A ría de Pontevedra volve clamar contra a prórroga a ENCE

Manifestación contra ENCE Dominio Público @AnovaPontevedra

Como cada mes de xuño, cando a cidadanía de Marín e Pontevedra sae á rúa nunha manifestación bordeando o mar ata ENCE para reclamar, unha vez máis, a marcha da fábrica de celulosa da súa actual localización. Pero desta vez non era igual de todo. Quentado o ambiente pola prórroga que o goberno en funcións presidido por Mariano Rajoy concedeu á factoría en xaneiro para permanecer ao pé da ría por 60 anos máis. 

Baixo o lema Móvete pola ría, a plataforma ENCE Fóra da Ría e a Federación Ecoloxista Galega volveron pedir unha masiva resposta da veciñanza contra o mantemento da pasteira neste polémico emprazamento, reclamando tamén o fin da eucaliptización masiva dos montes galegos que provoca a política económica da factoría e a súa promoción por parte das autoridades, así como o saneamento integral da ría. E reclamaron, con máis forza que nunca, contra a prórroga da pasteira. Foron unhas 2.000 persoas. 

"Nunca se debeu dar esta prórroga porque ademais se está a dardunha forma que pode ser mesmo ilegal", lembrou Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría, Antón Masa, que apunta que ENCE continúa a incumprir a lexislación comunitaria que ten que ver cos vertidos á ría ou a Lei de Costas, que "di claramente que non se pode prorrogar unha concesión que ten aberto un expediente de caducidade". 

A protesta foi apoiada por numerosos colectivos sociais e veciñais, ademais de partidos políticos. Púidose ver a Ana Pontón, portavoz nacional do BNG; Patricia Vilán, deputada do PSdeG; ou as parlamentarias no Congreso de En Marea, Ángela Rodríguez e Alexandra Fernández, entre outros moitos. Tamén, representantes do goberno de Pontevedra e doutras localidades achegadas. 

O manifesto final foi lido polo escritor e etnólogo Carlos Solla, que lembrou a oposición dos veciños a ENCE xa coa súa chegada. "Aquel dragón de lume planou por riba da nosa afogada indignación, calcinou a ribeira rumorosa e tripou salvaxemente a enseada de Lourizán", dixo quen asegurou que non se pode "estar satisfeito mentres os especuladores sigan ocupando a mariña de Lourizán". 

Respondeu a cidadanía cunha importante marcha en resposta a unha prórroga que foi tamén fortemente respostada politicamente. Á marxe das reclamacións de toda a oposición ao PP, e da petición do Congreso que agora se renovará de anular a devandita prórroga, o pleno do Concello de Pontevedra aprobara declarara persona non grata a Mariano Rajoy. 

Tamén en Ferrol, unha nova marcha volveu tamén reclamar a marcha de Reganosa da ría, logo tamén de que o Goberno en funcións decidise que a empresa podía saltar a avaliación de impacto ambiental. A medida, decidida polo Consello de Ministros, busca evitar o peche da planta de gas, despois de que o Tribunal Supremo anulase a súa autorización administrativa e de proxecto de execución

Manifestación contra ENCE Dominio Público @AnovaPontevedra
Manifestación contra ENCE Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.