Portugal péchalle a billa ao ensino privado. Que facemos aquí co concertado?

O Goberno galego destina case 250 millóns de euros todos os anos aos centros concertados © Xunta

O Goberno portugués -liderado polo socialista António Costa co apoio de BE e PCP- anunciou a pasada semana que vai reducir un 60% as subvencións públicas aos centros de ensino do país que ata agora mantiñan concertos co Estado (un total de 79), sinalando que nas zonas nas que operan esas empresas hai centros públicos suficientes con capacidade para absorber o alumnado. 39 deles xa non ofrecerán prazas financiadas con cartos públicos para os primeiros cursos de cada ciclo escolar. A patronal do ensino privado en Portugal criticou a medida (o mesmo que o PSD, o CDS-PP e a Conferencia Episcopal lusa), anunciando o peche de case todos os centros afectados, e o traspaso aos centros públicos de 19 mil alumnos e alumnas, mentres que o Executivo de Costa xa sinalou que o sistema público ten capacidade suficiente para facerse cargo deste servizo. Neste 2016 Portugal subvencionou con 139 millóns de euros o ensino concertado, que dan clase a un 5% do estudantado do país (outro 10% asiste a centros privados sen concerto).

O debate sobre o ensino privado tamén está de plena actualidade na Comunidade Valenciana. Este domingo unha manifestación convocada por Escuelas Católicas (asociación de centros privados) e a Fundación de Colegios Diocesanos San Vicente Mártir, co apoio de PP e Ciudadanos, convocou a máis de dez mil persoas para protestar contra a política do Goberno rexional (PSOE-Compromís), que para o vindeiro curso abrirá 445 unidades de ensino público e pechará dúas de ensino concertado. O 27,4% dos alumnos e alumnas de Infantil e Primaria dan clase en centros concertados.

O ensino privado escolariza en Galicia a ao redor do 30% do alumnado dos ciclos do ensino obrigatorio, uns 95 mil estudantes

E, mentres, cal é a situación de Galicia? O ensino privado escolariza en Galicia a ao redor do 30% do alumnado dos ciclos do ensino obrigatorio, uns 95 mil estudantes. En Infantil os centros privados dan servizo a 19.626 nenos e nenas (o 30% do total); en Primaria a 40.646 alumnos e alumnas (o 30% do total); e na ESO a 26.361 estudantes (o 29,7% do total).

Os concertos renóvanse cada catro anos. A última vez foi en 2013, cando a Xunta aprobou unha achega de 942 millóns de euros para os cursos 2013-14, 2014-15, 2015-16 e 2016-17, ao redor de 236 millóns por ano. Galicia, iso si, sitúase por debaixo da media estatal no referente á importancia das subvencións públicas entregadas aos centros de ensino privado. Segundo os datos oficiais do Ministerio, a nosa comunidade estas transferencias supoñen o 10,4% do orzamento total destinado a educación, fronte a unha media española do 14,2% e territorios como Euskadi, Navarra, Baleares, Madrid ou Cataluña que roldan o 20%. Dentro duns meses o Goberno galego (en principio o Executivo que resulte elixido tralos comicios do outono) deberá decidir sobre o mantemento, incremento ou redución desta cantidade.

Entre os centros privados que reciben cartos públicos en virtude dun concerto hai cinco (catro deles do Opus Dei) que segregan os seus alumnos e alumnas polo seu sexo. Aínda que en 2014 unha sentenza do Supremo decretara a ilegalidade destes concertos, a aprobación da LOMCE devolveu esta práctica á legalidade e a Xunta mesmo incrementou a achega económica para estes colexios

Os concertos renóvanse cada catro anos. A última vez foi en 2013, cando a Xunta aprobou unha achega de 942 millóns de euros para o período 2013-2017

A achega pública para os centros concertados decidida en 2013 reducírase lixeiramente dende a que se fixara no ano 2009 (259 millóns por ano) . Porén, nese mesmo período o orzamento total dedicado á educación polo Goberno galego veu sufrindo un descenso moi acusado, exactamente 335 millóns de euros menos. Unha das consecuencias máis directas deste recorte foi que entre 2009 e 2015 o cadro de persoal do sistema educativo galego descendeu nunhas 1.500 persoas.

 

O Goberno portugués recortou un 60% as subvencións aos centros privados © esquerda.net
Máis de 10 mil persoas manifestáronse este domingo en Valencia en defensa do ensino privado © El Diario
O Goberno galego destina case 250 millóns de euros todos os anos aos centros concertados © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.