Alertan dun novo atraso dun ano nunha consulta de cancro no Sergas

Instalacións do hospital Clínico de Santiago © Sergas

Nova alerta sobre deficiencias de atención a pacientes con cancro lanzada polos propios doentes. E de novo, co Clínico de Santiago como epicentro da queixa. Apenas tres semanas despois de que pacientes do complexo hospitalario compostelán sacasen á luz públicas atrasos de citas que, como relatou Praza.gal, chegaban aos oito meses -o hospital sinalou que se debera a un reaxuste xa subsanado-, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS amosa agora unha nova demora, neste caso dun ano. A súa orixe, aseguran, está no "peche de axendas", na parálise de asignación de citas nos meses de verán, que o Servizo Galego de Saúde nega.

Nos mesmos días en que a Xunta anunciaba unha inxección económica para rebaixar as listas de espera -só resta por publicar un informe ao respecto antes das eleccións galegas-, unha paciente oncolóxica que tivo que ser operada do seu tumor en 2009 e 2015 tiña unha revisión no servizo de Oncoloxía do CHUS. Esa cita fóralle asignada o pasado xaneiro para o presente mes de maio, pero "unha confusión coa data de revisión" provocou que non "acudise no día establecido" e, cando se decatou do seu erro, "solicitase unha nova cita", sinala a asociación.

O propio colectivo de pacientes admite que "dado o erro pola súa parte, estaría xustificada unha demora na atención", pero non da magnitude na que se produciu, sanlientan. Ao pedir unha segunda cita "informárona de que a máis próxima que lle poden ofrecer é para xuño de 2017", isto é, un ano despois e non seis meses, como fixara o seu oncolóogo. "É inaceptable", di a asociación, máis aínda porque a súa revisión fora cualificada como "consulta especial", aseguran.

A doente asegura que, tras perder unha cita de maio, outorgáronlle outra para xuño de 2017

"Dadas as circunstancias", explica o colectivo, a paciente prexudicada pola demora "preguntou se hai posibilidades de obter cita cando se abran as axendas dos meses de verán". No entanto,s empre segundo a versión da asociación, "infórmana de que a axenda de agosto non se vai abrir e a de xullo, só uns días". "É lóxico -sinalan- que polo descanso do persoal o funcionamento das consultas se vexa alterado polas vacacións, pero non, en ningún caso, que os enfermos deixen de recibir atención", sobre todo porque, en doenzas coma esta, unha demora supón "que o doente non pode seguir as pautas e tratamentos previstos".

Versión do hospital

A alerta dos doentes é rebatida polos responsables do complexo hospitalario compostelán ao seren cuestionados ao respecto por Praza.gal. Alén do "caso concreto" que, afirman, ao non estar "identificado" non permite valorar se a súa "prioridade" foi "modificada", dende o CHUS asegúrase que as citas oncolóxicas de maior prazo que se están a asignar nestes días son "para xaneiro" de 2017, e en ningún caso "para máis adiante".

Dende o CHUS négase que as axendas de citas oncolóxicas estean "pechadas" e sublíñase que os recursos deste servizo foron "incrementados" nos últimos meses

Máis alá de que a demora feita pública pola asociación corresponda a unha doente que "perdeu a cita" por non acudir a ela, matizan, dende o hospital rexéitase que as axendas de Oncoloxía estean "pechadas" durante os meses de verán por mor do descanso do presoal. "Non se pechan, hai axendas", resumen as fontes consultadas por este diario, quen non obstante admiten unha redución de actividade por mor do período vacacional e a carencia de oncólogos "nas listas de contratación", aseguran.

Neste sentido, mentres a asociación de pacientes do Clínico en xeral e outros colectivos como AUSO-CHUS ou sindicatos da sanidade advirten da redución de efectivos en eidos tan sensibles como a oncoloxía, dende o hospital asegúrase que "dende hai uns meses, os recursos do hospital de día de Oncoloxía foron incrementados", cun novo oncólogo e unha consulta adicional de enfermaría. "As autoridades sanitarias obstínanse en afirmar que os atrasos son cuestións puntuais e que as axendas de citacións non se pechan", retrucan dende a asociación, pero "para calquera que se achegue a pedir unha cita, esas afirmacións son insultantes", conclúen.

Instalacións do hospital Clínico de Santiago © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.