inicio dun tempo novo, dun auténtico cambio de época, que aínda hoxe estamos tentando concretar". Así se presenta a xornada Das Prazas ás Institucións, que este sábado se celebran en Pontevedra, organizadas pola Marea.

No encontro, organizado por Marea Pontevedra, participarán Íñigo Errejón ou Xulio Ferreiro, así como concelleiros/as de Ourense en Común, Compostela Aberta e Marea Atlántica, deputados/as de En Marea e activistas sociais

No encontro, que terá lugar no Edificio dos Sindicatos (Pasantería, 1) ao longo de todo o día, participarán Íñigo Errejón ou Xulio Ferreiro, así como concelleiros/as de Ourense en Común, Móvete A Estrada, Ames Novo, Marea de Marín, Compostela Aberta e Marea Atlántica, deputados/as de En Marea e activistas sociais. Entre eles e elas, Ángela Rodríguez, Antón Gómez-Reino, Yolanda Diaz, Vanessa Angustia, Marta Lois, Claudia Delso, Xaime Subiela, Ledicia Piñeiro, Luís Rei ou Antón Dobao.

"Fomos quen de mover o taboleiro pero aínda non cambiamos as regras do xogo", descatan os organizadores, que destacan que as xornadas "queren servir como punto de encontro para reflexionar conxuntamente sobre o camiño percorrido e as perspectivas de traballo futuro, tendo en conta os límites do institucional coa correlación de forzas actuais e as posibilidades de desborde que deberiamos implementar para seguir camiñando cara un horizonte de emancipación e xustiza social, igualitario na diversidade".

As xornadas "queren servir como punto de encontro para reflexionar conxuntamente sobre o camiño percorrido e as perspectivas de traballo futuro"

Na presentación do evento, Xoán Hermida salientou que cando se produce un episodio de cambio como o que estamos a vivir, “os contemporaneos non somos conscientes do momento na súa totalidade, as vellas elites o primeiro que intentan é negalo, como fixeron co 15M, para acabar intentar reconducilo politicamente ou acotalo espacialmente”. Nese senso, o Coordinador da Marea sinalou que “estamos diante dun proceso longo, que se inicio no 15M e non remata na suposta investidura ou substituíndo unicamente a Rajoy, e requiren de procesos de reformulación a fondo da forma de entender a política e a democracia; procesos irreversibles xa que hai un antes e un despois”.

“Estamos diante dun proceso longo, que se inicio no 15M e non remata na suposta investidura ou substituíndo unicamente a Rajoy"

O encontro comezará ás dez da mañá e acollerá cinco mesas de debate: "Das prazas ás institución. Percorrido da articulación cidadá", "Feminización da política para unha democracia radical", "Novas ferramentas para o cambio: ampliando as lóxicas partidarias", "Camiñar dende a diversidade para construír un estado plurinacional" e “Patear o taboleiro galego para devolverllo á súa xente”. 

 

Imaxe da Xornada © Marea Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.