O Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) vén de facer públicos os resultados dun informe sobre a aplicación da Lei Integral realizado a partir da análise de case 500 sentenzas ditadas polas Audiencias Provinciais entre 2012 e 2014. O estudo bota por terra, unha vez máis, o mito da suposta existencia dunha importante cantidade de denuncias falsas nos casos de violencia contra a muller, un argumento que segue a ser empregado por colectivos e persoas machistas.
Só en dous dos 500 casos analizados (o 0,4%) detectouse falsidade no testemuño da denunciante, e nun deles foi para protexer o agresor
Só en dous dos 500 casos analizados (o 0,4%) detectouse falsidade no testemuño da denunciante, e nun deles foi para protexer o agresor. Nesta ocasión, un garda civil presenciara a agresión á muller, pero esta tentou exculpar o seu home, "entrando a súa declaración en franca contradición coa da testemuña", destaca o informe. O xuíz acordou acusala de falso testemuño. O estudo salienta que os datos "evidencian a inconsistencia da alegación de que as mulleres denuncian en falso en moitas ocasións ser vítimas de violencia machista". E lembra o sinalado polo Observatorio nunha declaración anterior, na que subliñaba que o argumento das denuncias falsas debía ser "rexeitado de forma contundente" pois "non só non responde á realidade senón que, ademais, banaliza perigosamente esta forma de delincuencia, cuestionando o dereito das mulleres que a sofren a obter a tutela xudicial efectiva".
O estudo salienta que os datos "evidencian a inconsistencia da alegación de que as mulleres denuncian en falso en moitas ocasións ser vítimas de violencia machista"
Este 0,4% de falsos testemuños (que inclúe o da muller que buscaba protexer o agresor) coincide cos datos recollidos por anteriores estudos. No informe realizado en 2009 polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero a porcentaxe de denuncias falsas era do 0,19%. De igual xeito, a Memoria da Fiscalía Xeral do Estado correspondente a 2014 sinalaba que nos cinco anos anteriores a porcentaxe de causas por denuncia falsa era o 0,018% do total e baixaba máis aínda ao ollar o número no que ficou acreditado que a denuncia era, efectivamente falsa: un 0,005%.
Delitos condenatorios e motivos de absolución
Entre as 497 sentenzas estudadas, 327 foron condenatorias, 120 absolutorias e 50 parcialmente condenatorias e, polo tanto, parcialmente absolutorias. O delito polo que se formula acusación no maior número de casos (no 45%) é o definido no artigo 153 do Código Penal, que tipifica o menoscabo psíquico ou a lesión que non requira tratamento médico ou cirúrxico ou os malos tratos de obra sen causar lesión. O segundo delito obxecto de condena en termos cuantitativos é o de quebrantamento de pena ou da medida cautelar ditada para a protección das vítimas de violencia de xénero, presente en 70 sentenzas -un 18,7 por cento-, seguido do de ameazas leves, que aparece en 67 sentenzas, o 17,9 por cento.
O motivo de absolución máis frecuente (presente en 73 sentenzas, o 40,1 por cento das absolutorias) é a falta de proba suficiente por constar só a declaración incriminatoria da vítima, sen corroboracións periféricas
En canto aos pronunciamentos absolutorios, os tipos penais máis frecuentes son as ameazas leves (obxecto de absolución en 55 sentenzas, o 30,2 por cento das deste signo), seguidas dos delitos contra a liberdade e indemnidade sexuais (51 sentenzas) e o delito de violencia habitual (36 sentenzas). O motivo de absolución máis frecuente (presente en 73 sentenzas, o 40,1 por cento das absolutorias) é a falta de proba suficiente por constar só a declaración incriminatoria da vítima, sen corroboracións periféricas. Séguenlle a falta absoluta de probas (43 sentenzas, o 23,6 por cento) e a absolución por acollerse a vítima á dispensa de non declarar prevista no artigo 416 da Lei de Enxuizamento Criminal (motivo que aparece en 20 sentenzas, o 11 por cento).
No conxunto das sentenzas analizadas aparecen ata 58 atenuantes, sendo o máis frecuente o de embriaguez ou intoxicación aguda por sustancias estupefacientes ou psicotrópicas
No conxunto das sentenzas analizadas aparecen ata 58 atenuantes, sendo o máis frecuente o de embriaguez ou intoxicación aguda por sustancias estupefacientes ou psicotrópicas, presente en 19 sentenzas. Séguenlle a adicción ao alcol ou a sustancias estupefacientes (13 sentenzas). Completan a lista as dilacións indebidas, a reparación do dano, a confesión, as analóxicas á anomalía ou alteración psíquica e o arrebato ou obcecación.
O informe destaca que nos primeiros anos de aplicación da Lei Integral, os criterios dos Tribunais diferían entre os que daban relevancia ao consentimento da vítima e os que o consideraban irrelevante. Con todo, sinalan, as discrepancias doutrinais ao respecto "foron disipadas" polo Acordo de Pleno non Xurisdicional da Sala Segunda do Tribunal Supremo de 25 de novembro de 2008, que declara que "o consentimento da muller non exclúe a punibilidade a efectos do artigo 468 do Código Penal".
Propoñen unha modificación legal
Os expertos do CGPJ avogan por unha reforma urxente dos tipos penais de violencia de xénero para suprimir a esixencia do elemento intencional de dominación ou machismo na conduta do autor. Bastará o feito de golpear ou maltratar "con calquera intención"
O artigo 1 da Lei Integral sinala que a norma ten por obxecto actuar contra a violencia que se produce "como manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres", pero a maior parte das sentenzas analizadas (438) non conteñen ningún pronunciamento sobre esta cuestión, o que implica que ningunha das partes expuxo nestes casos referencia algunha á existencia ou non dun elemento finalístico no delito. Os expertos e expertas do CGPJ avogan por unha reforma urxente dos tipos penais de violencia de xénero para suprimir a esixencia do elemento intencional de dominación ou machismo na conduta do autor. Bastará o feito de golpear ou maltratar "con calquera intención".