A empresa que proxectaba en Trazo unha planta de residuos de Sogama cancela o proxecto

Canteira da Picouta, en Trazo © Concello de Trazo

O proxecto para a instalación dunha planta de tramento de escouras nunha antiga canteira de Trazo non continuará adiante, cando menos polo momento. A empresa promotora, González Couceiro SLU, desistiu da iniciativa segundo informou a Consellería de Medio Ambiente e confirmou o propio Concello. 

A empresa desistiu e presentou un escrito de renuncia á solicitude de autorización ambiental rexistrada hai xa meses

A empresa xa tiña presentada a solicitude da autorización ambiental integrada e a avaliación de impacto ambiental para un proxecto que pretendía valorizar as cinzas derivadas do queimado de residuos de Sogama nas instalacións dunha antiga canteira na parroquia de Campo. A veciñanza organizouse contra esta posibilidade, non só alertada polo posible impacto medioambiental e económico, senón polo escurantismo co que o Concello e a compañía promotora levaron a cabo a iniciativa.

Agora, e segundo Medio Ambiente, a firma presentou un escrito de renuncia á solicitude de autorización ambiental integrada, aquela que fora publicada no DOG xa en novembro do pasado ano e da que nada se soubera en Trazo, nin tan sequera na parroquia afectada, ata cinco meses despois. En abril, o goberno local convocou varios veciños da zona, que xa sospeitaban algo e pediron información, pero despois de que xa rematase o prazo para presentar alegacións.

O Concello ocultou cinco meses un proxecto cuxa solicitude de autorización ambiental xa fora publicada no DOG en abril

A veciñanza mobilizouse e creou a Asociación A Picouta, logo de descubrir as intencións da empresa a través dunha antiga demanda por terreos na antiga mina de cuarzo, pechada hai xa cinco anos, e onde se prevía a instalación da planta. Recolleron sinaturas contra o proxecto e informaron a poboación, ademais de pedirlle claridade ao propio alcalde, que acabou posicionándose contra a planta de residuos e difundindo un comunicado de rexeitamento. Segundo José Dafonte, porque sempre o estivo; segundo os veciños mobilizados, porque se viu obrigado a poñerse ao lado do pobo. "A iniciativa estaba presentada e o Concello xa lle dera o visto e prace inicial sen nin tan sequera informarnos", advertiran. 

A menos de 200 metros de onde se emprazaría o proxecto hai unha explotación gandeira con centos de vacas das máis de 2.000 que hai na parroquia e das máis de 12.000 que se contabilizan en Trazo. A veciñanza organizada destaca que a cinza que sería tratada contén altas cantidades de sílice, arsénico, chumbo, cloruros, floruros... E teme que a contaminación non sexa só polo aire, senón que eses residuos se acaben filtrando aos regatos, aos pastos ou ao río Tambre, do que se abastece de auga toda a cidade de Compostela.

A asociación contraria á planta alerta das substancias contaminantes e das posibles afectacións á gandería, ao medio ambiente ou á saúde

"Non baixaremos a garda. A empresa ten un investimento feito e, segundo din, alugados os terreos... Non creo que renuncie así sen máis", asegura Luz Suárez, secretaria da Asociación A Picouta, que pediu ao rexedor de Trazo que unise a súa sinatura ás dos veciños logo de que el mesmo solicitase que todos os colectivos en contra do proxecto se xuntasen ao Concello. "Non asinou pero o que si fai é poñerse as medallas e advertir de que a renuncia da empresa é grazas a el", insiste. 

"Non baixaremos a garda", aseguran os veciños mobilizados contra o proxecto

Ademais, o alcalde acusa a Asociación A Picouta de ser parte dunha estratexia política da oposición, mentres a veciñanza insiste no escurantismo co que se preparou o proxecto. "É tempo de eleccións e ten os veciños en contra, por iso se parou", insisten tras coñecer a cancelación da iniciativa, que a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, anunciou ao alcalde nunha xuntanza para a sinatura dun convenio o pasado martes. 

A conselleira de Medio Ambienta, Beatriz Mato, co alcalde de Trazo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.