0 Gardados para despois

A Policía rescata tres monxas indias retidas nun convento de clausura de Santiago contra a súa vontade

Pedro ÁguedaPedro Águeda | @pedroagueda


Un papel do xulgado di que ás 11:05 do 23 de xaneiro, Dian, Rhany e Kirei empezaron unha nova vida. Foi a esa hora que as tres mulleres indias cruzaron o limiar do convento de clausura de Santiago onde chegaron a finais dos anos noventa, aínda sendo adolescentes, e no que permanecían retidas contra a súa vontade, baixo enganos e ameazas.

Polo torno do convento, a comisión xudicial entregou a orde do xulgado ás 10:15 do sábado pasado. A titular do Xulgado de Instrución número 1 da capital galega concedía á madre superiora unha hora para que as cinco monxas saísen pola porta. Nin un minuto máis. A Policía Nacional acompañaba aos funcionarios.

O venres, a xuíza Ana López-Suevos incoara dilixencias previas ante os feitos postos no seu coñecemento pola Policía. A maxistrada aprecia indicios de delitos de detención ilegal, contra a integridade moral, ameazas e coaccións. Unha denuncia chegada á Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais (UCRIF) aseguraba que cinco mulleres indias permanecían tras os muros do convento en contra da súa vontade e realizando traballos "en condicións de case escravitude", recolle no seu auto a maxistrada.

As mulleres eran ameazadas pola madre superiora con que serían deportadas en canto abandonasen o convento. A directora aseguráballes que a súa situación en España era irregular -unha mentira, xa que as mulleres hai anos que conseguiran o permiso de residencia- e que, ao regresar ao seu país, só sentirían o oprobio dunhas familias avergoñadas.

A xuíza López-Suevos incoou dilixencias e a comisión xudicial deulle á madre superiora unha hora para que as cinco monxas saísen pola porta

Se aínda así tentaban fuxirse deberían arrebatar un dos dous xogos de chaves que abrían a única porta de saída ao mundo e que custodiaban dúas superioras. Unha vez en comisaría, dúas das monxas aseguraron que non queren abandonar o convento. Dian, Rhany e Kirei -nomes ficticios para protexer a súa identidade- atópanse xa en Madrid atendidas polos servizos sociais.

A liberdade para o tres monxas é unha historia de mulleres que axudan a mulleres. Comeza tres semanas antes, a centos de quilómetros de alí, nun chalé do acomodado barrio de Mirasierra, en Madrid. Alí había ir parar como interna Nyun, tamén nome ficticio. A muller que a contratou en febreiro de 2015 pronto se deu conta de que a súa nova empregada, nacida na India, descoñecía as cuestións máis básicas da vida doméstica. E preguntou. Nyum decidiuse a falar en novembro pasado. O relato que escoitou a muller española falaba de miseria, proselitismo e crueldade.

Cando chegou non houbo estudos de enfermaría nin persoas ás que axudar; só silencio e traballo esgotador dende as 6 da mañá

Os pais de Nyum lograron que a súa filla sobrevivise a unha vida de calamidades ingresándoa nun convento de relixiosas aos seis anos. Aos 19, unha amiga propúxolle viaxar a España para entrar nunha congregación relixiosa e facerse monxa. Nyun soñaba con converterse en enfermeira e, cos hábitos, axudar a curar os males entre os que crecera. Pero cando chegou a España, non houbo estudos de enfermaría, nin persoas ás que axudar. Só silencio e un traballo esgotador desde as 6 da mañá e até o anoitecer dentro dun cárcere de pedra. Así transcorreron 15 anos.

O 29 de decembro de 2015, ás 14:47, na caixa de correos trata@policia.es entrou unha mensaxe co asunto "Necesito axuda". Unha muller que se identificaba e deixaba un teléfono móbil escribía: "É un tema moi delicado xa que teñen a tres mulleres estranxeiras retidas contra a súa vontade desde hai moitos anos e non sei ben onde teño que acudir nin que podo facer ou con quen teño que falar. Espero que a través desta vía me pueddan dar unha solución. Grazas, un saúdo".

Corenta e seis minutos despois, unha axente fala por primeira vez con Nyum por teléfono. Ela confírmalle o que a muller española adiantara no correo e ofrece máis detalles. Trátase do convento Madres Mercedarias, no Tránsito da Mercé número 1 de Santiago de Compostela.

"Non marcharás de aquí mentres eu viva"

Segura da súa ignorancia, a madre superiora deixouna voar para ir ver á súa nai. No avión coñecceu outra muller que lle revelou que era libre

Na acta da súa declaración pódese ler: "Que cando levaba 13 anos no convento non aguantou máis e fixo verbal o seu desexo de deixar os votos eclesiásticos, pero a madre superiora, chamada María Luisa, manifestoulle que ela nunca marcharía de alí mentres seguise viva, e que se tentaba deixar os votos meteríana nun avión e anularían os seus cartóns para que non puidesen quedar en España".

Tantos anos en España serviran para que Nyun gozase da residencia. De feito, as Mercedarias deixaran que viaxase visitar á súa nai enferma facía anos. Seica segura da súa ignorancia, a madre superiora permitiuna voar, convencida de que regresaría. No avión, Nyun coñeceu outra muller, quen lle revelou a verdade: era libre e podía vivir en España sen necesidade de habitar no convento. Nyun regresou, pero nunca á clausúra. Desde entón, só pensaba en sacar de alí ás súas amigas. Estas "hai anos" que queren colgar os hábitos.

"Eran ameazadas constantemente con ser unha vergoña para as súas familias, con quitarlles os cartóns de residencia e anulalos"

A menor das mulleres rescatadas entrara no convento con 16 anos. "As súas amigas e ela eran ameazadas constantemente con ser unha vergoña para as súas familias se volvían, con quitarlles os seus cartóns de residencia e anulalos, e con obrigalas a volver ao seu país. Di que a dúas mulleres que quixeron abandonar os votos, metéronas nun avión e obrigáronas a volver ao seu país", recolle o atestado policial a partir do seu testemuño.

As Madres Mercedarias facían que os funcionarios acudisen ao convento para renovar a documentación das mulleres, co que evitaban calquera tentación de que alertasen da súa situación nunha visita á comisaría. Cando os funcionarios se achegaban ao convento, a madre María Luisa non os deixaba nin un segundo a soas coas monxas estranxeiras.

Dian ten 34 anos. Chegou con tan só 16 anos e o próximo 5 de febreiro cumprirá 18 da súa chegada ao convento de clausura. Cando chegou "estaba contenta", as madres tratábana ben, pero hai meses "que lle dixo á madre superiora que quería ir vivir cunhas curmás que ten en España. Imposible. Só sairía do convento cando chegase unha suposta "dispensa papal". E que nese caso, o seu único destino sería un avión de volta a India.

A xuíza non entrar a valorar a cuestión relixiosa, pero lembra que "a liberdade relixiosa e de culto teñen como límite o dereito ao exercicio das liberdades públicas e os dereitos fundamentais"

Kirei ten 35 anos. Acababa de cumprir 16 no retiro obrigado. Só puido visitar á súa familia en dúas ocasións. Hai un ano decidiu que quería marchar, pero até decembro non llo dixo á madre superiora. Temía ser deportada. Rhany tiña 22 anos cando chegou ao convento e agora ten 39. A súa nai é viúva e está enferma. Agora quere volver para axudala.

Outra muller, a xuíza López-Suevos aclara no seu auto que non entra a valorar "a cuestión relixiosa relativa ao acatamento voluntario das normas de clausura, nin a dureza destas, senón que de conformidade co previsto na Lei Orgánica de Liberdade Relixiosa, por unha banda, toda persoa ten dereito a cambiar ou abandonar a súa confesión religisosa, e que a a liberdade relixiosa e de culto teñen como único límite o dereito ao exercicio das liberdades públicas e os dereitos fundamentais".

O tres monxas liberadas declararon que antes de chegar a España non sabían o que era un convento de clausura porque no seu país as irmás son só de "comunidade activa". Ningunha quere denunciar á madre María Luisa. Kirei mesmo lle dixo á Policía que a superiora, de 79 anos, "é moi boa". Na súa nova vida, as tres mulleres non teñen que esconderse para falar entre elas. E xa ninguén lles prohibe mirarse aos ollos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O Arcebispado nega a retención ilegal e salienta a "vocación" das monxas

David Lombao | @davidlombao

O Arcebispado de Santiago non concorda en absoluto coa interpretación policial e xudicial do caso das mulleres presuntamente retidas contra a súa vontade no convento das Mercedarias de Santiago. Á espera de coñecer se as autoridades eclesiásticas compostelás fixarán posicion oficial ao respecto, algo que semella pouco probable, fontes do arcebispado consultadas por Praza Pública afirman que o que sucedía no convento da Mercé non ten nada que ver cunha "retención ilegal", senón coa vocación relixiosa.

A Igrexa compostelá afirma que non existiu retirada de pasaportes e afirma que as mulleres estaban a agardar á fin do proceso de "dispensa dos votos relixiosos"

Non houbo, aseguran as mesmas fontes, "nin retirada de pasaportes nin violencia", como é posible tirar da instrución xudicial. Admiten, non obstante, que as mulleres manifestaron que "a súa vocación non era seguir na comunidade" e por iso a orde relixiosa iniciou un "proceso de dispensa de votos relixiosos", o permiso papal ao que tamén alude a instrutora. Ese proceso "leva o seu tempo", indican as fontes consultadas, e nese período "alguén entendeu dende a India que había unha suposta retención ilegal e por iso formula unha denuncia".

Neste contexto, as autoridades eclesiástica entenden que o que se produciu a pasada fin de semana en Santiago non foi liberación ningunha. A comitiva xudicial acudiu ao convento e "pediulle á superiora que esas cinco persoas fosen declarar". Dúas delas volveron "libre e voluntariamente" e esperarán alí "a que se resolva o proceso canónico". As outras dúas, admiten, "quedan nunha casa de acollida tuteladas polo propio xulgado", cunha protección semellante á das vítimas de violencia machista, segundo puido saber esta redacción. 

A xuízo da Igrexa compostelá non cabe falar de retención ningunha, toda vez que, indican, algunhas das mulleres visitaron as súas familias na India. Se non quixesen permanecer no convento, argumentan, aproveitarían algunha desas viaxes para non volver.

O xulgado investiga a deportación de dúas monxas en 2011 e a Fiscalía valora actuar de oficio

O tres monxas presuntamente retidas no convento das Mercedarias non son as únicas que centran a atención do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago. A xuíza Ana López-Suevos indaga tamén sobre o motivo da deportación doutras dúas relixiosas do convento, igualmente de orixe india.

O TSXG confirma que dúas integrantes da orde foron "deportadas" á India en 2011 malia teren permiso de residencia

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirman que no ano 2011 dúas integrantes da orde relixiosa "foron deportadas" ao seu país de orixe desde Santiago malia dispoñeren de permiso de residencia en España. A maxistrada López-Suevos trata de aclarar se as responsables do convento están relacionadas con esta deportación e, igualmente, se as mulleres que decidiron abandonar a orde "tiñan acceso" á súa documentación" para "poder saír do centro libremente".

Ningunha das tres mulleres que abandonou o convento tras irromper nel a comitiva xudicial, o pasado sábado, decidiu presentar unha denuncia, tendo en conta que manifestan que a súa única vontade é deixar de pertencer á orde. Así as cousas, para que o caso siga adiante tería que existir unha intervención da Fiscalía, que se dispón a valorar "os indicios" para decidir se actúa de oficio.