A Xunta enxalza a ligazón de Galicia e Bos Aires mentres o Centro Galego languidece

Centro Galego de Bos Aires © PSdeG

Na súa visita ao histórico Centro Gallego de Bos Aires (CGBA), e durante a súa viaxe institucional a Arxentina co gallo da Feira do Libro, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, lamentou a difícil situación pola que pasa a histórica institución, intervida pola xustiza desde 2012 tras importantes problemas e polémicas durante a última década. Mostrouse "esperanzado porque nun futuro próximo se regularice toda a súa situación económica e de xestión" e poida así "continuar a ser un referente para toda a colectividade galega". 

Noriega visitou o Centro Gallego e mostrouse "eperanzado" de que "se regularice toda a súa situación"

Noriega e Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural, foron acompañados polo actual interventor do Centro, Sergio Iribarren, e por varios integrantes da directiva actual, que será renovada en breve. Coincide o alcalde compostelán en Bos Aires co presidente da Xunta, que no entanto non visitou, polo momento, a histórica institución nin fixo referencia á súa situación tras a súa reunión co presidente arxentino Mauricio Macri. O xefe do Executivo galego agradeceu a acollida, gabou os lazos de ambas comunidades e expresou a disposición de Galicia para axudar o país austral, “na medida das nosas posibilidades”, na súa modernización e para contribuír a dar seguridade á xente que queira investir.

Os socios da histórica institución reclaman que volva ás súas mans por ser os "lexítimos donos" do "maior patrimonio cultural galego fóra de Galicia"

Mentres, os socios do Centro Gallego reclaman agora a restitución da entidade nas súas mans e que cese a intervención que se produciu en outubro de 2012. Hai menos dun mes manifestáronse ante o inmoble reclamándose como "lexítimos donos de todo o Centro". "Referímonos ao hospital, ao edificio e ao patrimonio cultural; quizais o maior patrimonio cultural galego que haxa fóra de Galicia", din. 

Dentro, os traballadores do hospital denuncian impagamentos e a perda tanto de pacientes como de servizos, aludindo aos continuos "erros" das sucesivas administracións. Ademais, alertan dos posibles despedimentos masivos e hai sindicatos que avogan pola estatalización do hospital que ocupa 1.400 profesionais. Tamén cuestionan a "baleirización" e o "abandono" que poderían provocar o peche dun centro hospitalario que conta agora con 10.000 asociados e que, nos seus tempos de esplendor, chegou a ter 120.000 socios. Fundado en 1907 -a piques de cumprir 110 anos- consta de 60 salas de consulta e seis quirófanos e onde se ocupaban máis de 500 camas, agora a media é da metade aproximadamente.  

 

Unha década de crise e escándalos

A crise económica e as polémicas políticas levan anos enlamando a traxectoria do histórico CGBA. Foi en outubro de 2007 cando se puxo a andar Ospaña, a obra social destinada a solucionar os problemas de fondos coa achega do propio Centro, o Goberno de España, a Xunta a través da Fundación Galicia Saúde, e máis a colaboración das autoridades arxentinas.

Os intentos de "privatización" do CGBA foron moi criticados en 2009 polos emigrantes, que cualificaron a actitude da Xunta de "mafiosa e chantaxista"

Desde aquela, e tras a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, diversos socios e dirixentes do CGBA censuraron o abandono da institución e do seu hospital e os intentos de privatización por parte da Administración galega. A polémica estoupou cando no outono de 2009 o Goberno galego presentou unha proposta de nova xestión para facer fronte ao importante déficit. Foi un intento por privatizar o Centro e unha actitude por parte dos cargos públicos, en especial do daquela secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, que os emigrantes cualificaron de "mafiosa e chantaxista".

Tal e como desvelara Xornal de Galicia, a proposta supoñía que o grupo privado 3A Recoletas xestionase durante cando menos 13 anos o histórico centro da emigración coa axuda dunha importante subvención da Xunta de 3,1 millóns de euros anuais e para colaborar en paliar a difícil cistuación económica. A empresa limitaríase a achegar 8 millóns de euros a razón de 615.000 euros ao ano, mentres a emigración deixaba de xestionar o seu histórico Hospital e a Administración galega de dirixir o proceso. Xa que logo, o Goberno galego poría case 28 millóns de euros fronte aos 8 da firma privada.

A proposta de hai seis anos consistía en ceder a xestión a un grupo privado ao que a Xunta achegaría case 28 millóns de euros

Aquel intento foi paralizado, a xustiza arxentina interviu a entidade e a Fundación Galicia Saúde acabouse por disolver. Desde a oposición política ao PP, tanto en Galicia como na Arxentina, acusouse aos populares de "interferencias intolerables" nos procesos electorais do CGBA e dun continou "abandono e desprezo" da histórica entidade. O pasado ano, o PSdeG acusou a Xunta de preparar a "liquidación" do Centro e a través dun mecanismo que lembra moito ao que se denunciara hai seis anos.

O PSdeG advirte da substitución da obra social do Centro Galego por unha mutua privada creada 'ad hoc'

Tratábase dunha resolución do Goberno arxentino coa que, segundo denunciou o PSdeG, se daba conta da decisión da Xunta e do Goberno de España de afastar o Centro Galego da xestión da Obra Social dos Inmigrantes Españois e os seus Descendentes Residentes (Ospaña), substituíndoa así por unha mutua privada creada ad hoc na que a centenaria institución non tería cabida.

Segundo o PPdeG, fora o propio CGBA quen rompera en 2011 o acordo con Ospaña "co argumento de que había máis de mil perceptores de prestacións de nacionalidade española, de idade avanzada, que impedían a súa viabilidade económica”. Desde hai xa varios anos, o Goberno arxentino evitou a liquidación asumindo a achega de recursos a través do Ministerio de Trabajo e do Instituto de Asociativismo y Economía Social (Inaes). O propio interventor do Centro criticara con dureza a decisión de afastar o Centro Gallego das decisións neste ente. 

Desde o movemento Por un nuevo Centro Gallego, que reune veteranos e destacados socios da entidade, asegúrase que nunha recente xuntanza o Goberno arxentino comprometeuse a "axustarse ás disposicións estatutarias do CGBA, que contemplan para estes casos o comezo dun proceso de normalización que facilite a devolución da entidade á súa condución natural". 

No fondo, tamén, o risco que corre o importante patrimonio de artistas galegos no exilio que alí se gardan, ademais dunha biblioteca de 20.000 volumes e a fonoteca con intervencións de senlleiros personaxes da historia galega. É, ademais, o hospital no que morreu Castelao. O cuarto onde faleceu, o 202, mantense practicamente igual 66 anos despois do seu pasamento, un feito que destacou o propio Martiño Noriega, que dixo sentirse "impresionado pola austeridade" do lugar. "Unha boa mostra do enorme respecto que a colectividade galega tiña por quen tivo que exiliarse a causa de defender os valores democráticos e galeguistas", rematou. 

Noriega e Branca Novoneyra, no cuarto onde faleceu Castelao © Concello de Santiago
Feijóo e Noriega, na Feira do Libro de Bos Aires © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.