"Os donos das incineradoras deciden que día se fan as medicións para mellorar os datos de emisión de dioxinas"

Braulio Estévez, no Irixo Dominio Público TingaLaranga Audiovisual

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade de Ribadavia comezou o seu traballo de concienciación social e denuncia ao redor da política de residuos no sur de Galicia en 2007, cando se presentou o Plan de Residuos da Xunta e con el o proxecto da planta de tratamento de Carballeda. Este proxecto anulouse en en 2009, o que deu lugar ao novo proxecto do Irixo, neste caso de incineración.

Os promotores da incineradora din este tipo de plantas xa non contaminan, grazas aos avances tecnolóxicos. Isto é así?

Contaminación xera, claro que xera contaminación, non bota colonia. Outra cousa é que cumpra a normativa europea, madia leva! O que pasa é que isto ten unha trampa: hai aspectos que non se poden medir en continuo, como o tema das dioxinas. A directiva europea só pide que se midan dúas veces ao ano, tres o primeiro ano. O que pasa é que a mesma empresa, por exemplo Sogama, é quen contrata a quen lle vén facer as medicións e decide polo tanto que día se fan para mellorar os datos. A incineradora ese día traballa en condicións ideais: ese día non queiman plásticos, non queiman papel, queiman só materia orgánica..., para rebaixar as emisións. Só se poden dar datos de medicións en continuo dun par de cousas, o resto son medias anuais.

"A incineración é o sistema de xestión de residuos que menos postos de traballo xera"

Pero defenden que a planta xeraría uns 250 postos de traballo directo, o que compensaría a contaminación que xerase...

Está demostrado que a incineración é o sistema de xestión de residuos que menos postos de traballo xera, o que xera máis postos é a compostaxe ou a reciclaxe.

A vosa crítica, en calquera caso, diríxese ao modelo de xestión, que criticades por non potenciar a reciclaxe e a recuperación?

A incineración é contraria á reutilización e á reciclaxe, digan o que digan. Por que? Porque a incineración para ser rendible, para obter beneficios vendendo a enerxía xerada, necesita unha gran cantidade de materia para queimar.  No proxecto desta Sogama do sur só se van reciclar 16 mil toneladas de envases lixeiros e 40 mil de  materia orgánica. O resto, unhas 310 mil toneladas, vanse incinerar. A Sogama de Cerceda incinera máis de medio millón de toneladas, que sumadas ás do sur nos dan unha cifra total de 860 mil toneladas de lixo queimadas, do total de 1'1 millóns de toneladas de residuos que se xeran en Galicia. É dicir, vanse queimar máis de tres cuartas partes dos residuos. Segundo a directiva europea, no 2020 necesitamos unha recuperación do 50% da materia. Iso vai facer que nos cheguen sancións económicas de Europa, que teremos que pagar entre todos os galegos e galegas. Tamén pode ocorrer que veña lixo de fóra para queimar aquí, en concreto de Portugal, onde xa hai varias institucións interesadas.

"A incineradora é rendible para a empresa que a xestiona, pero non é rendible para os cidadáns"

Critícase tamén o proceso legal e empresarial seguido para concederlle a instalación da planta a Estela Eólica...

Hai moitas cousas curiosas neste caso. No borrador deste proxecto xa se dicía que ía haber un investimento de 230 millóns de euros achegados por fontes privadas. Como sabían eles nese momento que ía haber alguén que pagase iso por instalar unha incineradora nesta zona? No mesmo mes que se presenta este borrador, Gecal Renovables compra Estela Eólica, que é finalmente quen paga a incineradora. A incineradora é rendible para a empresa que a xestiona, pero non é rendible para os cidadáns.

Como está sendo a resposta social na comarca do Ribeiro?

A mobilización no Ribeiro está sendo mínima, pero estamos seguros de que en canto aumente a información que reciben a mobilización vai ser moito maior. Este sistema permite que a xente mire para outro lado: lévanlle os residuos de diante da súa casa, mándanos para unha zona rural, alí quéimanse, prodúcese enerxía e segundo a versión da empresa non se produce contaminación, seica mesmo saen bolboretas. Isto non é así, pero enganan á xente. Por iso se escolleu O Irixo, porque non agardaban unha resposta masiva da poboación, pero si se está dando.

Abondará coa mobilización social para deter o proxecto?

Para frear esta planta non vai ser suficiente a resposta social. Imos ter que atopar cuestións legais para detela, e que conste que eles o están facendo moi ben neste sentido, pois están cambiando leis para protexerse. Pero hai cuestións que afectan a Patrimonio; un grupo ecoloxista local, Outeiro, denunciou que nos montes comunais nos que queren instalar a incineradora hai varios petroglifos. E segundo Patrimonio, onde hai petroglifos non se poden facer este tipo de actuacións. Tamén existen augas termais que van derivar cara á zona do Carballiño e tamén existe unha figura legal, unha protección europea que impide que se instalen estas plantas en lugares con afluentes termais, polo perigo de contaminación.

© TingaLaranga AudioVisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.