Os promotores da planta de batata da Costa da Morte téntano agora en Viana do Bolo

Planta de metanol © solcanblog.wordpress.com

A empresa Paratermo Energía quere construir nun terreo rústico de 188 hectáreas en Viana do Bolo unha instalación industrial dedicada á produción de metanol (75.000 Tm/ano) e hidróxeno (375 Tm/ano), consumindo como materias primas 75.000 Tm/ano de carbón e 37.500 m3/ano de auga; empregaría como enerxía a radiación solar e xeraría 18.750 Tm/ano de cinzas. Na actualidade a Autorización Ambiental Integrada do proxecto atópase en exposición pública. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) denuncia que se trata dun proxecto "fantasioso, faraónico e ambientalmente moi prexudicial".

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) denuncia que se trata dun proxecto "fantasioso, faraónico e ambientalmente moi prexudicial"

A SGHN denuncia que os impulsores do proxecto "obtiveron un informe favorable do arquitecto asesor" do Concello de Viana do Bolo en base a "unha interpretación moi sui generis" da Lei 2/2010 de ordenación urbanística e proteción do medio rural de Galicia (LOUGA), "pretendendo facer un subterfuxio legal en total ignorancia e incumprimento" do establecido ao respecto na Lei 22/1973 de minas e na Lei 3/2008 de ordenación da minería de Galicia.

A entidade salienta, ademais, que os promotores desta iniciativa xa buscaron no pasado poñer en marcha proxectos enerxéticos semellantes, con modus operandi parecidos e, en varias ocasións, con sonoros fracasos e atopando a paralización dos mesmos por parte da xustiza. Un dos impulsores é Daniel González González, que achega a metade do capital social. Este empresario, a través de empresas como Guradoor SL ou Lisply SA, estivo implicado en proxectos de produción de biocombustibles, metanol e hidróxeno empregando enerxía solar e ocupando sempre grandes extensións de terreos rústicos en Granadilla de Abona (Tenerife, 2009), Tabernas (Almería, 2012) e Coristanco (2015). Os dous primeiros foron iniciados sen permisos e paralizados pola administración, que acabou gañando os recursos xudiciais presentados polas empresas, que reclamaban indemnizacións por lucro cesante de 50 e 620 millóns de euros diarios (ata un total de 85.000 millóns de euros no caso canario).

Un dos impulsores estivo implicado en proxectos de produción de biocombustibles, metanol e hidróxeno empregando enerxía solar e ocupando sempre grandes extensións de terreos rústicos en Granadilla de Abona (Tenerife, 2009), Tabernas (Almería, 2012) e Coristanco (2015)

De igual xeito, o pasado ano a empresa Lysply presentou a través da súa filial Termo-Biológicas un megaproxecto de xeración de biocombustibles na Costa da Morte a partir da plantación de batata, prometendo a xeración de 2.000 postos de traballo directos, cun investimento inicial de 320 millóns de euros. Xa dende a súa presentación, a viabilidade do proxecto foi posta en dúbida, tras un acordo (de abril de 2015) da Comisión de Medio Ambiente da Unión Europea, que limita ao 7% para o ano 2020 o volume máximo permitido de combustibles derivados de cultivos para o consumo enerxético do transporte. En todo caso, semella que os responsables da empresa Lysply, con sede en Panamá, non desistiron aínda das súas intencións e aínda este mes de xaneiro Termo-Biológicas repetía a súa promesa de crear 1.600 postos de traballo en Coristanco.

 

Impacto medioambiental

Ademais das dúbidas sobre a legalidade do proxecto e sobre a solidez da proposta e dos seus promotores, a SGHN destaca que a instalación industrial tería "un moi forte impacto paisaxístico", incompatible "co espírito e a letra da Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia". Entre outras cousas, explica, situaríase a menos de 6 km do Parque Natural do Invernadoiro, a menos de 2 km da ZEC Macizo Central Ourensán, e nun tramo do río Camba incluído na “Proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia”. Preténdese ademais construír nun terreo que se recoñece explícitamente como de “paisaxe abrupta”, e suporía o desbroce permanente nunha franxa perimetral de 100 m de largura ata deixala “libre de vexetación”, de "integración paisaxística moi difícil ou imposible", engade a entidade. Afectaría directamente a un hábitat de interese comunitario (4030: Queirogais secos europeos) e a un hábitat de conservación prioritaria na Unión Europea (91E0*: Bosques aluviais). Finalmente, podería prexudicar a un total de doce especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

 

Planta de metanol © solcanblog.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.