O proxecto dunha planta para tratar as cinzas de Sogama alerta a veciñanza de Trazo

Canteira da Picouta, en Trazo © Concello de Trazo

O proxecto para a instalación dunha planta de tramento de escouras nunha antiga canteira de Trazo vén de provocar un importante malestar e indignación entre a veciñanza. Segundo denuncian, o Concello ocultou durante meses un proxecto que pretende valorizar as cinzas derivadas do queimado de residuos de Sogama nas instalacións dunha antiga canteira na parroquia de Campo. Ao escurantismo do que se queixan moitos veciños únese tamén o impacto medioambiental, económico ou na saúde dunha iniciativa prevista nunha localidade cunha importante actividade gandeira e por onde discorre o río Tambre, fornecedor de auga á cidade de Compostela. 

O Concello ocultou cinco meses un proxecto cuxa solicitude de autorización ambiental xa fora publicada no DOG en abril

Foi a principios de novembro do pasado ano cando foi publicado no DOG o anuncio da presentación da solicitude de autorización ambiental por parte da empresa González Couceiro S.L.U., promotora da planta. Pero nada se soubo no Concello, nin tan sequera na parroquia afectada. Ata que no pasado abril o goberno local convocou varios veciños da zona, que xa cheiraban algo e pediron información, cinco meses despois e logo de que xa rematase o prazo para presentar alegacións.

"Non temos por costume ler todos os días o DOG... O proxecto estaba presentado e o Concello deulle o visto e prace inicial para facelo, pero a xente non soubo nada", explica Luz Suárez, portavoz da Asociación A Picouta, creada hai tan só unhas semanas a través da autoorganización da veciñanza, que descubriu as intencións da empresa a través dunha antiga demanda por terreos na antiga mina de cuarzo, pechada hai xa cinco anos, onde se prevé agora a instalación da planta. Teñen máis de 60 socios e superan o milleiro de sinaturas. 

A veciñanza, que sospeitaba, acabou por descubrir o proxecto e autoorganizouse ante os riscos de impacto medioambiental e económico

"O alcalde fixo a xuntanza pero foi porta a porta, nin tan sequera convocou todos os veciños da parroquia nin os partidos da oposición", destaca Martín Rei, concelleiro do BNG en Trazo, que repara nas "contradicións" do alcalde popular, José Dafonte. "Chegou a dicir que a empresa non contaminaba, que todo era inerte pero que estaba en contra", insiste. "Se quería calmar a poboación, o que fixo foi incrementar a inquedanza", engade Luz Suárez. "A xente non se fía e menos se son residuos de Sogama, onde todos sabemos que hai de todo", remata o edil nacionalista. 

"Imos estar en contra ata o final; non lle vexo vantaxe ningunha para Trazo", respondeu o alcalde cando foi preguntado polo proxecto, malia que a solicitude da autorización ambiental estaba xa presentada. "Agora fai ver que está en contra e quere liderar a oposición á planta de residuos, pero non o cremos", contestan desde a Asociación A Picouta. 

O alcalde sitúase agora do lado dos que renegan da planta, que prevé tratar as cinzas chegadas de Sogama

A menos de 200 metros de onde se emprazaría o proxecto hai unha explotación gandeira con centos de vacas das máis de 2.000 que hai na parroquia e das máis de 12.000 que se contabilizan en Trazo. A veciñanza organizada destaca que a cinza que sería tratada contén altas cantidades de sílice, arsénico, chumbo, cloruros, floruros... E temé que a contaminación non sexa só polo aire, senón que eses residuos se acaben filtrando aos regatos, aos pastos ou ao río Tambre, do que se abastece de auga toda a cidade de Compostela. 

O alcalde, segundo denuncia a oposición e a Asociación A Picouta, non foi quen de aclarar con que permisos conta ou non a empresa que prevé instalar a planta e cren que a posición agora contraria do alcalde débese ao forte rexeitamento -se cadra inesperado- que o proxecto levantou na localidade, aumentado tamén polo "secretismo" que arrodea a iniciativa. 

A asociación contraria á planta alerta das substancias contaminantes e das posibles afectacións á gandería, ao medio ambiente ou á saúde

 

A resposta do Concello

“Temos claro que dende o Concello nos opoñemos a este proxecto porque queremos un Concello rural e sostible medioambientalmente. Apostamos por un crecemento empresarial que teña a ben os nosos recursos naturais, axudándonos a manter a contorna, a paisaxe e a calidade de vida que caracteriza este municipio”, explicou este martes o alcalde José Dafonte a través dun comunicado. Advirte que o goberno local será "rigoroso e escrupuloso" no cumprimento da legalidade e anunciou que xa encargou análises á USC das mostras de materiais cos que se traballaría na canteira ou que se remitiu o proxecto a Minas e á Consellería de Medio Rural para estudar os posibles riscos. 

"Dende o Concello opoñémonos a este proxecto porque queremos un Concello rural e sostible medioambientalmente", di o rexedor

Desde A Picouta advirten que foron eles os que solicitaron toda esta documentación para avaliar a perigosidade do proxecto e agardan a que o alcalde "poida acreditar" que o fixo antes ou se a súa resposta xorde da iniciativa tomada xa polos veciños. O rexedor, con todo, lembra que o Concello está "á espera do informe que ten que emitir a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental da Xunta” e desmente que lle fora tramitada á empresa licenza ningunha para empezar a súa actividade

Desde a alcaldía fíxose mesmo un chamamento a todos os axentes e plataformas veciñais implicadas nesta reivindicación para unificar esforzos e enerxías “e ir todas e todos xuntos cara a un mesmo obxectivo, o de evitar experimentos medioambientais no noso concello”, ademais de lamentar a "intención dalgunhas persoas" de "querer confundir a cidadanía" e "obter un rédito político". "As afrontas políticas deben quedar a un lado cando enriba da mesa se está a falar de saúde, benestar social ou medioambiente”, di. 

Desde a oposición e a Asociación A Picouta desconfían desta iniciativa levada a cabo agora polo alcalde logo de que fosen os propios veciños os que tivesen que enterarse dun proxecto que se mantén "paralizado" á espera do informe da Xunta e das alegacións que, ben seguro, se presentarán a moreas no caso de que saia adiante a autorización ambiental. 

Depósito de cinzas en Sogama © Sogama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.