"Hai un sistema que provoca unha indiferenza brutal sobre o que lle sucede ao outro"

Xabier Ron, co cartel das xornadas Dominio Público EU

"Se non hai presión social, non se vai facer nada". Esquerda Unida vén de poñer en marcha un ciclo de xornadas que baixo o título Crise Humanitaria: Ás portas de Europa están a percorrer Galicia, coa colaboración do Foro de Inmigración, promovendo o debate sobre a situación das persoas refuxiadas e as persoas migrantes. Mugardos, Vigo, Boiro e A Illa xa acolleron as primeiras charlas e nas vindeiras semanas será a quenda de Ponteareas (15 de abril), O Grove (19 de abril), Lugo (28 de abril), Cangas (6 de maio), e doutras vilas e cidades que se irán unindo. En cada unha das citas proxéctase o documental Las muertes de Ceuta e lévase a cabo un debate no que participan distintos activistas do Foro Galego de Inmigración ligados a cada localidade, así coma Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE, que coordina a iniciativa. 

"Baixo o problema -que chaman eles- dos refuxiados, buscan ocultar a realidade dos inmigrantes"

"Hai que falar do tema, e falar ben. Porque hai moita desinformación. A pesar de que Idomeni está na axenda mediática, hai unha gran desinformación sobre o que significa a política actual que está a levar Europa" -destaca Ron- "Estas xornadas buscan explicar que non se poden confundir os discursos, como está facendo hoxe en día a UE de forma maniquea. Baixo o problema -que chaman eles- dos refuxiados, buscan ocultar a realidade dos inmigrantes. Este videofórum busca concienciar sobre os dereitos das persoas migrantes e os dereitos das persoas refuxiadas, dereitos que están sendo conculcados".

As mortes de Ceuta

O traballo de investigación sobre o incidente na fronteira de Ceuta no que en febreiro de 2014 morreron 15 persoas que tentaban entrar en España dende Marrocos abre cada un dos debates. "23 delas foron devoltas de forma colectiva -o que chamamos devolucións en quente- e 15 delas morreron asasinadas, sen que se cumprise o deber de socorro", denuncia Ron. "Despois explicamos a sentenza exculpatoria que se produciu en outubro de 2015, que en base a argumentos falsos e totalmente denigrantes exculpou a Garda Civil de ter cometido calquera tipo de delito; na sentenza ven dicirse que foron os inmigrantes os que se expuxeron ao risco e que foi culpa deles", engade.

O acordo UE-Turquía

"No 2015 houbo máis de 3.700 mortes no Mediterráneo. Por iso nós dicimos que este é un tratado criminal, que participa deste crime, por moito que lle queiran dar un verniz de legalidade"

As xornadas buscan tamén analizar as consecuencias do tratado entre a UE e Turquía para a expulsión das persoas refuxiadas fóra das fronteiras da Unión, un acordo que motivou unha querela de Izquierda Unida contra Mariano Rajoy. "Cando un tratado se asina vulnerando os dereitos humanos e as convencións internacionais de protección dos refuxiados, e se asina cando hai probas de que Turquía disparou contra persoas refuxiadas matándoas, está claro que estamos ante un tratado criminal", subliña Ron. "O tratado ten consecuencias inmediatas e tamén a medio prazo. O feito de situar buques militares no Mar Exeo para impedir o paso das persoas refuxiadas e migrantes, vainas obrigar a buscar cada vez rutas máis perigosas, polo que cada vez van estar máis expostas a morrer no Mediterráneo e noutros lugares. No 2015 houbo máis de 3.700 mortes no Mediterráneo, segundo datos de Acnur. Por iso nós dicimos que este é un tratado criminal, que participa deste crime, por moito que lle queiran dar un verniz de legalidade", denuncia. "O dereito de asilo existe para as persoas refuxiadas nada máis saír dun país en guerra. E nós, en cambio, o que fixemos foi retelos en campos de internamento e de detención, como é Idomeni", engade.

Falta de debate

"Non pode ser que na enquisa do CIS do mes de febreiro a preocupación polos refuxiados ou polo racismo sexa o 0%. Algo está fallando. Hai un discurso que solapa e agacha todo"

Búscase difundir a existencia e a actividade da Rede galega de apoio ás persoas refuxiadas e tamén do Foro Galego de Inmigración. Búscase tamén fomentar o debate, "pero un debate sereo, de fondo. Porque neste país cando hai un debate, é un debate de golpes, espectacularizado. E despois non ten consecuencias", sinala Ron. "Cando aparece a fotografía dun neno morto na praia, lánzanse unha serie de iniciativas, de promesas, de declaracións institucionais. Pero cando tentas traducir iso a realidades, ves que non hai nada: meses despois Galicia acolleu cero persoas, e en toda España foron 18", exemplifica. "Non pode ser que na enquisa do CIS do mes de febreiro a preocupación polos refuxiados ou polo racismo sexa o 0%. Algo está fallando. Hai un discurso que solapa e agacha todo, un verniz no que a xente acaba crendo", denuncia. "Non hai interese político, por iso o social o que ten que facer é presionar, porque se non hai presión social, non se vai facer nada", engade.

Os dereitos das persoas migrantes

"Non é posible endurecer máis os requisitos para que as persoas migrantes accedan a Europa, as persoas migrantes viven nun estado de excepción permanente"

Fálase das persoas refuxiadas, pero tamén das persoas migrantes sen ese dereito de asilo que, en teoría deberían ter garantido por proceder de países en guerra ou por razóns de persecución. "Non debería haber esa diferenza, en realidade. O que eles chaman inmigrantes irregulares son persoas que saen dun país non só por motivos de guerra, senón por motivos de persecución étnica, por motivos de persecución por dimensión relixiosa, por dimensión afectivo-sexual... A fame é un poderoso motivo para marchar dun país, é unha violencia estrutural", di.

"Non é posible endurecer máis os requisitos para que as persoas migrantes accedan a Europa, as persoas migrantes viven nun estado de excepción permanente e, nese senso, a Lei de Estranxeiría de 2003 e o seu regulamento son profundamente restritivas. Os inmigrantes sofren no día a día discriminación no acceso a servizos públicos e no acceso a dereitos. En ocasións quedan nunha situación irregular ao perder o seu traballo, aínda que leven dez anos en Galicia. E calquera día pódenos deportar a través dos CIEs", denuncia. "Prodúcese unha persecución silenciosa e silenciada, que fai que estas persoas vivan con medo. Un medo que moitas veces tamén impide que estas persoas ergan a voz para denunciar situacións de explotación laboral", engade.

A responsabilidade da cidadanía europea

"Europa constrúese de costas ao social e de costas aos dereitos humanos, erguendo unha estrutura de protección como Frontex, militarizando as fronteiras, criminalizando as persoas migrantes, en vez de ter un discurso de dereitos humanos"

Para Xabier Ron, "Europa constrúese de costas ao social e de costas aos dereitos humanos, erguendo unha estrutura de protección como Frontex, militarizando as fronteiras, criminalizando as persoas migrantes, en vez de ter un discurso de dereitos humanos. Máis aló dos aspectos conxuntural, de fondo está a configurarse unha Europa racista, tanto no institucional coma nos discursos políticos da ultradereita". "Se algún día houbo algunha posibilidade de crear unha Europa social, hoxe é imposible. Se non lle damos a volta de forma radical a esta forma de entender a cooperación, non hai nada que facer", conclúe.

"O que está pasando faiche entender por que no pasado sucederon e se permitiron cousas que hoxe nos parecen incomprensibles"

"Cando hoxe vemos unha película sobre os campos de concentración nazis ou sobre procesos de guetización emocionámonos, choramos. Porén, somos incapaces de proxectar e reflexionar no que na actualidade está a suceder con todas estas persoas, cando é o mesmo proceso. Cando colectivamente os metemos nun barco, sen informalos sobre os seus dereitos, estamos facendo o mesmo", reflexiona. "O que está pasando faiche entender por que no pasado sucederon e se permitiron cousas que hoxe nos parecen incomprensibles. E sucederon como suceden hoxe", di. "Hai un sistema que permite que exista unha indiferenza brutal, unha indiferenza sobre o que lle sucede ao outro e que se viste cun discurso do medo, da xenofobia, da porofobia, do medo ao pobre", remata.

 

Xabier Ron, co cartel das xornadas Dominio Público EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.