A Coruña e Compostela ultiman os detalles das súas rendas sociais municipais, que serán unha realidade nas vindeiras semanas. A Xunta de Goberno Local da cidade herculina aprobou este luns o proxecto, que será debatido no pleno municipal do vindeiro luns 13 de xuño. De igual xeito, en Santiago, o Goberno local deu luz verde o pasado venres á ordenanza Compostela + -na que se insire esta prestación- e que tamén pasará polo pleno ordinario do mes de xuño, que se celebrará o xoves 16.
As rendas que os dous gobernos municipais impulsan teñen características semellantes buscan dar cobertura a persoas en situación de vulnerabilidade que na actualidade non perciben a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) ou outras axudas económicas semellantes. A prestación municipal consta dunha achega económica periódica, fixada en ambos os dous casos no 100% do IPREM (532,51 euros mensuais), unha contía que se incrementa en función do número de integrantes da unidade familiar. Nas dúas cidades, ademais, a renda está vinculada a un itinerario de inclusión cidadá.
Xosé Cuns (EAPN-Galicia): "A RISGA non cobre os novos perfís de persoas que están entrando en situación de pobreza. Persoas que teñen algún ingreso, pero que non chegan ao mínimo necesario para unha vida digna"
Xosé Cuns, da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia), valora "positivamente" estas medidas. "Os datos do INE demostran que hai un aumento da pobreza relativa e un número moi elevado de persoas con carencia material severa e en situacións de exclusión", di. Explica que "as axudas autonómica e estatal non cobren os novos perfís de persoas que están entrando en situación de pobreza ou exclusión. Persoas que teñen algún ingreso, pero que non chegan ao mínimo necesario para unha vida digna, e que non poden acceder á RISGA, porque esta axuda só se dirixe ás persoas sen ingreso ningún". Tamén celebra que, finalmente, se puidese poñer en práctica unha fórmula semellante á da prestación, en lugar do subsidio: "O outro sistema, ao final, era practicamente inviable, trataban as persoas coma se fosen empresas ou organizacións, tiñan que xustificar cada gasto con facturas, coma se fose unha subvención", comenta.
Para Cuns, "hai unha necesidade social de incremento da pobreza á que non se lle dá resposta nin dende o ámbito estatal -no que se reducen drasticamente os subsidios de desemprego- nin dende o autonómica -cunha RISGA que aínda non aprobou o seu decreto-, polo tanto os Concellos teñen que actuar ante esta situación de emerxencia". "Iso si, a administración central e autonómica tamén deben poñer en marcha medidas, porque doutro xeito haberá 312 concellos nos que a poboación quedará desprotexida", engade.
Fai fincapé, en todo caso, na necesidade de que exista "unha coordinación coa RISGA e cos seus procedementos de inclusión, como parece que vai suceder, para evitar que vaia cada quen polo seu lado". "Hai que garantir esta coordinación efectiva, non inventar nova burocracia, os papeis que se entregaron para a RISGA deben servir para estas rendas municipais", demanda. "A coordinación debe notarse en que reducimos prazos de resolución, e en que evitamos a peregrinaxe da miseria que obrigamos a facer a 600 mil persoas en Galicia, de mostrador en mostrador. Estas persoas deben dedicarse a tentar acadar a súa inclusión social e non a preocuparse de conseguir o seguinte certificado", engade. Cuns amosa a súa confianza en que nos vindeiros meses outros concellos galegos porán en marcha rendas municipais semellantes.
Cuns: "A calidade do emprego é moi inferior ao que había antes da crise e isto ten como consecuencia que aumente a porcentaxe de persoas en situación de pobreza relativa"
En canto á situación social que se vive na actualidade e dos que os datos ofrecidos recentemente polo INE poden ser unha foto fixa, Cuns opina que "hai unha recuperación, pero non lle chega a todo o mundo". "Diminúen, iso é certo, as persoas que peor están, as persoas con carencia material severa, e hai máis xente que traballa. Pero que pasa? Que este emprego que se está creando é de moi baixa calidade, empregos a tempo parcial, empregos con salarios moi inferiores ao salario mínimo. A calidade do emprego é moi inferior ao que había antes da crise e isto ten como consecuencia que aumente en Galicia a porcentaxe de persoas en situación de pobreza relativa", explica.
"O máis importante da iniciativa dos concellos é poder dar cobertura a estes novos pobres que antes non existían, que antes eran clase media", di Marta Capeáns (COTSG)
De igual xeito, Marta Capeans, presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), destaca que "a pobreza xa non se dá exclusivamente nin na exclusión social nin no paro. Agora hai familias que aínda traballando teñen contratos precarios e salarios reducidos cos que non conseguen facer fronte aos seus gastos". "O máis importante da iniciativa dos concellos é poder dar cobertura a estes novos pobres que antes non existían, que antes eran clase media", engade. "Ten moito mérito que dende os concellos, que están moito máis limitados orzamentariamente, aposten por unha renda deste tipo, con contías ademais moi importantes", di.
"Esta renda ten que levar aparellado un gran traballo profesional. Os 12 meses de duración das axudas debe servir para poñer a funcionar outros mecanismos e persoal que estea capacitado para axudar a esas familias a saír desa situación"
Capeáns subliña que "esta renda ten que ter unha segunda parte, que debe estar ben definida. Estas axudas deben ser transitorias: non pode ser que unha persoa en idade laboral se converta en pensionista de xeito permanente. Esta renda ten que levar aparellado un gran traballo profesional. Nos 12 meses de duración das axudas, este tempo ten que servir para poñer a funcionar outros mecanismos e persoal que estea capacitado para axudar a esas familias a saír desa situación. Debe haber unha axuda integral: comedores, estudos, políticas de emprego, políticas de integración... Ten que ir máis alá de atender esta emerxencia, algo que por suposto é xa moi importante". "Dende o Colexio consideramos fundamental o xeito en que se poñen a funcionar estes dispositivos, con que cantidade de persoal e que tempo se lle vai dedicar ao traballo con estas familias. Aínda que, por suposto, todo comeza por garantir a vivenda, os subministros, o vestido e a alimentación", conclúe.
A Coruña
"Nós non imos simplemente a dar unha axuda mensual, senón que imos acompañar a estas persoas para que poidan volver a ser autónomas e ter un proxecto de vida”, destaca Silvia Cameán
A Renda Social Municipal da Coruña é unha das medidas máis importantes que figuraba no programa co que a Marea Atlántica chegou ao goberno da cidade. Aínda que xa fora debatida e presentada hai meses, a súa aplicación estaba pendente da entrada en vigor do decreto da Xunta polo que se define a carteira de servizos sociais e prestacións de inclusión. Esta ferramenta, que asegura a coordinación coa RISGA, permite tamén que a renda municipal se poida ofrecer como prestación, e non simplemente como o pagamento duns determinados gastos (alugueiro, luz, alimentación) que a persoa beneficiaria estaría obrigada a xustificar factura a factura.
O pagamento desta prestación económica ten un máximo de 18 meses, e sempre estará vinculado ao establecemento de itinerarios de inclusión activa. "Nós non imos simplemente a dar unha axuda mensual, senón que imos acompañar a estas persoas para que poidan volver a ser autónomas e ter un proxecto de vida”, destacou na presentación da iniciativa a concelleira de Xustiza Social e Coidados Silvia Cameán, que tamén subliñou que coa fórmula da prestación "as persoas solicitantes non terán que estar pendentes de entregar todas as facturas, co risco, como ocorre con distintos subsidios, de que estes queden paralizados se non se chegan a tempo”.
O Goberno local reservou nos Orzamentos 2,1 millóns de euros para esta renda, que se prevé dará cobertura a preto de 1.000 familias na Coruña
A contía máxima da axuda será o 100% do IPREM para unidades de convivencia dun único membro e irá aumentando en 20 puntos porcentuais por convivinte adicional ata un máximo do 200% do IPREM. O Goberno local reservou nos Orzamentos Municipais deste ano 2,1 millóns de euros para esta renda, que se prevé dará cobertura a preto de 1.000 familias na Coruña. A previsión é que en 2017 se destinen tres millóns a esta partida.
Esta renda social municipal busca dar cobertura a aquelas persoas que non perciban a RISGA ou outros subsidios, e que non contan cuns ingresos suficientes para cubrir as súas necesidades básicas de aloxamento, alimentación ou vestido. Na presentación da iniciativa o alcalde Xulio Ferreiro salientou que o aumento da situación de pobreza das familia da cidade nos últimos anos "fai máis necesaria esta prestación”, lembrando ademais que un 50% das solicitudes da RISGA non son aceptadas. O Concello destaca que no proxecto de Renda Social Municipal colaboraron varias áreas do Goberno local, así coma varios grupos da Corporación, traballadoras sociais e entidades do tecido asociativo da cidade, ademais do servizo municipal de asesoría xurídica.
Compostela
A ordenanza Compostela + substitúe á iniciativa Santiago Suma, posta en marcha na lexislatura anterior e que, segundo o Goberno local, presentaba unha serie de eivas importantes, como "estar suxeita á lei de subvencións, o que impedía que as persoas que tiveran débedas coas administracións públicas puidesen acceder ás axudas". Ademais deste problema de execución, salienta, o novo programa de axudas defende "entender os servizos sociais como unha cuestión de dignidade e non de beneficencia".
O novo programa de axudas defende "entender os servizos sociais como unha cuestión de dignidade e non de beneficencia"
A iniciativa inclúe a xa comentada Renda Municipal de Garantía Básica, que busca que todas as persoas empadroadas en Compostela poidan "facer real e efectivo o seu dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios". A prestación, de 12 meses prorrogables a 24 segundo informe de servizos sociais, vai dende os 532,51 euros mensuais ata os 798,58, en función do número de persoas ao cargo da solicitante.
A ordenanza compostelá incorpora unha serie de cinco prestacións de rescate social "de carácter extraordinario e puntual"
Porén, a ordenanza vai máis aló e incorpora unha serie de cinco prestacións de rescate social "de carácter extraordinario e puntual, subsidiarias e complementarias dos servizos sociais previstos na lexislación vixente". Estas axudas para situacións de urxencia servirán para cubrir necesidades básicas (alimentación, vestido, aloxamento...) ou para paliar a pobreza enerxética e colaborar co equipamento básico de vivenda. Hai tamén prestacións complementarias ás dependencias ou discapacidades. Ademais, incorpórase unha nova axuda para o fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios e unha prestación para saúde bucodental. O Goberno local de Compostela destaca que a ordenanza xa foi presentada á oposición e ás entidades sociais da cidade, "que a enriqueceron aportando as súas achegas" e espera que "poida servir de referencia para outros concellos do país e do conxunto do Estado".