0 Gardados para despois

O TSXG ratifica que o Sergas encadea contratos do seu persoal cunha "vía fraudulenta"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar o recurso interposto pola Xunta e de confirmar a sentenza do xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Ourense contra o Sergas que confirma a "vía fraudulenta" de contratación temporal continuada para "ocultar unha contratación indefinida de persoal". Neste caso, prolongouse "máis de catro anos ininterrompidos" para unha auxiliar de enfermería, que non foi renovada no seu emprego no hospital de Verín xusto nun momento no que se lle diagnosticou unha grave enfermidade. Agora, a xustiza ordena repor esta traballadora no seu posto de traballo.

O TSXG confirma a "vía fraudulenta" que supón o encadeamento de contratos temporais para "ocultar unha contratación indefinida"

A sentenza do xulgado do contencioso considera probado que "os sucesivos chamamentos da actora para prestar os seus servizos no Hospital de Verín respondían a unha necesidade estrutural que se prolongou durante máis de catro anos". Xa que logo, "non tiña que ver con razóns de carácter temporal, conxuntural ou extraordinario". Foi, como se aclara no ditame, "unha sucesión concatenada e ininterrompida de nomeamentos de persoal eventual temporal" e, ademais, as resolucións destes nomeamentos eventuais "respondían a un sinxelo formulario xenérico onde non se concretaba ningunha necesidade conxuntural específica". 

Ademais, considera que se aquel 30 de abril de 2014 non se lle renovou o seu nomeamento como auxiliar "foi só porque nese momento atopábase nunha situación de incapacidade laboral temporal xurdida durante a vixencia do seu último nomeamento".

A sentenza di que o Sergas "incorreu nun abuso de dereito e infracción dos dereitos básicos dos traballadores e empregados públicos"

Ante esta situación, a sentenza considera que o Sergas "incorreu nun abuso de dereito e infracción dos dereitos básicos dos traballadores e empregados públicos (mesmo temporais) ao non renovarlle o seu nomeamento a unha persoa que levaba traballando para ela de maneira continuada e ininterrompida durante un prolongado período de tempo (superior a 4 anos)". E fíxoo, segundo o ditame, pola "única razón de que resultou afectada (baixo a vixencia do seu último nomeamento) por unha baixa temporal derivada de enfermidade".

O maxistrado aclara que a sentenza non implica que "a reincorporación vaia ter un carácter permanente" pero lembra que o Sergas "deberá crear e prover a praza mediante o correspondente procedemento de concorrencia competitiva ou amortizala se, por circunstancias derivadas ben xustificadas, resultase innecesaria". "Pero mentres tanto a actora recuperará o seu posto de traballo no hospital", indica. 

Agora, a sala do contencioso do TSXG mantén o criterio do xuíz e insiste en que o que facía -ou fai- o Sergas con este tipo de contratos é "tratar de ocultar, por esa vía fraudulenta, unha contratación indefinida de persoal que, no caso da actora, prolongouse no tempo máis de catro anos ininterrompidos". E di que nos "atopamos, polo tanto, ante o que podemos reputar como unha relación xurídica indefinida temporal que, pola súa natureza, priva de virtualidade á cláusula temporal de duración prevista no nomeamento subscrito entre as partes".

Para o alto tribunal, o cesamento desta auxiliar "só pode vir determinado pola cobertura en propiedade da praza ou pola súa amortización, o que non aconteceu no suposto axuizado". Segundo aclara, "aproveitouse a baixa temporal da demandante para, ao socairo dun prazo de expiración da relación xurídica, acordar o seu cesamento; non resulta de recibo", di o ditame.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.