O TSXG avala a expulsión do regatista que criticou publicamente a ENCE

Juan Carlos Pérez Olmedo, coa súa tripulación Dominio Público Praza Pública

En febreiro do pasado ano a Regata Interclubes Ría de Pontevedra, financiada pola Deputación, expulsou a embarcación de Juan Carlos Pérez Olmedo -denominada No a Celulosas- cando lideraba a proba, sinalando que a "publicidade política" non está permitida nas competicións e alegando que a mensaxe amosaba "unha clara adscrición a unha opción política, non compartida de maneira unánime". Agora o TSXG vén avalar esta decisión, desestimando o recurso presentado por Pérez Olmedo, destacando que o lema que se podía ler nas súas velas é unha "expresión claramente reivindicativa, con evidente finalidade social, política e ambiental, buscando un efecto propagandístico e publicitario tendente a influír no ánimo dunha colectividade xa sensibilizada pola estreita ligazón entre esa actividade e a empresa ENCE que a exerce en Pontevedra".

O TSXG declara que "non a celulosas" é unha "expresión claramente reivindicativa, con evidente finalidade social, política e ambiental, buscando un efecto propagandístico e publicitario tendente a influír no ánimo dunha colectividade xa sensibilizada"

A sentenza recoñece o dereito da competición a impoñer esta norma para os seus participantes, baseada no regulamento da Federación Internacional de Vela ("Calquera publicidade deberá cumprir coas normas morais e éticas aceptadas xeralmente. Calquera publicidade que sexa política, relixiosa, racial ou propagandística non poderá ser colocada nun barco mentres está en regata"). E afirma que "o dereito fundamental á liberdade de expresión", reclamado por Pérez Olmedo no seu recurso, pode ser "obxecto de matizacións ou limitacións co evidente ánimo de preservar outros valores tan democráticos coma o invocado".

O ditame salienta que o demandante "tomou parte voluntariamente nesa regata" e que "aceptou, por tanto, as regras do xogo que acatou no mesmo momento en que subscribiu a súa inscrición". E conclúe que "nada impide que o actor poida manifestar a súa opinión respecto diso, pero o que si se veta é que o faga aproveitando unha competición deportiva cuxas específicas regras prohiben ese tipo de actitudes".

A sentenza afirma que "o dereito fundamental á liberdade de expresión" pode ser "obxecto de matizacións ou limitacións co evidente ánimo de preservar outros valores tan democráticos coma o invocado"

Xa no momento en que foi descualificado, Juan Carlos Pérez Olmedo amosaba a súa "indignación" en conversa con Praza, destacando que dicir "Non a Celulosas" non se trataba dun acto político, "cando menos non é máis político que apoiar a continuidade da empresa no interior da Ría de Pontevedra". Acusaba ademais ao Comité de Disciplina da Federación Galega de Vela -que decidira a súa expulsión- de ser "estómagos agradecidos", que se "puxeron ás ordes de non sei quen para que sexamos retirados da regata e se impida como sexa que a nosa embarcación poida recoller o trofeo Deputación de mans do presidente, vicepresidente, ou de quen sexa delegado para representar a Deputación".

Pérez Olmedo, médico de profesión, lembraba igualmente que ENCE é patrocinador habitual de varios clubs e competicións deportivas de Pontevedra e a súa provincia, dende o fútbol ao balonmán, pasando mesmo por regatas de vela e que neses casos a súa mensaxe non fora considerada política.

 

Juan Carlos Pérez Olmedo, coa súa tripulación Dominio Público Praza Pública
A mensaxe, na vela maior © Desmarque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.