O xuíz arquiva o caso das monxas indias retidas nun convento de Santiago

Convento das Mercedarias, en Compostela © Turgalicia

O titular do xulgado de Instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, arquivou o caso do suposto secuestro de tres relixiosas de orixe india ás que a policía liberou o pasado mes de xaneiro no convento das Madres Mercedarias de Santiago. O xuíz pecha a causa "por non quedar acreditado a comisión de delito ningún".

O xuíz arquivou o caso do suposto secuestro de tres relixiosas liberadas pola policía en xaneiro no convento das Mercedarias

A causa naceu cunha denuncia presentada ante a  Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais (UCRIF) da policía e que relataba que tras os muros dese convento tres mulleres levaban décadas residindo "en condicións de escravitude". O atestado policial detallou como o sábado 23 de xaneiro os axentes do Corpo Nacional de Policía sacaron do centro de clausura a tres mulleres que ingresaran na orde nos anos 90 aínda sendo adolescentes e que permanecían recluídas, segundo o seu propio relato, baixo enganos e ameazas e sempre en contra a súa vontade.

A operación estivo coordinada entón pola titular do xulgado número 1 de Santiago de Compostela, Ana López Suevos, que apreciou indicios dos delitos de detención  ilegal, contra a integridade moral. O auto xudicial revelaba supostas ameazas por parte da nai superiora ás monxas para alertalas de que se abandonaban o convento serían deportadas, dado que a súa estancia en España era irregular, e que unha vez de volta á India sentirían o rexeitamento das súas familias. A intervención do xulgado puxo  cinco mulleres ao coidado dos servizos sociais. Tres meses despois, outro xuíz pecha o caso

Monxas dentro do convento das Mercedarias de Compostela © Arquidiocese de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.