Sada sufriu onte as inundacións máis graves que se recordan, que tamén foron importantes noutros lugares, como Carballo, Betanzos, Oleiros ou Cambre. Entre as zonas máis afectadas na vila coruñesa estiveron as rúas de A Lagoa e Río, e tamén a contorna de As Brañas. E importante emprestar atención a estes nomes, pois en moitos casos a microtoponimia é relevante para entender as causas das enchentes e a súa gravidade.
Son moitas as localidades nas que nas últimas décadas se levou a cabo un intenso proceso de urbanización en espazos que -de forma permanente ou circunstancial- adoitaban acoller o paso de cursos de auga: regos, regatos, as propias beiras dos ríos -algunhas veces desviados e moitas veces canalizados- ou terreos húmidos coma gándaras e brañas. Moitos destes lugares, hoxe ocupados por edificios, rúas, estradas, campos de fútbol ou polígonos industriais, conservan o seu microtopónimo orixinal, que dá conta de que por alí nalgún tempo pasou a auga. E de que o pode volver facer se non atopa outro lugar para seguir o seu camiño natural.
Algo así sucedeu en Sada, como explica o arquitecto Carlos Fernández Coto, responsable da iniciativa Canibalismo urbanístico, tamén chamado Feísmo. Na zona máis afectada polas inundacións conflúen dous pequenos regatos e unha zona de brañas naturalmente inundable (que mantén o seu nome); ata hai unhas décadas esas augas chegaban ata o mar de forma natural, a través dun río. Porén, cando esa parte da vila foi urbanizada, o río foi canalizado e soterrado baixo os edificios, a través dunha canle de 250 metros de lonxitude que desemboca na praia. "Hai cen anos, cando había unha enchente saía por onde podía, por outros regatos, sen acumularse" -explica Carlos Fernández Coto- "Hoxe a propia vila de Sada conforma unha barreira que fai o efecto encoro e toda a auga acumulada só ten un lugar por onde saír: esa canalización do río que vai por debaixo da rúa e dos edificios". "Cando coincide unha crecida coma a que houbo estes días -con todo o que choveu- cunha marea alta que impide que se desaugue, pasa o que pasou. Ao final chega igual ao mar, pero inunda as rúas, que actúan de canles artificiais", engade.
Isto non só sucede en Sada, por suposto. Nos últimos véñense sucedendo noticias de graves inundacións en máis en máis lugares de Galicia, como por exemplo Oia, Vilagarcía ou Redondela, crecidas que en moitos casos están relacionadas coa forma e o lugar no que se construíu, impedindo que a auga circulase naturalmente e provocando que se acumulase nalgún lugar, sen vías de escape. "O de Sada de onte foi moi semellante ao que pasou en Redondela, onde hai unha zona inundable, na beira do río que baixa canalizado, que tamén sofre estes problemas. Alí, como en moitos outros sitios, foron construíndo ata o mesmo pé do río", di. "A min o que me preocupa é que se, co cambio climático, hai unha suba do nivel do mar de, digamos, 50 centímetros, poñéndonos no ano 2050, estes problemas van ir a máis", alerta.
"En Galicia sempre choveu igual que agora, pero a auga ía baixando ata o mar a través dos ríos, canles e agras, de forma natural e sen causar problemas. Porén, cantas máis barreiras imos poñendo, máis se concentra a auga e provoca estas cousas"
O problema é complexo, reprodúcese por todo o país (non só nas cidades ou vilas grandes) e ten que ver cunha mala planificación, cunha deficiente ordenación do territorio e, en xeral, con poñerlle barreiras á auga. "En Galicia sempre choveu igual que agora, pero a auga ía baixando ata o mar a través dos ríos, a través de canles, a través das agras, de forma natural e sen causar problemas. Porén, cantas máis barreiras imos poñendo, máis se concentra a auga e provoca estas cousas", sinala. "Cando falo de barreiras falo de todo: de autoestradas pero tamén de pistas forestais que non respectan a topografía, senón que se trazan en liña recta, para chegar dun punto a outro. Falo tamén desa obsesión que temos os galegos por pechar as leiras. Por iso seria importante que se prohibira pechar as leiras con elementos non permeables (cemento, bloques), que non deixan pasar a auga (os tradicionais de pedra, sen cemento, si que eran permeables)", di. "Está todo relacionado. Mesmo hai unha gran diferenza entre os lugares nos que están plantados carballos, por exemplo, ou eucaliptos: a folla de carballo impide que a auga chegue ao solo tan rapidamente, impedindo a erosión".
"Cómpre planificación" -destaca- "O problema é que aínda hai concellos que non teñen plan xeral de ordenación. E, de feito, ata hai uns vinte anos, a maioría carecían del. E mesmo os que había en moitos casos limitábanse a planificar rúas e alturas, sen afondar moito máis, sen un estudo no que participasen expertos de varias disciplinas, como xeógrafos, xente que coñeza o territorio. Esa non é a función dos arquitectos". "En realidade, cousas coma a de Sada, onde se construíu sobre un río, sábense, a información está aí, o que pasa é que non se ten en conta. Planifícase e constrúese sen ter en conta a realidade do terreo que está debaixo. Á hora de redactar un plan de urbanismo deberían consultar cos vellos do lugar", di.
"Cousas coma a de Sada, onde se construíu sobre un río, sábense, a información está aí, o que pasa é que non se ten en conta. Planifícase e constrúese sen ter en conta a realidade do terreo que está debaixo"
Fernández Coto salienta que "agora afortunadamente estamos nunha situación máis favorable, grazas a que a Xunta aprobou certas normas, moi necesarias. Por exemplo o Plan de Ordenación do Litoral". "Aínda así a xente segue querendo construír onde sexa, e cando lles explicas que non se pode construír a menos de 100 metros do río, pois non o entenden, e dinche que 'eu na miña leira fago e desfago'", critica.
É que facer con casos coma o de Sada, nos que -en principio- as inundacións se van repetir de forma periódica mentres non se tomen medidas? "Pasa o mesmo que coa A8. Agora xa se fixo e hai que buscar unha solución para que a brétema deixe circular", ironiza. "Non é doado, hai que ir a solucións de enxeño que non entran no que é a normalidade. Probablemente haxa que suprimir algunha rúa e deixar que a rúa que se construíu no lugar que ocupaba o río volva ser río. Non sei se con iso abondaría, pero sería a solución máis inmediata", di.
*Nos mapas seguintes pódese observar, grazas ás fotografías aéreas tiradas polos voos americanos de 1956 e 1957, o aspecto que presentaban as vilas de Sada e Redondela antes de que se levase a cabo a parte máis importante do seu proceso de urbanización, que conformou unha barreira impermeable no -ata ese momento- curso natural de evacuación das augas do río cara ao mar. E comparar (deslizando a imaxe a esquerda e dereita) coa situación actual.
Sada
Redondela