A Xunta liquida o mapa comarcal galego para impulsar a fusión de Cerdedo e Cotobade

Cerdedo e Cotobade, no mapa das comarcas de Galicia © Xunta

Fin do mapa comarcal que nunca chegou a ser de todo. A estruturación do país en 53 comarcas, aprobada polo Goberno de Manuel Fraga en 1997, terá de agora en diante menos efectos prácticos dos que tiña ata agora. O presidente da Xunta certificou este martes a súa liquidación política ao anunciar, acompañado polos alcaldes de Cerdedo e Cotobade, a intención de fusionar os seus concellos, o primeiro pertencente á comarca de Tabeirós-Terra de Montes, e o segundo á de Pontevedra.

Case catro anos despois de proclamar "de forma solemne, diante de toda Galicia e para España", a apertura do "reordenamento do novo mapa municipal" e a "adaptación da planta municipal de España" coa fusión de Oza dos Ríos e Cesuras, Alberto Núñez Feijóo convocou de urxencia á prensa para protagonizar un acto moi semellante a aquel de marzo de 2012. No mesmo escenario, o salón nobre do Pazo de Raxoi, volveu ecoar o adxectivo de "histórico" para anunciar o nacemento dun concello que terá algo máis de 6.400 habitantes, resultado de agregar os 4.300 de Cotobade e os pouco máis de 2.000 de Cerdedo, e cuxa pirámide poboacional seguirá a padecer un acusado envellecemento.

En plenas negociacións para a investidura do futuro Goberno de España o presidente da Xunta presente proxecto como unha operación de "boa política" fronte á distinción de "nova" ou "vella", unha "gran alianza" que "contribúe a facer unha Galicia máis viable dende o punto de vista administrativo e máis forte e máis segura dende o punto de vista do autogoberno". O novo concello, que levará por nome Cerdedo-Cotobade (por orde alfabética) ten, segundo o titular da Xunta, "máis futuro" por ter "maior poboación". "Galicia segue sendo pioneira na racionalización do mapa municipal de España", proclamou catro anos despois.

Alén da retórica, as principais consecuencias da fusión pasan polo nacemento dun novo concello de máis de 5.000 habitantes, o que supón o acceso a un incremento de financiamento que, segundo a Xunta, ascende a "1,5 millóns de euros máis durante unha lexislatura". Ademais, unha vez culminada a fusión Cerdedo-Cotobade poderá acceder ao Fondo Especial para Fusións creado pola Xunta, cuxos 2,2 millóns de euros terá que compartir con Oza-Cesuras. Terá, adicionalmente, vantaxes para optar a determinadas subvencións.

Os dous concellos, gobernados con maioría absoluta polo PP, poderán acceder agora a máis axudas da Xunta

Os alcaldes dos dous municipios, que gañaron as eleccións do pasado ano con maioría absoluta para o PP -Cerdedo ten 7 edís do PP e 2 do PSdeG e Cotobade conta con 7 populares e 4 socialistas-, sumáronse ao entusiasmo do presidente. O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, cre que con esta decisión "histórica" ambos gobernos locais pasan a exercer o "liderado político do municipalismo", ao tempo que reducen cargos políticos, di. O seu homólogo de Cerdedo, Silvestre José Balseiros, coida que esta é unha decisión "valente" que pode axudar a atallar problemas como o demográfico.

O anuncio chega apenas un ano despois de que, como publicou Faro de Vigo, os dous concellos desbotasen unha fusión que, ademais dos dous municipios, incluíse a Campo Lameiro. A proposta chegara a ser consultada de xeito "informal" co vicepresidente Rueda, se ben xurdiron "dificultades para compaxinar" os diversos servizos e a unión non chegou a frutificar. Segundo manifestou daquela o rexedor de Cerdedo, a proposta xurdira "en plan broma" e non tivera maior percorrido.

A Fegamp reclama ir alén do "puntual"

"Máis que falar de fusións cómpre falar de prestación conxunta de servizos entre concellos que formen parte de comarcas naturais"

O anuncio da Xunta foi recibido sen excesivo entusiasmo na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Alén de "respectar" a "decisión dos concellos que queiran fusionarse", o presidente da entidade municipalista, Alfredo García (PSdeG), coida que existe un "gran traballo por diante" para abordar a reestruturación da planta municipal galega. "Non podemos quedar co feito sinxelo dunha fusión puntual", xa que "os problemas da maioría dos concellos non se resolverían con ese proceso, que só é válido para casos concretos".

A realidade territorial do país, "composta por núcleos pequenos que quedarían desatendidos se os afastamos aínda máis dos centros de decisión", di García. Neste sentido, coida que "máis que falar de fusións" cómpre "falar de prestación de servizos de xeito conxunto entre concellos que formen parte de comarcas naturais". "Hai concellos -subliña- que pola extensión do seu territorio e o elevado número de núcleos de poobación" nunca van ser "susceptibles de fusionarse e non por iso deben perder a oportunidade de prestar e recibir servizos de xeito eficaz".

Os alcaldes de Cotobade e Cerdedo, con Feijóo e Rueda anunciando a fusión © Xoán Crespo
Mapa comarcal de Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.