As mans 'non tan limpas' que perseguiron a Nunca Máis

Manifestación de Nunca Máis en Pontevedra © Nunca Máis

A Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional detivo esta mañá o secretario xeral de Manos Limpias, Miguel Bernad, acusado dun presunto delito de extorsión, organización criminal, fraude contra a facenda pública, falsidade documental e fraude en subvencións. Ao longo do día a policía deterá outros integrantes da organización, da que ten "constancia" de que incorreu en prácticas de extorsión ao presentar querelas contra persoas, empresas e institucións para logo cobrar por retirar as accións xurídicas emprendidas. Pode ser o capítulo final dunha controvertida asociación, fundada en 1995 como organización de representación de empregados da función pública, pero que centrou a súa actividade na presentación de querelas xudiciais tanto en casos de corrupción coma dirixidas contra colectivos e persoas de esquerda ou nacionalistas.

Hai uns días coñeceuse que a policía estaba a investigar a Manos Limpias e a Ausbanc por esixir pagamentos a entidades bancarias e a outras persoas e organizacións a cambio de non difundir sobre elas informacións negativas

Hai uns días coñeceuse que a policía estaba a investigar a Manos Limpias e a Asociación de Usuarios de Servicios Bancarios (Ausbanc) por esixir pagamentos a entidades bancarias e a outras persoas e organizacións a cambio de non difundir sobre elas informacións negativas ou mesmo iniciar causas xudiciais contra elas nos tribunais. Estas organizacións chegaran a esixir o pagamento de tres millóns de euros a cambio de retirar a acusación contra a infanta Cristina no caso Nóos.

Ao longo deste venres a policía arrestará tamén o presidente de Ausbanc, Luis Pineda, e a unha ducia de estreitos colaboradores de Bernad e Pineda. Segundo fontes da investigación Bernad e Pineda camuflaban os pagamentos que recibían polas súas extorsións a través de patrocinios a eventos organizados por Ausbanc e a compra de espazos publicitarios e exemplares das seis revistas que edita a asociación (Revista Ausbanc, Mercado de Dinero, CVB...). Ademais, Ausbanc esixía cantidades próximas aos 400.000 euros ao ano a todo tipo de bancos, empresas e organizacións para no ser obxecto de campañas difamatorias.

Manos Limpias afirmaba financiarse unicamente a través da emisión de lotería e das cotas dos seus afiliados e afiliadas

Curiosamente, Manos Limpias afirmaba financiarse unicamente a través da emisión de lotería e das cotas dos seus afiliados e afiliadas, como sinalaron en 2013 nun recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña, despois de que non lle fora permitido persoarse no xuízo motivado polo accidente do Alvia en Angrois. Nesa ocasión, dados os limitados recursos económicos cos que afirmaba contar, pedía que se lle permitise participar no proceso aboando unha fianza pequena, duns 200 euros.

A organización denunciou a Nunca Máis por presuntos delitos de estafa e apropiación indebida, unha demanda que foi inmediatamente tramitada (en tres días) polo daquela fiscal xeral do Estado, Jesús Cardenal

En Galicia Manos Limpias foi coñecido especialmente pola denuncia presentada en xaneiro 2003 contra Nunca Máis. A organización denunciou a plataforma social por presuntos delitos de estafa e apropiación indebida, unha demanda que foi inmediatamente tramitada (en tres días) polo daquela fiscal xeral do Estado, Jesús Cardenal. Pola contra, as denuncias por delito ecolóxico contra Jaume Matas e Francisco Álvarez Cascos que neses días (dous meses despois do afundimento do Prestige) presentaran o eurodeputado José María Mendiluce e Izquierda Unida tiveran que agardar tres semanas e unha semana, respectivamente, para ser aceptadas pola Fiscalía. Manos Limpias acusaba a Nunca Máis de destinar "a actividades políticas" os 90.000 euros que recadara e quería imputar os responsables da plataforma, o propietario do seu dominio web e as persoas autorizadas a manexar a conta corrente destinada a recoller fondos. Tres anos despois a querela foi arquivada, ao non atopar xulgado de Corcubión indicios de delito económico. Cómpre salientar que a maior parte das querelas presentadas por esta organización remataban da mesma maneira, ante a ausencia de base.

Non foi a única vez que Manos Limpias actuou en Galicia. En 2013 tamén se persoou como acusación popular na causa contra José Luis Baltar Pumar, por un delito de prevaricación polo que o ex presidente da Deputación de Ourense foi condenado a nove anos de inhabilitación. De igual xeito, en novembro do pasado ano a organización denunciou a Xunta por non administrar a vacina da tosferina durante o embarazo.

Manos Limpias presentou demandas contra as seleccións deportivas catalás, a acampada dos traballadores de Sintel, Podemos, o xuíz Baltasar Garzón e mesmo contra Los Lunnis

Manos Limpias tomou o seu nome do homónimo proceso xudicial italiano, Mani Pulite (que posteriormente tamén daría nome a unha forza política), que a comezos dos noventa destapou numerosas tramas de corrupción e pagamento de comisións a políticos no país transalpino. Valéndose dunha retórica anti corrupción e a prol da transparencia na política, Manos Limpias deixou ver en numerosas ocasións o carácter ideolóxico de moitas das súas campañas, persoándose no Caso Nóos, na trama dos ERES falsos de Andalucía ou no caso Bárcenas, pero tamén contra as seleccións deportivas catalás, a acampada dos traballadores de Sintel, as Madres de la Plaza de Mayo, Podemos (en varias ocasións), a PAH, Willy Toledo, o xuíz Baltasar Garzón (un total de 18 querelas) e mesmo contra Los Lunnis por amosar una familia homoparental nun episodio. Estas e outras moitas accións valéronlle a cualificación de organización ultradereitista. Antes de poñer en marcha Manos Limpias, Bernad foi secretario xeral de Fuerza Nueva e do Frente Nacional, o partido sucedeu á formación creada por Blas Piñar.

 

Miguel Bernad, secretario xeral de Manos Limpias © Manos Limpias
Manifestación de Nunca Máis en Pontevedra © Nunca Máis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.