A lembranza de José Couso fai 13 anos a esixir xustiza, agora coa lei en contra

Concentración en memoria de José Couso CC-BY-NC-ND Adolfo Luján

Transcorreron xa 13 anos dende que o 8 de abril de 2003 o cámara ferrolán José Couso era asasinado polo ataque do exército estadounidense ao hotel de Bagdad no que se aloxaba a prensa internacional que cubría a invasión de Iraq. Un ano máis, familiares e amizades de Couso, ademais de colectivos profesionais do xornalismo e doutros ámbitos, conmemoran a data esixindo "xustiza". No entanto, o deste 2015 é un aniversario especialmente agre, toda vez que é o primeiro que chega tras a reforma da xustiza universal aprobada en solitario polo PP, que o pasado xuño obrigaba o xuíz Santiago Pedraz a pechar a causa na que investigaba o sucedido.

"A morte do xornalista continúa sen ser xulgada e estes últimos doce meses trouxeron malas novas para os amigos, familiares e compañeiros de profesión", sinala este 8 de abril o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que dende 2004 organiza o Premio José Couso para "recoñecer e difundir o traballo" de persoas e organizacións a prol da liberdade de prensa. Para o CPXG, o freo do proceso xudicial e a reforma mesma que a provocou "deixa indefensos os xornalistas", pero tamén as persoas que traballan no ámbito da cooperación internacional en países que sofren conflitos armados.

Senllas concentracións en Ferrol e Madrid esixirán "xustiza" e rexeitarán a reforma da xustiza universal que obrigou ao arquivo da causa

Estas reivindicacións serán as que estarán na rúa esta fin de semana combinadas coa propia lembranza do cámara asasinado. A primeira cita é en Ferrol, na Praza da Paz José Couso do barrio de Esteiro, este sábado ás 12 da mañá. A segunda convócaa en Madrid a Asociación de Irmáns, Amigos e Compañeiros de Couso, o domingo a mediodía, de novo diante da embaixada dos Estados Unidos. "Manifestamos -din- a nosa resistencia cidadá fronte a gobernos que lexislan de forma submisa incumprindo o dereito internacional", aínda que isto implique "acabar coa posibilidade de perseguir xudicialmente crimes de guerra".

"José Couso foi asasinado", subliña o colectivo, e por iso, advirte, continuarán a loitar por "conseguir xustiza" aínda que o arquivo do caso, que teñen recorrido perante o Tribunal Supremo, torne en definitivo. O seguinte paso legal sería acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, advirten.

O goberno local da Coruña propón dedicarlle a Couso unha rúa da cidade

As homenaxes á memoria de Couso contaron tamén este 2016 coa achega do Concello da Coruña, cuxo goberno anunciou, cadrando co aniversario, a sú aintención de "propoñer o nome do reporteiro gráfico para unha rúa na cidade". Por iso, avanzan, "o primeiro paso será trasladar a proposta á Comisión de Honras e Distincións" e, posteriormente, ao pleno municipal.

Lembra o Concello coruñés que a investigación xudicial da morte de Couso chegou a derivar no encausamento de "tres militares estadounidenses polo crime, aínda que a investigación quedou arquivada tras as reformas aplicadas polo Goberno central en relación coa Xustiza Universal". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.