O estudantado volve á folga contra a Lomce e "os pactos que non contemplan a súa derrogación"

Pancartas chamando á folga estudantil do 13 de abril CC-BY-NC-SA Erguer

Os estudantes volven esta semana á rúa e á folga contra a Lomce e o Decreto 3+2. En Galicia, a organización Erguer -xurdida da confluencia de Comités, Liga Estudantil Galega e Agir- e Asemblea Nacional de Folga -xurdida ao abeiro das mobilizacións na Facultade de Filosofía de Compostela- convoca paro e mobilizacións para o vindeiro día 13, unha xornada que o Sindicato de Estudantes estende tamén ao día 14, data na que este colectivo levará a cabo as manifestacións coincidindo coa convocatoria a nivel estatal. 

A organización galega Erguer convoca paro e manifestacións para o día 13; o Sindicato de Estudantes estende a folga ata o 14

En ambos os dous casos, o estudantado esixe a "derrogación completa" da polémica Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa e do Decreto 3+2, o que permite reducir a duración dos graos universitarios e aumentar os másters. Malia que o Congreso apoiou a pasada semana a paralización do calendario da Lomce, as organizacións convocantes insisten na súa eliminación total -ao igual que na Cámara Baixa formacións como Podemos, En Marea, En Comú Podemo ou IU e BNG e AGE a nivel galego-, máis aínda tendo en conta que tan só unha imprevisible formación de goberno impediría que se seguise aplicando mesmo no vindeiro curso e que a supresión das polémicas reválidas parece xa inviable. 

"A nós non nos chega", aclaran desde Erguer, que aposta pola "completa eliminación" dunha Lomce que, lembran, "impón as reválidas, outro xeito máis de segregar o estudantado ao impoñer barreiras ao final de cada etapa educativa que limitan a obtención do título a unha única e azarosa proba". Para a organización galega, a lei Wert "afonda na recentralización de competencias educativas e na uniformización do ensino" e é "españolizadora, confesional, antipedagóxica, privatizadora, clasista e patriarcal", ademais de "afondar na falla de igualdade de oportunidades no ensino". E é, ademais, outro "ataque ao ensino" que "o PP leva practicando desde hai anos". 

A paralización da Lomce aprobada polo Congreso, pendente da improbable formación de goberno, é insuficiente para as organizacións estudantís

Nesta derrogación "completa" insiste o Sindicato de Estudantes, que a nivel estatal amosou tamén o seu "profundo rexeitamento" ao pacto entre PSOE e Ciudadanos por ser "unha completa burla ao movemento de millóns de estudantes, profesores e pais" ao "non derrogar a Lomce, nin o 3+2 nin eliminar a relixión das aulas". "Non recuperarán os milleiros de millóns de euros de recortes no ensino público nin volverán contratar os profesores que despediron; de feito, o escandaloso pacto nin tan sequera recolle a gratuidade do Bacherelato nin da FP", di a organización, que cre que todo isto é "un aclro aviso" da futura "imposición de taxas académicas" para o ensino medio e a "legalización das taxas abusivas" xa instauradas na FP. 

Desde Asemblea Nacional de Folga, organizada a través de asembleas abertas en varios puntos do país, insisten en saír á rúa "por unha educación pública, de calidade e de balde, democrática, participativa, en galego, feminista e antipatriarcal". E insisten en denunciar a "reconversión económica do ensino mediante a reproducción de políticas orientadas de cara a un modelo neoliberal", acentuadas coa Lomce e co Decreto 3+2. 

Erguer advirte dos "pactos entre forzas políticas españolas que non contemplan a derrogación da Lomce"

En canto a este Decreto 3+2, Erguer advirte dunha nova forma de "mercantilización do ensino público", ademais dunha suba "sangrante" das taxas respecto atempos anteriores, ao suprimirse un ano de grao, quedando este con tres, o que supón a "esixencia de realizar un mestrado ou posgrao de especialización de dous anos de duración, coa consecuente subida nos custos que isto supón para a clase traballadora".

Ao tempo, insisten en censurar os recortes, acentuados nos últimos anos no profesorado, e chaman á "folga e á mobilización" do ensino medio e universitario este mércores 13, tamén tendo en conta que "os pactos que se están a artellar entre as forzas políticas españolas non contemplan a derrogación da Lomce". Así, as manifestacións convocadas por Erguer celebranse ás 12 horas en: 

  • Compostela – Alameda
  • A Coruña – Praza de Vigo
  • Ferrol – Edificio da Xunta
  • Lugo – Praza do Seminario
  • Pontevedra – Praza da Peregrina
  • Ourense – Subdelegación de Goberno
  • Melide – IES de Melide
  • Vigo– Praza América

Ademais, haberá concentracións en Caldas de Reis, Cangas, Ponteares, Vilagarcía, Ribadeo, Castro de Rei, Ribeira e Verín, tamén ás 12 horas, e en Moaña (ás 11) e O Carballiño (ás 20 horas). 

No caso da convocatoria do Sindicato de Estudantes, que aposta pola folga xeral non só o día 13 senón tamén o día seguinte, as manifestacións celebraranse precisamente ese xoves 14. Terán lugar ás 12 do mediodía na Coruña (Praza da Palloza), Ferrol (Praza de España), Lugo (IES Rafmón Ferreiro), Compostela (Alameda), Ribeira (Praza do Concello) e Vigo (Praza América). 

Manifestación contra a LOMCE en Vigo CC-BY-SA CIG-Avantarvideos
Pancartas da Asemblea Nacional de Folga © ANF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.