Bocas tapadas como símbolo de rexeitamento á "censura". En días pasados o xerente da área sanitaria viguesa, Félix Rubial, advertiu nunha circular remitida ás xefaturas de servizo do novo hospital Álvaro Cunqueiro da inminente retirada dos carteis de protesta nos que o persoal denunciaba diversas carencias no complexo. Ao tempo, o cargo do Sergas ameazaba coa imposición de sancións aos profesionais que teimasen nas mobilizacións. Boa parte do plantel retrucou este mércores ao "ataque á liberdade de expresión" cunha mobilización nos propios corredores.
Convocado pola Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), representantes de diversos servizos acudiron ao Álvaro Cunqueiro, primeiro, e ao hospital Meixoeiro, despois, para facer xusto o que Rubial ameaza con sancionar: protestar 'a pé de obra'. Coas bocas cubertas con máscaras en sinal da "censura" que din estar a sufrir, advertiron de que continuarán a denunciar os problemas que, manteñen, veñen sufrindo profesionais e doentes dende a estrea do novo centro.
"É vostede, señor Rubial, un monicreque nas mans da concesionaria? Pois nós, non". "Neste hospital non permitimos nin nos dá medo a lei mordaza, cóidense vostedes, a carraxe é moita". Frases coma estas volveron poboar taboleiros e portas durante a protesta que foi, segundo os convocantes, secundadas por "varias ducias" de persoas, convencidas de que a Xerencia "ataca a liberdade de expresión" para "acalar unhas críticas" que, advirten, derivan "da carencia de persoal", pero tamén "dos problemas de xestión".
A advertencia da censura estendeuse aos "medios informáticos" despois de que a concesionaria do hospital contratase unha empresa para mellorar a súa imaxe en internet
Como informou Praza.gal, na súa circular o xerente da área sanitaria afirmaba que as "mensaxes en lugares non autorizados" sobre "o deficiente funcionamento das unidades e as súas posibles consecuencias para a saúde" estaban a "inducir temor, alarma e desconfianza sobre a asistencia sanitaria", e por este motivo podían chegar a "vulnerar o dereito á protección da saúde". Así, subliñaba, "os empregados públicos que exhiban esta información" ou os xefes que permitan facelo enfrontaranse de agora en diante a posibles sancións.
A censura ás críticas, indicaba a circular, esténdese tamén aos "medios informáticos", toda vez que a redes sociais veñen sendo o soporte de numerosas queixas sobre o funcionamento do Cunqueiro. Nesta eido, tal e como detallou este diario, a empresa concesionaria do complexo chegou a contratar unha empresa privada para mellorar a imaxes do hospital en internet. Entre os recursos empregados estivo a creación de "usuarios pantasmas" que difundiron mensaxes positivas a respecto do complexo hospitalario en redes como Twitter ou Facebook.