0 Gardados para despois

"Hai que entender a transición a unha sociedade postcapitalista como unha oportunidade para vivir ben con menos"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Emilio Santiago Muíño (Ferrol, 1984) vén de publicar No es una estafa, es una crisis (de civilización) (Enclave, 2015) e Rutas sin mapa. Horizontes de transición ecosocial (Los Libros de la Catarata, 2016), nos que debulla os mecanismos para abandonar as sociedades baseadas no petróleo e no consumo. Doutor en Antropoloxía Social, na súa tese de doutoramento -defendida o pasado mes de xaneiro- analizou a (obrigada) transición cara a unha sociedade post-petróleo en Cuba trala caída da URSS. É membro, ademais, do Grupo de Investigación Transdisciplinar sobre Transiciones Socioecológicas, e formou parte do grupo promotor do manifesto Derradeira Chamada.

Aínda que nacido na cidade naval, marchou moi novo cos seus pais a Móstoles, onde vive. Ten ampla experiencia en movementos sociais e é, por exemplo, un dos fundadores do colectivo de investigación e transformación social Rompe el Círculo da localidade madrileña, principal impulsor do paso dado hai uns meses por Móstoles, que se uniu ao movemento de Cidades en Transición. Emilio Santiago Muíño, completando o retrato, é autor de dous poemarios e forma parte do grupo de rap Punto de Fuga e escribe letras para a formación Las órdenes de mayo.

A pesar da súa xuventude, converteuse nos últimos anos nunha das voces españolas máis respectadas entre o ecoloxismo social e a defensa dunha transición cara a unha sociedade postcapitalista. Estará este mércores 23 en Ferrol (Ateneo Ferrolán, 19.30 horas) presentando as súas dúas obras máis recentes. Falamos con el.

"Se quedamos unicamente co lema da estafa é fácil que o que resulten sexan propostas de volver a un escenario social que xa é imposible"

Titulas un dos teus libros, de forma provocadora, No es una estafa. Es una crisis (de civilización). Nos últimos anos, no marco da crise económica, os recortes e da contestación social que provocaron, esqueceuse a base do problema?

O lema Non é unha crise, é unha estafa ten certo encanto político, porque nos permitiu reactivar a loita de clases, o que sempre está ben. O problema é que este lema, que pode ter certo atractivo político, peca á vez dun erro grave de diagnóstico, que é pensar sobre todo na estafa -que si a houbo, na medida en que asistimos a unha operación belixerante por parte das elites para cargar sobre as clases populares a parte máis grosa da crise esta- e crer que esta opera nun sistema económico san. En realidade estamos funcionando sobre a maior disfuncionalidade da historia do capitalismo. Se quedamos unicamente co lema da estafa é fácil que o que resulten sexan propostas de volver a un escenario social que xa é imposible. Se os movementos sociais e de contestación non afinan un pouco máis o seu diagnóstico de época, é posible que xorda un movemento que leve a unha frustración terrible. O lema mobiliza algo importante: o feito de atopar responsables, pero hai que reflexionar algo máis alá diso e ver que por debaixo da operación de socialización de perdas nos estamos enfrontando a un problemón histórico para o que non temos referentes que nos indiquen que facer.

"Perdemos hai tempo a fiestra de oportunidade de facer unha transición ordenada e tampouco nos queda moita marxe para que esa aterraxe de emerxencia logre adquirir un rostro humano"

É xa tarde para poder levar a cabo unha mudanza ordenada cara a unha sociedade post-petróleo? Ou todas as saídas pasan xa por cambios que terán efectos traumáticos na sociedade?

 

É tarde, si. A oportunidade perdémola nos anos setenta. A dos setenta é unha década moi especial, que os historiadores no futuro entenderán que nela había unha serie de elementos que terían facilitado unha transición ordenada e menos traumática cara a sociedades sostibles. Agora estamos nun escenario completamente distinto, que é un escenario de aterraxe de emerxencia. Do que se trata é de salvar os mobles e de minimizar o dano que si ou si imos sufrir. É un tanto descorazonador, porque é difícil construír e activar un movemento social se dis claramente que o mellor que pode pasar é empatar e mal. Non se pode gañar neste tema. Pero non deixa de ser estimulante o intentar ese fracasar mellor, como di Jorge Riechmann nun dos seus libros. Perdemos hai tempo a fiestra de oportunidade de facer unha transición ordenada e tampouco nos queda moita marxe para que esa aterraxe de emerxencia logre adquirir un rostro humano. Temos moi pouco tempo e as inercias sociais estannos empurrando cada vez máis cara ao peor dos escenarios posibles.
 
Por onde pasan as solucións para acadar esta aterraxe de emerxencia? Abonda con cambios a nivel persoal, de hábitos, son necesarias grandes decisións políticas e colectivas, unha mudanza radical de cultura...?

A solución pasa por todos estes camiños. Pero creo que convén desmontar algúns relatos  que nos últimos anos se fixeron moi fortes. Hai que dicir, primeiro, que o cambio individual é insignificante se consideramos os retos que temos que enfrontar. Non digo que non teña o seu valor, pero a transición pasa por cambios na vida colectiva. Habería moito que discutir sobre prioridades e tarefas. Nun dos libros fago un pequeno esbozo de tarefas a abordar no século XXI, e clasifícoas en tres grandes eixos de traballo: un que tería que ver coa reconversión de todo o noso metabolismo enerxético e material, o modo en que intercambiamos enerxía e materiais cos ecosistemas. Outro eixo ten que ver coa transformación dos nosos sistemas socio-económicos e politico-xurídicos, porque aínda que esa especie de reconversión eco-eficiente se levase a cabo estaría destinada a fracasar se non conseguimos vivir en sociedades que non fagan do crecemento a súa condición de posibilidade; isto lévanos ao tránsito cara a sociedades post-capitalistas, o que é unha tarefa inmensa.

"Se non somos quen de inventar outra idea de felicidade que nos permita vivir ben ou mellor con menos, é moi probable que fracasemos"

E un terceiro eixo, tamén imprescindible, que ten ver co cambio no paradigma cultural, que está relacionado coas nosas cosmovisións pero tamén cos nosos valores e coa idea de felicidade que nos goberna. Fago moita énfase na cuestión do desexo: se non somos capaces de construír un movemento que faga do descenso enerxético e material unha aventura de vida excitante, se non somos quen de inventar outra idea de felicidade que nos permita vivir ben ou mellor con menos, é moi probable que fracasemos e que o que xorda dos nosos sistemas sociais sexan solucións eco-totalitarias ou eco-fascistas.

En que medida estes debate están presentes no debate político e na axenda social? É a esquerda máis permeable que antes da crise a estas ideas? Hai dous anos publicouse o manifesto Derradeira Chamada, cunha importante presenza de líderes políticos e sociais, pero dá a impresión que non se avanzou moito por ese camiño...

Non se avanzou nada. E todos estes temas, ademais, están completamente fóra do debate político en España. É moi significativo que no debate a catro da última campaña electoral -que coincidiu no tempo coa celebración en París do Cumio do Clima- non houbo unha soa mención á loita contra o cambio climático; xa non falo de poñer en cuestión o a filosofía do crecemento senón de facer referencia a un relato oficial, que estaba convocando a toda a gobernanza mundial. E creo que a esquerda segue sendo igual de impermeable. O manifesto Derradeira chamada é interesante como signo, que nos fala dunha época, coas súas contradicións. Coido que foi masivamente asinado porque refire a un ámbito, o da sostibilidade, que soa ben dentro dunha certa corrección política. O problema chega cando afondamos un pouco e debatemos as implicacións desta sostibilidade.

"Estámonos convertendo nunha especie de banco de peixes sen memoria, que é un dos síntomas máis claros da nosa propia crise de civilización: a nosa incapacidade para priorizar os asuntos importantes e darlles resposta"

Creo que hai dous grandes obstáculos para que este tema entre na axenda política, mesmo da esquerda. O primeiro é que se trata dun programa completamente incompatible coas bases de funcionamento do noso sistema. Nese momento algunhas voces próximas a Podemos comentaron algo como falando de decrecemento non se gañan eleccións, polo tanto é imposible colocalo no centro do debate público. Ao que se lle podería responder: e gañar as eleccións para non enfrontar ese problema, de que serve?. Está claro que isto é un problema real, porque para gañar as eleccións tes que xogar con estratexias para grandes maiorías e iso, para facelo en pouco tempo, tes que facelo cos vimbios discursivos existentes. O segundo obstáculo ten que ver coa propia intelixencia colectiva das nosas sociedades, que están sufrindo un profundo proceso de dexeneración, que fai que un tema chegue nun momento, ocupe o centro do debate e a atención social por un breve tempo, e se dilúan rapidamente. Estámonos convertendo nunha especie de banco de peixes sen memoria, que é un dos síntomas máis claros da nosa propia crise de civilización: a nosa incapacidade para priorizar os asuntos importantes e darlles resposta.

"A experiencia de Móstoles é extrapolable só en parte. Hai que ter en conta que un grupo de persoas, moi concienciadas co tema do peak-oil, levaban case unha década traballando moi intensamente neste tema, non é algo que aparecese de súpeto"

Quería que me explicases a experiencia que levades anos poñendo en marcha a través de Rompe el Círculo e que agora está a ser posta en práctica dende o propio Concello de Móstoles. É exportable, por exemplo, a entidades locais galegas?

A nosa experiencia comezou en 2003, cunha serie de persoas que viñamos do movemento libertario, que tomamos conciencia do tema do pico do petróleo e que entendemos que iso o cambiaba todo. Comezamos a facer un traballo de intervención social, dende o local e dende o barrio. No 2011 o 15M multiplicou o alcance da nosa actividade e este ano o Concello de Mostoles aprobou unha declaración oficial, que de momento non deixa de ser un papel, que aínda hai que concretar en accións concretas e en proxectos prácticos na cidade. A experiencia de Móstoles é extrapolable a outros lugares só en parte. Compartimos unha mesma paisaxe social, hai un desencanto de época, que se alimenta da crise socio-económica, pero non só. Pero tamén hai que ter en conta singularidades: Móstoles ten un tecido de movementos sociais moi forte e, ademais, acadárase un ambiente de entendemento entre as distintas tendencias políticas da esquerda. Ademais, hai que ter en conta que un grupo de persoas, moi concienciadas co tema do peak-oil, levaban case unha década traballando moi intensamente neste tema, non é algo que aparecese de súpeto. Custounos catro anos de traballo chegar a un diagnóstico compartido polas forzas sociais mostoleñas do ámbito do anticapitalismo.  Agora temos o reto, que é un reto enorme, de saír da esfera de influencia dos movementos sociais e chegar á cidadanía que non se mobiliza.

Como se consegue isto? Que estratexias se poden poñer en marcha?

Ademais da difusión e da divulgación, é importantísimo traballar coas prácticas. A esquerda sobrevalorou o papel da conciencia nos cambios sociais, cando a xente cambia máis cando o cambio lle ofrece solucións prácticas aos seus problemas. Non se trata tanto de difundir como de xerar as alternativas que lle sirvan á xente. Creo que é importante traballar ao mesmo tempo dentro e fóra das institucións; ao mesmo tempo que negociamos proxectos coas administracións, non deixamos de facelos fóra da institución, porque entendemos que o camiño institucional ten límites. Tamén chegamos á conclusión de que temos que partir dun marco común, e dende aí ir dando pasos moderados. Ti non podes ir cun discurso que sexa diametralmente oposto ao que a xente percibe e sente.

"Hai unha serie de cousas que xa están no noso marco cultural, e que fan que a xente desexe outro tipo de vida que a sociedade de consumo non lles pode dar"

Hai unha serie de cousas -que habería que esforzarse máis en detectar- que xa están no noso marco cultural, e que fan que a xente desexe outro tipo de vida que a sociedade de consumo non lles pode dar. Temos que traballar cunha idea de abundancia de tempo, de relacións persoais densas, doutro modo de felicidade baseado en vidas máis sinxelas... Iso xa está aí, iso non hai que construílo coma se fósemos bruxos. E iso é o que nos está permitindo chegar máis á xente. Hai que entender a transición como unha oportunidade para vivir mellor, unha oportunidade de vivir ben con menos -o que chamamos luxosa pobreza-, aínda que iso nos leve a minimizar os enormes custes sociais que necesariamente vai ter. Pero se vas cun discurso baseado no custe social e no sufrimento das cun muro de impermeabilidade. Hai que atopar un equilibrio entre a responsabilidade de dicir a verdade do que pasa e a capacidade de namorar ou de ilusionar co cambio que vén.

Que leccións podemos aprender, salvando as distancias, da experiencia cubana durante o Período Especial, na que o país tivo que funcionar con moitos menos recursos, o tema no que centraches a túa tese de doutoramento?

Podemos aprender moitas cousas. Iso si, primeiro quero dicir que a imaxe que temos da transición en Cuba está profundamente idealizada. A cousas foi moito máis complexa e moito máis dura do que ás veces se conta. En calquera caso, conseguíronse logros que eu cualifico de históricos. O problema é que foi unha transición forzada polas necesidades, e en ningún caso operou ningún cambio antropolóxico que fixese ao pobo cubano desexar iso. Por iso agora estamos asistindo a unha readaptación do metabolismo cubano ás coordenadas globais que está botando para atrás moitos dos logros que se viviron nesa época. Cuba ensínanos que é posible esa transición e dános pistas sobre algúns ingredientes claves que non poden faltar, pero ao mesmo tempo amósanos os grandes límites que temos: ata que os cubanos non desexen desengancharse da sociedade de consumo -e actualmente non o desexan, todo o contrario- a transición ten os pés de barro.

"Se non somos quen de querer vivir mellor con menos, vai ser imposible que non derivemos en sociedades eco-totalitarias que nos farán pelexar polos últimos recursos que queden no planeta"

A miña investigación tivo polo tanto un resultado agridoce: á vez que constatas que houbo cousas concretas que funcionaron moi ben -dende a agricultura urbana ata ver como a agroecoloxía pode alimentar unha nación con poucos químicos- ves tamén que o pobo cubano non quixo enfrontar esa transición, e no primeiro momento que hai a posibilidade de achegarse á sociedade de consumo lánzanse a por iso. O socialismo debuxou unha paisaxe social que facilitou algunhas cousas e dificultou outras, pero a sociedade cubana é en esencia unha sociedade profundamente moderna na que o consumo de mercadorías segue sendo un elemento central, que lle dá sentido ás vidas. E mentres iso siga sendo así, vai ser moi complicado que a xente queira voluntariamente decrecer. De novo atopamos o problema cultural: se non somos quen de querer vivir mellor con menos, vai ser imposible que non derivemos en sociedades eco-totalitarias que nos farán pelexar polos últimos recursos que queden no planeta.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.