O Congreso dá un paso para deter a Lomce pero só a formación de goberno evitará a reválida

Pola retirada da LOMCE CC-BY-SA CIG-Avantarvideos

A fin da polémica Lomce (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa) puido dar o seu primeiro paso este martes. O pleno do Congreso prevé aprobar -cos votos a favor de PSOE, Podemos, En Marea, En Comú Podem, Compromís e os nacionalistas- a toma en consideración da prosición de lei do PSOE que pide "a paralización do calendario de aplicación" da tamén denominada lei Wert e a derivada "suspensión da entrada en vigor das normas ditadas no seu desenvolvemento que non tivesen aínda vixencia ou aplicación efectiva". 

Superado o trámite, abriríase agora un prazo de emendas en comisión para, máis adiante, chegar ao Senado, onde a maioría absoluta do PP fará que o trámite regrese ao Congreso. Son todos estes pasos os que poden provocar que o resultado da votación deste martes sexa tan só simbólico, sobre todo se non hai acordo para a investidura e un novo goberno e se disolven as Cortes. Diso dependerá que a fin da Lomce sexa máis ou menos inmediata e, sobre todo, que se celebren ou non as reválidas que puxeron en pé de guerra a comunidade educativa, as plataformas na defensa do ensino pública ou as anpas. 

A paralización do calendario da Lomce só aseguraría impedir a celebración da próxima reválida de haber un novo goberno

A vindeira debería celebrarse en mes e medio, entre mediados e finais de maio no caso de Galicia. De paralizarse a Lomce, en teoría, paralizaríanse estas avaliacións externas tan polémicas de 6º de primaria, a vindeira prevista, así como a de 2º de Bacharelato, no próximo curso. Pero non todas as voces da comunidade educativa cren que se chegue a tempo, sobre todo de non formarse novo goberno. 

Fernando Lacaci, vicepresidente da Federación de Anpas Galegas, ve "moi difícil" a paralización das reválidas. "É posible que moitos dos efectos da Lomce si se paralicen, máis aínda a medio prazo, pero para a avaliación falta mes e medio", advirte. Non pensa exactamente igual a Confapa. Helena Gómez, a súa vicepresidenta, considera, porén, que "cando menos se paralizarán as reválidas" de maneira inmediata tras a votación deste martes. Segundo algunhas fontes, a propia Xunta considera que esa sería a posibilidade máis factible pero preparan xa toda a loxística para celebrala "e cumprir a lei". Non será así en todas as autonomías, xa que algunhas gobernadas por outros partidos xa se declararon insubmisas. 

As Anpas galegas cren "difícil" paralizar unha reválida que se celebraría "en mes e medio" e Confapa cre que si se poderá deter

A clave está na formación ou non de goberno por parte do PSOE, que se comprometeu a que evitar o desenvolvemento desta proba sexa unha das súas primeiras medidas. Podería chegar a tempo de evitar a de maio. Pero de haber novas eleccións, o curso escolar remataría co Executivo en funcións e todos os alumnos de 6º de Primaria terían que enfrontarse a esta avaliación final. 

É por iso que a Ceapa, a nivel estatal, xa reclamou aos partidos que optan por derrogar a Lomce que se poñan de acordo. "Que non nos leven a outras eleccións porque temos que paralizar esta lei antes", insiste Helena Gómez.

Ao final, Ciudadanos obviou o seu pacto co PSOE e abstívose na votación. Aseguran no partido laranxa que, aínda que o documento recolle a paralización da lei Wert, tamén apostan por un Pacto pola Educación que non está na proposta socialista que, lembran, estaba redactada antes do seu acordo para a investidura. "Paralizarase con carácter inmediato o calendario de implantación da Lomce en todos aqueles aspectos que non entraron en vigor", di o documento que asinaron Albert Rivera e Pedro Sánchez. 

"O máis importante é falar dun grande acordo transversal", dixo Antonio Roldán, voceiro de C's na materia, que pediu unha comisión para buscar consensos para outra lei educativa. "Non serve para nada derrogar e ir cara atrás", insistiu. 

Ciudadanos obviou o seu pacto co PSOE e abstívose na votación porque "non serve para nada derrogar e ir cara atrás"

Si votaron a favor Podemos, En Marea, En Comú Podem, IU-UP, Compromís e os nacionalistas. No caso da formación morada, as confluencias galega e catalá e IU a súa aposta vai pola derrogación, máis alá da súa paralización. Desde o PSOE, Rafael Simancas, quen defendeu a proposición, ve nesta paralización "o primeiro paso para a derrogación" da lei Wert e para unha nova normativa "perdurable e froito dun gran pacto educativo". Por Podemos, Ione Belarra dixo apostar "decididamente pola derrogación completa, inmeida e inequívoca".  

Manifestación contra a Lomce en Vigo CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.