Aspiradora, microondas e outros electrodomésticos de cociña ou limpeza son algúns dos agasallos suxeridos polos hipermercados Alcampo na súa campaña do Día da Nai. A iniciativa espertou unha forte contestación nas redes sociais e tamén vén de ser denunciada pola Plataforma Feminista Galega, que cualifica a campaña de “sexista e machista”. A entidade insta a empresa a retirala de inmediato e destaca que "con accións como esta nada se axuda a acadar a igualdade e a rachar cos estereotipos".
“Pouco o nada poderemos avanzar se aínda proliferan campañas nas que se vencella a figura de muller nai coa da tradicional ama de casa, é dicir, a da coidadora dos seus fillos e fillas e do seu fogar"
“Unha vez máis, algunhas superficies comerciais utilizan os estereotipos e as imaxes de mulleres ligadas aos electrodomésticos e útiles de limpeza e cociña”, sinala a Plataforma. En efecto, non é a primeira vez que as grandes superficies comerciais levan a cabo campañas deste tipo, mais desta volta semella que si se está a producir unha forte reacción social de denuncia.
A Plataforma Feminista Galega estuda levar a cabo nos vindeiros días accións de protesta contra esta campaña e todas aquelas que se detecten na mesma liña sexista. A entidade advirte de que “pouco o nada poderemos avanzar en aspectos como a corresponsabilidade ou a potenciación da imaxe das mulleres emancipadas e libres se aínda proliferan campañas nas que se vencella a figura de muller nai coa da tradicional ama de casa, é dicir, a da coidadora dos seus fillos e fillas e do seu fogar". “A loita pola igualdade é totalmente a contraria ao que nos quere vender este hipermercado”, engaden,
"A educación e, polo tanto, a prohibición de campañas como esta son ferramentas fundamentais para erradicar estes estereotipos que exemplifican o machismo en estado puro”, subliñan.