Imputados catro ex altos cargos da Xunta polo dragado irregular na ría de Ferrol

García-Borregón, á esquerda, xunto a Agustín Hernández © Xunta

Son xa catro os cargos de Medio Ambiente durante a etapa de Agustín Hernández como conselleiro investigados -o que antes se denominaba imputados- polo polémico dragado da ría de Ferrol. Os dous últimos que foron chamados a declarar a petición da Fiscalía ambiental do TSXG o vindeiro 6 de xuño foron o ex director xeral da Natureza, Ricardo García-Borregón, e Javier Turrillo Montiel, ex xefe do Servizo de Análise e Proxectos da Consellería naquela altura. Antes fixérano xa Rogelio Fernández (ex subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade) e Carlos Múñoz (daquela xefe do Servizo de Conservación da Natureza na Delegación Provincial da Coruña). 

García-Borregón, ex director xeral da Natureza, declarará como investigado por presuntos delitos contra os recursos naturais, prevaricación e falsidade documental

Todos eles están acusados pola Fiscalía de delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente, prevaricación e falsidade documental logo dun polémico dragado denunciado en 2011 pola asociación ecoloxista Adega. A obra, tal e como lembra o colectivo, tiña como obxectivo aumentar o calado da entrada da ría para permitir o paso a grandes buques como os gaseiros de Reganosa. Segundo as acusacións, e xa iniciadas as obras, todos estes cargos da Consellería terían "cociñado" unha autorización ambiental fraudulenta baseada nun suposto informe técnico que non figuraba no expediente.

Rematadas as obras, e logo das xestións de Valedor e Fiscalía e tras a denuncia de Adega, apareceu ademais un informe que fora ocultado e que consideraba o dragado "ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e especies presentes" e que recomendaba a  non execución do proxecto polos seus impactos ambientais nunha área (LIC Costa Ártabra) parte da Rede Natura 2000. Xunta e Portos acabaron por aprobar o proxecto sen os informes requiridos.

García-Borregón e os outros tres cargos de Medio Ambiente terían "cociñado" unha autorización ambiental fraudulenta e ocultado un informe que desaconsellaba as obras

Chama a atención, segundo o auto ao que tivo acceso Praza, que tanto García-Borregón como Javier Turrillo declararon no xulgado de instrución número 3 de Santiago, onde se desenvolven as dilixencias previas, como testemuñas o pasado mes de abril. Foron as declaracións do que fora xefe do Servizo de Análise e Proxectos as que desembocaron tanto na súa imputación como na posterior do ex director xeral. Revelou que se mantiveran xuntanzas entre todos estes altos cargos da Consellería para tratar as "discrepancias" nos informes, que se "reuniron para decidir que había que facer algo para explicar" o "lapsus de tempo moi grande entre o informe de impacto ambiental e o do servizo do declarante" e que se incluíu unha "nota interior" na documentación para intentar xustificar as eivas nos documentos. 

García-Borregón e Turrillo declararon como testemuñas pero, ante as declaracións deste último, o fiscal solicitou que acudisen a declarar como investigados

"Cantou e falou el mesmo da xuntanza mantida para cociñar a autorización ambiental fraudulenta", aseguran a este diario fontes xudiciais. Tras esas revelacións, o Ministerio Fiscal solicitou que as testemuñas pasasen a declarar como investigados, unha petición á que se uniu a acusación e que acabou aceptando o xuíz, que considera que pode existir un delito de falsidade documental. Detivéronse así as declaracións para incorporar a García-Borregón e Turrillo como imputados á causa. 

As mesmas fontes xudiciais aseguran que será complicado que o ex director xeral da Natureza, así como o resto de investigados, sexan condenados por un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, pero ven "moi probable" que si o sexan por "unha falsidade documental de libro" que sería demostrable con evidentes probas

García-Borregón, que estivera implicado en moitas máis polémicas, fora cesado do seu posto como director xeral de Conservación da Natureza en agosto de 2013. O resto de implicados no caso do dragado da ría de Ferrol tamén foran destituídos dos seus postos ou cambiados de departamento por diferentes motivos. 

 

"Desastrosa xestión"

Desde Adega, que fora quen denunciara as irregularidades, seguen a "confiar no labor da xustiza e da Fiscalía" nun caso que "representa a paradoxal culminación da desastrosa xestión da biodiversidade e dos espazos naturais acontecida nos últimos anos". A asociación ecoloxista critica a "escandalosa inacción, cando non a defensa de intereses alleos á conservación" que se exemplificaría en numerosas actuacións en parques naturais ou na "paralización inxustificada da ampliación da Rede Natura 2000", mais "tamén na tolerancia ou promoción de actuacións incompatíbeis coa protección do noso patrimonio natural: piscifactorías, minas, eólicos, celulosas, eucaliptización de espazos naturais, licenzas ilegais de caza ou cacerías de lobos".

Para Adega, "resulta irónico, pois, que sexa a tramitación irregular dunha obra para beneficiar a Reganosa -como acaba de acontecer co goberno en funcións de Rajoy- a que subministre as probas que leven os responsábeis ou cómplices de tantas outras desfeitas ambientais perante a Xustiza", remata. 

Dragado na ría de Ferrol © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.