A Real Academia Galega proseguirá a batalla legal contra o chamado 'decreto do plurilingüismo'. Tras pasar polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia -que anulou algúns preceptos da norma-, polo Supremo e mais polo Constitucional a institución académica coida que aínda hai marxe de manobra xudicial, neste caso no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Por iso o plenario da RAG vén de decidir que acudirá a Estrasburgo "no nome das familias afectadas" pola restrición do uso do galego non ensino.
A xuízo do plenario da Academia "tanto algunhas disposicións do decreto" como "varias das decisións tomadas ao longo dos procedementos xudiciais seguidos contra esta norma" vulneran "dereitos fundamentais" do alumnado e, por extensión, das súas familias. Trátase, explican, de "asumir a solicitude de nais e pais de menores en idade escolar" que reclaman "seguir adiante na defensa dos seus dereitos de igualdade e non discriminación por razón de lingua".
Estas familias, explica a RAG, "xa pediran o amparo da Academia en 2009", cando o vixente decreto "era aínda un proxecto" para que "defendese o dereito á educación na lingua propia". "Hoxe, despois de cinco anos de aplicación" do decreto, sinalan as familias nunha instancia remitida á Academia, "comprobamos que a norma vulnera o dereito a ser iguais dos nosos fillos e fillas con independencia da lingua", máis aínda tendo en conta que o galego é un idioma oficial en Galicia.
As familias que se dirixiron á RAG coidan que o decreto dificulta que a infancia "poida levar unha vida en galego como persoas adultas" e "conduce" os nenos e nenas "a deixaren a súa lingua para non quedar marcados"
Así as cousas, a institución pasa a estar "apoderada" por estas familias para que "defenda no seu nome os dereitos dos menores" en Estrasburgo. Os argumentos que porán sobre a mesa son os das propias nais e pais, segundo os cales "a norma afonda na desigualdade histórica e conduce a enormes dificultades para exercer o dereito para falar galego" e "levar unha vida en galego como persoas adultas". "Estas dificultades -coidan- son imposíbeis de superar" se na etapa escolar "se lles transmite que a súa lingua non é útil, se lles dificulta a comunicación cos seus compañeiros" e "sobre todo, conduce os nosos fillos e fillas a deixaren a súa lingua para non quedar marcados".
O decreto impulsado polo actual Goberno, lembra a academia, reduciu a presenza do galego nas aulas tanto no eido cuantitativo, pasando da metade a un terzo das materias, como cualitativo, xa que se veta a lingua galega no eido técnico. É por isto que a Academia "decidiu esgotar todas as vías xudiciais" contra a norma, que agora será avaliada en Estrasburgo. Nesta demanda a RAG "lembrará as advertencias do Consello de Europa", que no seu último informe sobre a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias "identifica problemas importantes, entre os que sinala a diminución do ensino en galego" e ve "moi negativo" que o galego apenas estea presente no 7% do ensino infantil nas poboacións de máis de 50.000 habitantes.