Que a poboación galega envellece e mingua é un diagnóstico recorrente de todos os estudos no eido demográfico. As persoas residentes en Galicia son cada vez menos e cada vez maiores, ata o punto de que as persoas maiores de 85 xa son máis que as menores de 5. Este fenómeno ten causas múltiples, da baixa natalidade á marcha de poboación inmigrante e á emigración, e consecuencias diversas que van dende o electoral ao socioeconómico. Neste segundo eido, o social e o económico, impacta directamente un indicador que o IGE vén de ratificar: o país acumula unha década sen remuda xeracional para todas as persoas que traspasan o limiar da idade de xubilación.
Un dos indicadores que miden esta correlación é o índice de recambio da poboación en idade activa, isto é, cantas persoas de entre 60 e 64 anos, as que se achegan á idade do retiro, hai por cada 100 persoas de entre 15 e 19 anos, isto é, as que chegan á idade de incorporárense ao mercado laboral. Se este indicador supera o 100 implica que a remuda xeracional non está garantido e, polo tanto, perigan elementos tan sensibles como as pensións de xubilación.
Por cada 100 persoas de entre 15 e 19 anos viven en Galicia 161 de 60 a 64
A marxe entre ambos sectores de poboación foise estreitando paseniño, pero constantemente, dende o inicio da serie histórica, en 1975, e ata finais do pasado século. No entanto, no inicio da década pasada e, máis concretamente, a partir do ano 2004, o remuda rachou de vez. Así, no ano 2004 houbo por primeira vez en Galicia máis de 100 persoas de entre 60 e 64 anos por cada centenar de habitantes de entre 15 e 19. Dende ese ano o crecemento foi intenso e continuo no tempo ata chegar, no último dato dispoñible, a un máximo histórico de 161,20 homes e mulleres de 60 a 64 por cada 100 mozos e mozas que chegan á poboación activa.
A falta de remuda xeracional entre ambos grupos de idade dáse tanto entre a poboación feminina como na masculina, se ben a maior esperanza de vida das mulleres deriva en que, no seu caso, o índice de recambio acade cotas máis altas. O IGE amosa que no 2015 por cada 100 mozas de 15 a 19 anos vivían en Galicia máis de 171 mulleres a piques de xubilárense. Mentres, no caso dos homes, o indicador descende en 20 persoas.
As taxas de natalidade seguen a empeorar dende o inicio da crise, cando comezou a marcha de poboación de orixe estranxeira
Estes datos rexístranse nun contexto no que, malia aos diversos plans oficiais, as taxas de natalidade continúan a empeorar. Tras estabilizarse na contorna dos 7 nacementos por cada 1.000 habitantes durante os anos 90, este indicador mellorou un chisco a pasada década ata acadar o 8,4 en 2008. Dende ese ano volveu empeorar ata ficar, nos últimos anos, no 7,2. A este factor engádese outro que tampouco é menor: quen melloraban sensiblemente as taxas de natalidade, as familias de orixe inmigrante, descenderon moi notablemente dende o inicio da crise económica. Non en van, o IGE acredita que, por exemplo, en apenas cinco anos a poboación galega de orixe sudamericana reduciuse á metade.