O futuro dos drons militares sobrevoa Rozas e Trasmiras

Un dron do exército norteamericano, en Afganistán Dominio Público United States Air Force

"Hai unha avalancha de informacións que presentan os drons como uns xoguetes inofensivos, moi útiles para distintas cousas. E, efectivamente, serven para moitos cometidos lúdicos, medioambientais, de control de fronteiras, de movementos de animais..., de todo tipo. Fálase moito sobre isto, hai todo un boom. Porén, fálase moi pouco sobre o outro aspecto: o uso militar, o seu uso en guerras". Roberto Montoya, xornalista especializado en conflitos internacionais e autor de Drones: la muerte por control remoto (Akal, 2014), foi un dos participantes no debate que este venres tivo lugar en Compostela, na Facultade de Filosofía, baixo o título de “Galicia e os drons no marco da II Guerra Fría”. No encontro, organizado por Esquerda Unida, participarán tamén Javier Couso (eurodeputado de Izquierda Unida), Ramón Vázquez (deputado de AGE no Parlamento galego) e Laura Pérez Rastrilla (investigadora especialista en Propaganda de Guerra).

Pouco sabemos sobre as operacións militares levadas a cabo por vehículos aéreos non tripulados, sobre todo por parte de Estados Unidos, Reino Unido e Israel, que nos últimos anos provocaron milleiros de vítimas en distintos conflitos. Calcúlase un mínimo de 5.000 mortes a cargo de ataques norteamericanos en Paquistán, Iemen, Irak, Somalia e Afganistán. A mesma opacidade rodea os procesos de compra, equipamento, probas e adestramentos realizados polo Exército español e a OTAN. O Ministerio de Defensa destinará 171 millóns de euros durante os vindeiros catro anos para a compra de catro drons de gran tamaño, os norteamericanos MQ-9 Reaper. E a eles uniranse 15 Euromales, que estarán operativos a partir de 2022.

"A liña xeral no seo da OTAN e para todos os seus estados membros é que os drons militares teñan un papel cada vez máis protagonista nas guerras. Atoparon neles unha cantidade moi grande de vantaxes a nivel militar e tamén a nivel político. As súas accións son menos coñecidas e teñen menos risco para o exército que as emprega e para os seus soldados, evitando a impopularidade das mortes propias", explica Roberto Montoya, que subliña que "hai un ocultamento moi importante das accións dos drones militares nos conflitos e das mortes que provocan".

Galicia pode cumprir un papel protagonista do desenvolvemento con fins bélicos desta tecnoloxía, especialmente en Rozas e Trasmiras. O aeródromo de Rozas acolle dende o pasado ano unha base de drons, que en setembro do pasado ano acolleu a primeira proba en territorio español dun dron do Exército, o Atlante, actualmente en proceso de artillaxe. E, igualmente, realizáronse aquí as probas de aeronavegabilidade dos drons Searcher II, que tamén teñen usos militares. Rozas será a sede, finalmente, dun parque tecnolóxico e industrial civil dedicado ao desenvolvemento de avións non tripulados, que explotarán Indra e Inaer grazas a un importante financiamento público, e que xerará -en principio- 108 empregos directos e 80 subcontratados.

 

No horizonte, Trasmiras

Máis difuso é o proxecto militar que dende hai anos sobrevoa sobre a localidade ourensá de Trasmiras, que dende o ano 2009 soa como unha das cinco bases de vehículos aéreos non tripulados proxectadas pola OTAN. A idea, que durante anos pareceu conxelada, volveu emerxer nos últimos meses, sobre todo ante os problemas de saturación de tráfico aéreo que está a presentar a base italiana de Sigonella.

Couso: "Tememos que España acolla unha das cinco bases de vehículos aéreos non tripulados que xa foron sinaladas nalgunha ocasión, e que Trasmiras sexa o lugar escollido"

"En Galicia isto estase vendendo como o paraíso, dise que se atopou unha oportunidade para crear postos de traballo. Pero ocúltase o que está pasando en Trasmiras", denuncia Roberto Montoya, que subliña que "poderíamos atoparnos con que, de igual xeito que Rota se transformou no brazo naval de todo o escudo anti-mísiles da OTAN, podemos ter en Galicia unha base de adestramento da OTAN para os seus pilotos de drons. Hai que estar moi atento a isto, pedindo contas a nivel parlamentario sobre os plans que hai para esta cuestión". "Tememos que España acolla unha das cinco bases de vehículos aéreos non tripulados que xa foron sinaladas nalgunha ocasión, e que Trasmiras sexa o lugar escollido", sinala igualmente o eurodeputado Javier Couso, que investiga dende hai dous anos esta cuestión e que denuncia a ausencia total de información sobre o tema. 

Montoya: "En Galicia isto estase vendendo como o paraíso, dise que se atopou unha oportunidade para crear postos de traballo. Pero ocúltase o que está pasando en Trasmiras"

Couso denuncia os obstáculos que continuamente está atopando para este labor de fiscalización: "O luns que vén tiña previsto visitar a base das Rozas e denegáronme a autorización. É moi estraño que suceda isto en España, cando noutros países si puiden acceder a instalacións da OTAN. Non sei por que teñen medo e por que me ven como inimigo. Non sei que medo hai a que a cidadanía saiba o que aí sucede”, di. Couso informa que ante a prohibición pediu amparo ante o Parlamento "reivindicando que se garantisen os meus dereitos como eurodeputado, sobre todo tendo en conta que presentei unha pregunta parlamentaria sobre o uso que se fixo de fondos FEDER para a remodelación destas instalacións, cando está totalmente prohibido que o tipo de axuda se destine a actividades militares".

Destaca que "o bo traballo de Esquerda Unida sacou isto á luz e obrigou a que recoñecesen que o dron Atlante, que se probou en Rozas, vai ter usos, cando menos, mixtos". "O propio director de Airbus Defense recoñeceu que está destinado a usos militares. E tamén soubemos que se pediu xa o seu artillado, que o vai converter nun vehículo militar", engade.

O eurodeputado denuncia finalmente que "estamos vivindo unha remilitarización na Península Ibérica, cunha OTAN cada vez máis agresiva". "Do cumio de Lisboa saíu xa unha organización que actuaba en todo o planeta e que asumía actuar por riba da OTAN e o cumio de Polonia [que se celebrará este mes de xullo] vai consolidar esta política, confirmando a Rusia como obxectivo", di, concluíndo que "os intereses da OTAN non se corresponden cos intereses do pobo español nin do pobo galego".

 

"Unha frivolización da guerra"

Para Roberto Montoya, o uso cada vez máis habitual dos drons en operacións militares constitúe un paso máis nun proceso de "frivolización da guerra"

Para Roberto Montoya, o uso cada vez máis habitual dos drons en operacións militares constitúe un paso máis nun proceso de "frivolización da guerra". "Ao comezo falábannos de bombas intelixentes. Serán moi intelixente, pero o que fan é matar persoas", di. Explica que Estados Unidos oculta boa parte destes ataques "favorecido pola propia lexislación, pois a maior parte destas operacións son levadas a cabo pola CIA, que só ten que dar conta das súas accións ao comandante en xefe, é dicir, a Barack Obama". "Hai uns anos un destes ataques matou a catro cidadáns norteamericanos en Oriente Medio e houbo unha presión para que se explicase o que sucedera, e pediuse que estas operacións pasasen ás forzas armadas, que si teñen que render contas ante a Comisión de Intelixencia do Senado", engade.

Javier Couso afirma que "somos conscientes de que os drons van formar parte nun futuro inmediato do arsenal habitual de todos os exércitos, tamén do español. Pero estamos moi preocupados polo uso que se fai destes artefactos, e agora mesmo estanse utilizando para matar". "Temos que lexislar para que estes enxeños non se utilicen en contra da lei, como se están usando", engade. Montoya comenta que mesmo se está a producir "unha discusión xurídica" sobre quen ten a responsabilidade das vítimas e danos que causan os drons. "O fabricante do aparato? O soldado que o manexa dende a súa cadeira? O oficial que o ordenou? As responsabilidades dilúense e non está claro quen é, o que leva a unha crecente impunidade sobre estas accións", di.

 

Campaña contra os drones no aeródromo de Rozas © Mar de Lumes
Un dos avións probados en Rozas © Cassidian
O Ministerio de Defensa gastará 171 millóns para mercar catro drons de gran tamaño, coma o MQ-9 Reaper Dominio Público United States Air Force
O xornalista Roberto Montoya © cubadebate
Soldados norteamericanos dirixindo os movementos e accións de drons en Irak Dominio Público United States Air Force
Javier Couso, durante un debate na eurocámara CC-BY-NC-ND Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.