O Comité Cidadán cualifica Reganosa de "timo á cidadanía"

Cartaz do acto público que se celebrará o vindeiro xoves © Comité Cidadán de Emerxencia

"A paralización da operación da Planta de REGANOSA poría en perigo a seguridade de subministración tanto do sistema gasista español coma do portugués, o que comprometería a continuidade e seguridade da subministración de gas natural, o cumprimento das obrigas internacionais a que
España queda suxeita e, ademais, determinaría un incremento substancial da circulación de camións cisterna pola rede viaria nacional". Son algúns dos argumentos cos que o Goberno en funcións xustificou a súa decisión de permitir que a planta de gas de Mugardos eludise a avaliación de impacto ambiental, para así acelerar os trámites que lle permitan contar -por vía de urxencia- cunha nova autorización administrativa previa e un novo proxecto de execución, unha situación que o Executivo en funcións debe resolver nos vindeiros días para evitar o peche da planta de gas.

Porén, o Comite Cidadán de Emerxencia nega estes argumentos, sinalando que "non é certo que a paralización de Reganosa poña en perigo a subministración aos consumidores" e lembra que dende o ano 2007 está paralizada a entrada de gas polo gasoduto de Tui, "gasodutos que teñen capacidade para subministrar gas, tanto aos ciclos como aos usuarios domésticos". A plataforma denuncia que a planta de gas "supón un timo á cidadanía por canto nos custa preto de 60 millóns de euros ao ano".

Durante 2015 Reganosa funcionou ao 36% da súa capacidade. Ademais, as dúas centrais de ciclo combinado existentes en Galicia (Sabón e As Pontes), que custaron 500 millóns de euros, levan anos cunha actividade mínima

Durante o ano 2015 Reganosa funcionou ao 36% da súa capacidade, a pesar de crecer notablemente dende o 2014. Ademais, as dúas centrais de ciclo combinado existentes en Galicia (Sabón e As Pontes), que custaron 500 millóns de euros, levan anos cunha actividade mínima.

"Esta decisión retrata a un goberno corrupto e situado á marxe da lei"

O Comité Cidadán esixe que se cumpran as dúas recentes sentenzas do Tribunal Supremo e que se garanta a legalidade no proceso que agora debe seguir a empresa para poder seguir operando. "Estamos diante dun acordo ilegal que pretende saltarse a legalidade ambiental e de seguridade, tanto do Estado, como europea. Esta decisión retrata a un goberno corrupto e situado á marxe da lei", sinala a entidade, que salienta que "procederá con todo os recursos legais ao seu alcance até conseguir a revogación do acordo ilegal do Consello de Ministros". Así mesmo, fai un chamamento ás forzas políticas e sociais "a pronunciarse en defensa do Estado de dereito, así como á ciudanía a mobilizarse en cumprimento da legalidade". A Plataforma organiza un acto público de reivindicación, que se celebrará o vindeiro xoves 2 de xuño no Centro Cívico Carvalho Calero de Ferrol.

 

Cartaz do acto público que se celebrará o vindeiro xoves © Comité Cidadán de Emerxencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.