O pasado 30 de xaneiro botaba a andar Dillo Ti, unha iniciativa de participación cidadá impulsada polo Goberno municipal da Coruña grazas á que cada mes os veciños e veciñas dun barrio da cidade teñen a oportunidade de realizar directamente demandas ou críticas ao alcalde e concelleiros e concelleiras. Estes encontros, inaugurados no Centro Cívico San Diego, pasaron xa por Palavea, Os Mallos e Monte Alto, reunindo en cada unha das citas a máis dun cento de persoas, desenvolvendo novos mecanismos de debate e participación na xestión da cidade e tamén de fiscalización do labor do Executivo local.
Porén, este luns PP e PSOE sumaron os seus votos na Comisión Informativa de Participación para pedir a supresión destes encontros participativos, que critican por consideralos "actos políticos". A Marea votou en contra e o BNG abstívose. A votación, en todo caso, non é vinculante e a decisión final depende do Goberno local. "Logo de anos de gobernar de costas á xente e aos barrios, cando se amosa que hai outro xeito de facer as cousas, buscan ocultar", sinalou Marea Atlántica. Cómpre lembrar que durante o debate dos Orzamentos municipais para 2016 as emendas votadas conxuntamente por PP e PSOE supuxeron, entre outras cousas, que a partida destinada a Participación Cidadá e Innovación Democrática pasase de 492.000 euros a tan só 28.000.
Dillo Ti é unha das canles e ferramentas -xunto a A Porta Aberta, o Escano Cidadán ou o propio 010- ás que o Goberno local quixo dar protagonismo, para que "as inquedanzas" da cidadanía "estean sempre presentes", procurando "espazos de proximidade co Goberno local”, como destacara a concelleira Claudia Delso na súa presentación. Este luns Delso reafirmou a aposta do Goberno local pola apertura de novos espazos de comunicación coa cidadanía. “O Goberno municipal ten toda a lexitimidade para apostar por este tipo de políticas e de encontros, a mesma que tiveron os anteriores Gobernos da cidade, que non obstante, optaron por non facelo”, subliñou.
“As políticas de participación non son unha ocorrencia deste Goberno local senón que é un tema estrutural das políticas europeas que responde a un cambio de tempo e de paradigma: a cidadanía ten dereito a trasladar as súas inquedanzas e a participar das políticas públicas”, destacou Delso, que engadiu que o Executivo mantén "un contacto permanente con todo o tecido asociativo da cidade e con todas as entidades veciñais, do mesmo xeito que entendemos que tamén é necesario que, se así o desexan, aqueles veciños e veciñas que non están organizados en ningunha asociación poidan facer oír a súa voz".
No Dillo Ti celebrado no barrio de Monte Alto o pasado sábado participaron máis de 150 persoas e houbo ao redor de medio cento de intervencións, que debateron a recuperación do edificio do Cárcere Provincial, a reforma da praza de Monte Alto, a construción dun eixo peonil que vertebre o barrio ou a reforma integral do cemiterio de San Amaro.