0 Gardados para despois

"Galicia precisa dun modelo territorial de aquí a 10, 20, 30 ou máis anos vista"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Falta a valentía desde os poderes públicos de faceren fronte á desfeita territorial de forma radical, o que non significa que teña que ser algo inmediato, pero si decidido. Noutras palabras, Galicia precisa dun modelo territorial e un plan nacional de desenvolvemento, un referente, unha guía, sabermos como queremos ser e onde queremos chegar de aquí a 10, 20, 30 ou máis anos vista". Xoán Paredes é xeógrafo especializado na Europa Atlántica e no ordenamento territorial e dende que se fixo público o anuncio do proxecto de fusión entre os concellos de Cotobade e Cerdedo se amosou moi crítico coa iniciativa. Non só con esta fusión concreta (que si analiza moi negativamente) senón coa ausencia dunha acción decidida de cara a planificar estratexicamente o territorio.

Reclama unha acción decidida da Xunta para impulsar unha planificación territorial estratéxica para as vindeiras décadas

Pontevedrés e nacemento, viviu moitos anos en Cataluña e Irlanda, onde defendeu a súa tese, centrada na organización territorial de Galicia entre 1950 e 2004. Reclama unha acción decidida da Xunta para impulsar unha planificación territorial estratéxica para as vindeiras décadas. "Claro, isto necesariamente implicaría desmontar por arrastre moitos chiringuitos, moitas redes clientelares, enfadar a moita xente, e xa sabemos que nada diso é politicamente rendíbel", sinala. Aínda que subliña que "a nivel popular este debate sería abraiante, pois a forma que temos os galegos e galegas de relacionármonos coa nosa xeografía é moi peculiar e apaixonada, diferente á doutros lugares". "Pensemos nisto como unha construción colectiva da Galicia futura", conclúe.

"Pensemos nisto como unha construción colectiva da Galicia futura"

O vindeiro venres 22 de abril Paredes ofrecerá en Pontevedra, xunto con Rita Iglesias (veciña de Cerdedo e integrante da plataforma Non á fusión Cerdedo-Cotobade) unha palestra organizada pola asociación Amig@s da Cultura. Será no Centro Social do Gorgullón (Rúa Pedro Sarmiento Gamboa, 7), a partir das 20 horas.

A actual estrutura administrativa galega axústase a realidade do país? En que dirección deberían orientarse os cambios?

A estrutura territorial vixente ven derivada das reformas municipais e provinciais de 1833 a nivel estatal. É dicir, o modelo actual de municipios e provincias foi en grande parte un invento imposto, inspirado á súa vez na organización centralista francesa. Tamén tivo problemas noutras partes do Estado, mais no noso caso rachou con estruturas tradicionais provocando uns desequilibrios que aínda sufrimos hoxe en día e que seguiremos sufrindo, pois ese marco espacial eivado non responde á xeografía, psicoloxía, nen necesidades do país, nen case 200 anos máis tarde nunha sociedade xa diferente. Cando fozas en algo tan íntimo e conservador como o propio espazo no que vives, a túa “paisaxe cultural”, ou o arranxas ou ten que pasar muito máis tempo, pero perdendo polo camiño unha grande parte da túa identidade.

Alternativas hai varias pois é un debate moi vello e, como comentei, a Galicia de hoxe en día non é a Galicia daquela, así que o máis importante sería, antes de nada, decatármonos de que o que temos non funciona e que é preciso mudalo. A partir de aí pódense explorar alternativas como a proposta parroquia-comarca funcionando como eixo local-rexional, eliminación das provincias, etc. Sempre dentro dun proceso amplo, aberto e transparente, que levaría tempo e paciencia, pero que estimo indispensábel.

Galicia dispón na actualidade das ferramentas legais e competencias para levar a cabo unha reforma axeitada desta ordenación territorial?

"Dispomos de lexislación infrautilizada, derivada do artigo 27 do Estatuto de Autonomía, que lle outorga á Xunta o poder de organizar as parroquias, municipios e comarcas a vontade"

Dispomos de lexislación infrautilizada, derivada do artigo 27, puntos 2 e 3, do Estatuto de Autonomía, que lle outorga á Xunta o poder de organizar as parroquias, municipios e comarcas a vontade, así como competencias en ordenamento territorial. Chegados a este momento, quen me dera que polo menos se utilizaran esas competencias ao límite, algo que nunca se fixo independentemente da cor política porque nunca houbo unha idea clara a longo prazo desde o Goberno Galego, nunha houbo unha visión estratéxica, ou se a houbo baseábase en non trocar o demasiado o estado das cousas e non dar guerra.

Falando do tipo de reforma profunda que en verdade precisaríamos aí si ficamos curtos. Por exemplo, as provincias non tocan sen permiso do Estado pois para iso son o seu instrumento. Dubido que o proceso que a Galicia debería encetar poida ter lugar dentro dese marco estatal. Aínda así, repito, nin somos quen de aproveitar o que xa temos, sexa por inoperancia interna ou presións externas. En calquera caso é un desastre.

"Reflexión haina. Falta a valentía desde os poderes públicos de faceren fronte á desfeita territorial de forma radical, o que non significa que teña que ser algo inmediato, pero si decidido"

O máis grave é a falta de reflexión existente en Galicia sobre esta situación e sobre como tratar a ordenación territorial do país de cara ás vindeiras décadas?

Reflexión haina, igual que contestación desde 1833. Desde as revoltas contra o centralismo até as consideracións de “clásicos” como Castelao ou Pedrayo, chegando a toda unha morea de debates académicos, estudos, teses, traballos, e moitas conversas en bares. A meu ver falta a valentía desde os poderes públicos de faceren fronte á desfeita territorial de forma radical, o que non significa que teña que ser algo inmediato, pero si decidido. Noutras palabras, Galicia precisa dun modelo territorial e un plan nacional de desenvolvemento, un referente, unha guía, sabermos como queremos ser e onde queremos chegar de aquí a 10, 20, 30 ou máis anos vista. Ten que ser algo minimamente consensuado entre todos e todas e que dispoña de mecanismos de autocorreción, que sirva de directriz para outros plans complementares e menores, incluídos os locais.

Aí entra en xogo a chamada planificación territorial estratéxica, que non é nada novo e que implicaría, en primeiro lugar, observar como se fan estas cousas en lugares parecidos a nós e irmos aprendendo. É por definición un proceso lento, pausado, meditado, pero que unha vez comeza non pode ter marcha atrás. Senón continuaremos como sempre dando voltas e remendando con máis leis do solo. Claro, isto necesariamente implicaría desmontar por arrastre moitos chiringuitos, moitas redes clientelares, enfadar a moita xente, e xa sabemos que nada diso é politicamente rendíbel.

Quen debería iniciar ou estar detrás dese proceso? Temos quen o poida facer?

"A Xunta dispón dos poderes e capacidade para colocar a idea na opinión pública, chamar a diálogo ás universidades e especialistas, facer consultas, preparar informes. É un proceso técnico complexo que iría alén dos catro anos electorais"

A Xunta dispón dos poderes e capacidade para colocar a idea na opinión pública, chamar a diálogo ás universidades e especialistas, facer consultas, preparar informes, etc. É un proceso técnico complexo que iría alén dos catro anos electorais pero por fortuna moi ben definido, feito e contrastado noutros lugares. Hai toda unha serie de etapas que van desde a idea inicial até a implementación final, tendo despois  un mecanismo de seguimento e axuste, sempre de cara á cidadanía e contando con ela.

En verdade, unha vez iniciado un proceso así despois temos as vías para decidirmos se queremos deputacións ou non, fusionar concellos ou non, comarcalizar ou non, e como. Pero ten que ser entre todos e todas e cun seguimento profesional escrupuloso, sabendo que existen equilibrios delicados, que nos podemos equivocar e que nalgunha altura teremos que rectificar. Non pasa nada. Pensemos nisto como unha construción colectiva da Galicia futura. Coido que a nivel popular este debate sería abraiante, pois a forma que temos os galegos e galegas de relacionármonos coa nosa xeografía é moi peculiar e apaixonada, diferente á doutros lugares. As nosas referencias espaciais, sexan marcos de leiras, parroquias, barrios, rúas, cidades ou concellos están sempre presentes nas conversas diarias. Ese tema está aí sempre dalgunha forma, é parte do noso cerne cultural. É cuestión de pulilo e traballalo.

"Coido que a nivel popular este debate sería abraiante, pois a forma que temos os galegos e galegas de relacionármonos coa nosa xeografía é moi peculiar e apaixonada, diferente á doutros lugares"

Como comparas a situación que se dá en Galicia aqui coa que se deu nas reformas territoriais en Cataluña, por exemplo?

Partimos da base de que falamos de países diferentes, con culturas, sociedades, pasado, xeografía e estruturas territoriais previas diferentes. Por exemplo, a reforma territorial estatal do S.XIX tamén foi imposta á forza alá, pero afectou de forma diferente; foi máis alieníxena para nós. Para nós as referencias deberían ser países da nosa contorna xeográfica, que é a Europa Atlántica, onde temos moito que observar en lugares como o Norte de Portugal, Irlanda ou mesmo Dinamarca. Iso sí, na Cataluña houbo cando menos esa vontade transformadora, e eles decidirán se saiu ben ou mal, mais hai traballo feito. Tamén é certo que dispoñen da capacidade (económica, entre outras cousas) de crearen estruturas en paralelo ás estatais, facilitando a desconexión e reorganización interna, utilizando o seu teito competencial ao máximo como punto de partida.

"O triste deste caso é que en política territorial – encanto á visión global do territorio – Feijoo case que está facendo bo ao Fraga, que é moito dicir!"

Como valoras o plan de comarcalización levado a cabo polo Goberno de Fraga, con escaso desenvolvemento e hoxe posto en cuestión?

O plan de comarcalización Fraga-Precedo de 1997 sempre foi criticado por ser pouco ambicioso. Foi acusado de covarde por non rachar cos límites provinciais, pola propia división comarcal, por estar adecuado a redes preexistentes, polo posíbel uso electoralista dos orzamentos e centros comarcais, etc. Claro que ese plan non podía funcionar pois nacía eivado, pero tamén debemos ser xustos e admitir que foi unha tímida tentativa de facer algo diferente, de potenciar unha serie de dinámicas inter-municipais embora responderan a un único señor. Acho que a comarcalización por si mesma non está en dúbida, máis ben fracasou unha forma de facela que respondía a un impulso moi particular. Desaparecido Fraga pouco sentido tiña continuar con ese proxecto en concreto, como se da Cidade da Cultura se tratara. Realmente a comarcalización morreu de inanición. O triste deste caso é que en política territorial – encanto á visión global do territorio – Feijoo case que está facendo “bo” ao Fraga, que é moito dicir! [risos]

É a concentración municipal unha solución contra o despoboamento do rural?

Da concentración municipal non sabemos nada, eis o asunto. Fálase de fusionar concellos alegremente sen memorias xeográficas profesionais, sen informes e estudos de campo, sen proxeccións a longo prazo, sen comparativas, sen nada. É só palabras nas bocas de políticos.
Cando se fala de concentrar concellos habería que analizar cada caso até o último detalle e poñer en marcha ese mecanismo de planificación estratéxica. Á vez, habería que estudar o impacto sobre o resto do territorio galego: que novos fluxos se crearían, que dinámicas, que novos desaxustes en caso de as novas xurisdicións competiren rexionalmente coas preexistentes, e tantísimos etcéteras.

"Da concentración municipal non sabemos nada, eis o asunto. Fálase de fusionar concellos alegremente sen memorias xeográficas profesionais, sen informes e estudos de campo, sen proxeccións a longo prazo, sen comparativas, sen nada"

Aínda así continuaríamos obviando o problema raíz, que é que a organización administrativo-territorial galega en xeral necesita ser reformada seguindo un modelo territorial mestre, e que calquera cousa que se faga antes diso será sempre un remendo momentáneo. Insisto tamén en que todo isto debería ser algo no que comecemos a traballar xa pois é por natureza un proceso moi demorado e imos chegando tarde. O despoboamento rural é algo complexo que responde a moitas causas e por concentrar concellos aquí e acolá non imos resolver nada automaticamente. Pode saír ben no momento e no lugar, ou mal.

"O Informe Xustificativo emitido por Cerdedo non pasa dun documento autocompracente sen valor técnico, unha sucesión de lugares comúns e raciocinios disparatados"

Como valoras, en concreto, o proxecto de fusión municipal entre Cotobade e Cerdedo?

Entre brincadeira e xogo de ruleta rusa, na liña do dito antes. Tiven a oportunidade de revisar o Informe Xustificativo emitido por Cerdedo e non sabía se rir ou chorar. Como escribin noutros sitios, ese texto non pasa dun documento autocompracente sen valor técnico, unha sucesión de lugares comúns e raciocinios disparatados. En resumo, basean todo en que tendo máis poboación van recibir máis diñeiro da Xunta, e tan felices, perpetuando a mentalidade do subsidio eterno, sen a máis mínima explicación ou autocrítica do que fixeran e puido ter fallado antes. O caos derivado do anuncio da fusión demostra a tensión á que se someten os diferentes actores territoriais cando falamos de algo tan serio e transcendente como poñer de patas para o ar, ás presas e ás agochadas, o sitio onde a xente vive.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.