A loita por recuperar o carácter público do Álvaro Cunqueiro chega tamén ao Congreso

Vista xeral do novo hospital de Vigo © Sergas

O polémico hospital de Vigo Álvaro Cunqueiro chega agora ao Congreso. En Marea vén de presentar no rexistro na Cámara Baixa unha proposición non de lei solicitando que se anule a adxudicación do centro á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo -liderada por Acciona-, ao considerar que "vulnera a lexislación sobre contratos de colaboración público-privada pois non garante a igualdade na concorrencia das empresas aos contratos do Estado". Pide, xa que logo, rescatar o carácter público do centro sen indemnización para a adxudicataria. 

En Marea pide que se anule a adxudicación do Álvaro Cunqueiro por vulnerar a lei ao non garatir a igualdade na concorrencia das empresas aos contratos do Estado

A demanda, segundo explica o grupo de En Marea, recolle o sentir da denuncia presentada pola Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) co apoio da Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, que entende que esta concensión de obra pública, en lugar de asinar unha colaboración público privada, "trata de evitar por parte da Xunta a fiscalización da Lei de Contratos do Estado, que esixe xustificar cun informe a necesidade de recorrer a financiamento privado para este tipo de obras e servizos".

En Marea destaca na súa reivindicación que o contrato do Álvaro Cunqueiro fíxose "a base de abaratar custos e aplicar recortes que superan o 30% en camas funcionais e quirófanos e máis da metade das camas de Urxencias previstas inicialmente, ademais de rebaixar a calidade dos equipamentos e dos sistemas de protección", tal e como denunciou en numerosas ocasións o propio persoal sanitario. "Estes recortes supoñen unha modificación do contrato ao que aspiraban outras empresas cuxas ofertas foron descartadas e que benefician a concesionaria privada, á que non se lle diminúe, no entanto, a percepción do canon do contrato", alega a formación galega.

En Marea destaca que o risco de financiamento de 320 millóns foi asumido en gran parte polo Sergas a través dun crédito do Banco Europeo de Investimentos

En Marea destaca que o denominado risco de financiamento de 320 millóns de euros, que por contrato tería que asumir a Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, "foi cuberto en gran medida polo Sergas cun crédito de 110 millóns do Banco Europeo de Investimentos", que non dá créditos a empresas privadas, e do Instituto de Crédito Oficial (ICO), que ten por finalidade financiar pequenas e medianas empresas. "Esta manobra supón unha clara vulneración da lexislación da UE sobre contratos público-privados e supón unha trama perfectamente deseñada para ocultar o endebedamento do novo hospital, que non se considera público pero é asumido na práctica pola propia Administración", denuncia o grupo.

A formación galega propón rescatar o carácter público do centro sen indemnización para a adxudicataria por incumprimento do contrato

En Marea propón rescatar o carácter público deste centro hospitalario sen indemnización para a adxudicataria por incumprimento do contrato, que vulnera a Lei de Contratos do Estado español e da UE sobre contratos público-privados. A formación galega tamén pon enriba da mesa a necesidade urxente de "reparar as deficiencias do Hospital Álvaro Cunqueiro e dotar axeitadamente o novo centro sanitario de referencia no sur da provincia de Pontevedra".

 

Unha loita desde Galicia a Europa

Precisamente este pasado martes, varios representantes de SOS Sanidade Pública, acompañados dunha delegación de Podemos-Galicia, acudiu ao Parlamento Europeo a explicar a situación do hospital de Vigo logo de que a Comisión Europea admitise a trámite unha denuncia contra a adxudicación do proxecto do centro baixo o polémico modelo de colaboración público-privada. Malia os atentados e o risco que correu, a expedición galega reuniurse con varios eurodeputados e buscou "tecer alianzas" con outros movementos, tanto en España como na UE, que loitan contra modelos de financiamento e xestión privada de hospitais públicos, como o caso de Alzira.

A AGDP xa se unira á demanda realizada por 300 profesionais, que reclamaron a recuperación do proxecto orixinal para superar os problemas que presentan as instalacións baixo o modelo público-privado. Tamén AGE, nun tenso pleno no Parlamento galego, propuxo que a Xunta pague os 70 millóns que achegaron as concesionarias para evitar a "peaxe na sombra" desta instalación.

Comparecencia de profesionais e pacientes en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.