Non é habitual que o Parlamento rexistre unanimidades sobre un tema ou á hora de aprobar unha determinada norma. Este martes produciuse e, ademais, nun tema de calado. Todos os grupos da cámara votaron a favor da toma en consideración dunha proposición de lei do BNG que pide a creación dunha prestación económica de carácter periódico para as mulleres que foron vítimas de violencia de xénero ou de trata de persoas. A iniciativa terá que pasar aínda o trámite parlamentario, mais o PP xa amosou a súa disposición a aprobar esta medida, destacando a súa portavoz de Igualdade, Rosa Oubiña, que destacou que neste asunto resulta "fundamental" o consenso, que "significa trasladarlle ás mulleres que se atopan sometidas polo machismo que todos os grupos políticos estamos xuntos en proporcionarlles unha saída e en trasladarlles que hai un sistema en marcha á súa disposición que seguimos a mellorar”.
A nova prestación substituiría á que xa existe, froito da Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Con carácter anual convócanse axudas individuais de carácter periódico para as mulleres vítimas da violencia machista. Porén, segundo sinala o BNG, "esta configuración legal deixa en mans do executivo de turno a decisión da súa convocatoria, así como a dotación orzamentaria, e condiciona a súa tramitación e outorgamento á normativa xeral de subvencións.
Para Carme Adán, "a experiencia adquirida -2900 mulleres galegas levan desfrutado desta axuda- así como a persistencia do fenómeno da violencia machista, aconsellan unha mudanza nese procedemento, de xeito que as axudas para as vítimas da violencia de xénero se configuren como prestacións sociais directas, non como axudas finalistas asimiladas a outras axudas públicas". "Con iso, evitaríase que fiquen condicionadas a convocatorias anuais e subordinadas ás dispoñibilidades orzamentarias e garantiríase por outra banda unha tramitación máis áxil e eficaz, eliminando así situacións de desprotección como as que acontecen co réxime actual", engade. Carme Adán concluíu a súa intervención afirmando que “cada paso que damos, cada acordo ao que chegamos resulta crucial” porque hai trinta anos non se nomeaba a violencia de xénero e hoxe “estamos lexislando” e tomando medidas para erradicala.
Terían acceso a esta axuda as mulleres vítima de violencia machista "nunha relación de convivencia e de dependencia económica" que cesaran a convivencia co seu agresor e carecesen de "dispoñibilidade de recursos económicos ou que estes sexan de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata" deste. Sinálanse como límite máximo para obter esta axuda uns ingresos mensuais de ao redor 800 euros. A contía da prestación sería variable, calculándose en función das rendas e ingresos da solicitante, e doutros condicionantes, como o feito de contar con fillos ou fillas menores ao seu cargo.