O futuro de Reganosa, en mans do Goberno en funcións

Rolda de prensa do Comité Cidadán, con Jorge Suárez, alcalde de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

A loita contra Reganosa xógase, máis ca nunca, no campo político. A sentenza do Tribunal Supremo que a pasada semana anulou a autorización administrativa previa da planta obriga o Goberno central en funcións a posicionarse e a, nun prazo máximo de dous meses, paralizar a actividade da regasificadora ou aprobar unha nova autorización. Nas vindeiras semanas, ademais, o Supremo pronunciarase tamén sobre a legalidade da autorización do proxecto de construción da instalación, un ditame que podería dar de novo a razón aos veciños e veciñas de Mugardos.

Na rolda participou tamén o alcalde da cidade, Jorge Suárez, que expresou unha vez máis o seu apoio ás demandas da plataforma: "Esta é unha vitoria importantísima. A loita está máis viva que nunca"

Representantes do Comité Cidadán de Emerxencia ofreceron este mércores unha rolda de prensa en Ferrol, na que a avogada Patricia Gabeiras debullou o contido da sentenza coñecida a pasada semana. Na rolda participou tamén o alcalde da cidade, Jorge Suárez, que expresou unha vez máis o seu apoio ás demandas da plataforma: "Esta é unha vitoria importantísima. A loita está máis viva que nunca".

"O apoio político neste momento é clave, porque o cumprimento da sentenza por parte do Ministerio pode ser forzado dende as institucións políticas", salientou Gabeiras, que agradeceu o apoio de Suárez neste senso. Así mesmo, nas vindeiras semanas AGE e En Marea levarán esta demanda ao Parlamento galego e ao Congreso. 15 anos despois, en certa forma, o conflito volve ao punto de partida, nunha situación que en parte lembra á vivida hai uns meses en Pontevedra con ENCE: para que Reganosa siga en marcha, o Goberno en funcións ten que adoptar unha decisión política, aínda que o máis probable é que -de conceder a autorización- o Executivo tente facela pasar por un trámite administrativo. 

"Reganosa non ten vontade de cumprir as sentenzas Ata onde queren que xoguemos? Ata onde queren chegar?", preguntouse a avogada Patricia Gabeiras

"Por fin, despois de moitos anos de traballo, o Tribunal Supremo deunos a razón", salientou Gabeiras, para quen a sentenza constata que "para conseguir esa autorización previa, Reganosa enganou".  A pasada semana, inmediatamente despois de coñecerse o ditame do Supremo, Reganosa anunciou que xa estaba traballando en "resolver" esta "anomalía", é dicir, en conseguir que o Ministerio de Industria (a través da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas) aprobe unha nova autorización.

"Reganosa non ten vontade de cumprir as sentenzas", subliñou a avogada. "Agora teñen que comezar de novo todo o proceso. Van tentar acadar unha nova autorización, que tamén será ilegal e que tamén recorreremos. Pódenlle dar as voltas que queiran, mesmo falan de conseguir unha autorización provisional, que é algo que non existe na Lei de HidrocarburosAta onde queren que xoguemos? Ata onde queren chegar?", dixo. Gabeiras denunciou, así mesmo, a presión mediática exercida por Reganosa para difundir a súa visión sobre este conflito: "técnicas propias doutras épocas e doutros réximes", sinalou.

Na empresa tamén dan por perdido o xuízo sobre a autorización de construción e asumen que deberán solicitar igualmente ante o Ministerio unha nova 

O Comité Cidadán amósase confiado en que a sentenza do recurso presentado pola asociación veciñal O Cruceiro de Mehá contra a autorización do proxecto de execución da instalación tamén será contrario aos intereses de Reganosa. Na empresa tamén dan por perdido ese proceso e asumen que deberán solicitar igualmente ante o Ministerio unha nova autorización de construción. Este xoves Diario de Ferrol apunta a que Reganosa prevé realizar ambos os dous trámites (o da autorización previa e o da autorización de execución) por xunto.  

"Este é un caso vergonzoso, un dos exemplos máis claros da corrupción económica, política e financeira que sufriu este país nos últimos anos. En España empobrecémonos en parte por estas practicas", concluíu Gabeiras, sinalando que a planta non achega beneficio ningún para a cidadanía, "só para os seus accionistas e o seu consello de administración". "Cando escoitamos falar da pobreza enerxética, da dificultade ou imposibilidade que moitas familias teñen para pagar os recibos da luz ou a calefacción, temos que pensar que é produto de operacións coma a de Reganosa, que estamos pagando entre todos e todas", explicou. 

"Este é un caso vergonzoso, un dos exemplos máis claros da corrupción económica, política e financeira que sufriu este país nos últimos anos"

Na rolda de prensa, os representantes do Comité volveron lembrar as razóns da ilegalidade dunha planta que foi resistindo as sucesivas sentenzas xudiciais na súa contra a través de decisións políticas e de parches lexislativos, coma a modificación do PXOM de Mugardos que en 2012 aprobaron Xunta e Concello. Entre outras, que Reganosa está a 200 metros do núcleo habitado da parroquia de Meha, a 800 do centro de Mugardos, e que ten o Arsenal militar de Ferrol a 1.200 metros e o centro urbano da cidade naval a 1.500. Tamén incidiron unha vez máis nas súas denuncias á connivencia do Goberno galego e ao papel do Grupo Tojeiro ou de José Luís Méndez, que segue a formar parte do Consello de Administración da empresa

O Comité Cidadán pide que se conxele o sistema retributivo en base ao cal os accionistas de Reganosa reciben unha remuneración garantida

A través das iniciativas que se presenten no Congreso o Comité Cidadán esixirá a paralización da actividade da planta -en base ao artigo 109 da Lei de Hidrocarburos, que recolle como infracción moi grave o incumprimento das decisións xuridicamente vinculantes- e tamén que se conxele o sistema retributivo en base ao cal os accionistas de Reganosa (propiedade, fundamentalmente, da Xunta -24,3%- e do Grupo Tojeiro -50,69%-) reciben unha remuneración garantida. Queren evitar que se repita o caso da planta do Musel (Xixón), cuxos accionistas seguiron recibindo achegas económicas do Estado a pesar da paralización da actividade da instalación. A pelota está, pois. no tellado do Goberno en funcións. E a loita regresa (en realidade sempre estivo aí) ao campo da política.

 

Rolda de prensa do Comité Cidadán, con Jorge Suárez, alcalde de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública
Rolda de prensa do Comité Cidadán, con Jorge Suárez, alcalde de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.