Galicia mobilizarase este domingo contra a guerra e polo dereito de asilo

Mobilización en Compostela, esta primavera © Coruña contra a Guerra

“Rachemos coas fronteiras, non ás guerras”. Baixo este lema a rede Coruña Contra a Guerra convoca este domingo ás 12 horas na Coiraza do Orzán unha manifestación con motivo do Día Mundial das persoas refuxiadas, que continuará o ronsel aberto na cidade pola mobilización que tivo lugar o pasado 27 de febreiro. Esta fin de semana e o luns tamén haberá, con ese mesmo lema, concentracións ou manifestacións na Guarda (sábado, 20 horas, Alameda), Vigo (domingo, 11.30 horas, A Doblada), Compostela (domingo, 12 horas, Alameda), Pontevedra (domingo, 12 horas, Praza da Peregrina), Ferrol (domingo, 12 horas, Praza de España), Lugo (luns, 20 horas, edificio da Xunta) e Ourense (luns, 20.30 horas, Subdelegación do Goberno). A convocatoria corresponde en todos os casos á Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.

Tamén haberá concentracións ou manifestacións na Guarda, Vigo, Compostela, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Ourense

Coruña Contra a Guerra agrupa ducias de colectivos de todo tipo: asociacións de veciños, asociacións culturais, universitarias, ONGs, sindicatos, partidos, movementos sociais, plataformas, co obxectivo común de denunciar publicamente "a inhumana xestión da crise das persoas refuxiadas levada a cabo polas diferentes institucións e gobernos da UE". Traballa en conxunto coa Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas e quere funcionar como "un espazo plural onde tratamos de coordinar e impulsar as iniciativas que se multiplican nun amplo abano que vai desde o apoio humanitario até a denuncia das políticas migratorias da UE".

Destacan que a escolla do nome Coruña Contra a Guerra pretende sinalar "a raíz da situación dos refuxiados". "Falamos de guerra tanto no sentido físico como no sentido económico do termo, xa que as persoas que chegan ao noso continente foxen da morte tanto polos conflitos bélicos como pola miseria xerada por políticas depredadoras do capital mundial", sinalan.

No manifesto que chama á convocatoria deste domingo, a plataforma denuncia expresamente o acordo acadado entre Unión Europea e Turquía, un acordo "inmoral pero tamén ilegal"

No manifesto que chama á convocatoria deste domingo, a plataforma denuncia expresamente o acordo acadado entre Unión Europea e Turquía, un acordo "inmoral pero tamén ilegal" pois "a súa aplicación práctica vulnera a normativa europea e internacional". Piden a súa supresión e subliñan que "se non se reverte, a situación agravarase e seguirá poñendo en perigo as persoas, especialmente os colectivos máis vulnerables, moi especialmente nenos e nenas, mulleres e persoas enfermas ou con diversidade funcional". O manifesto pide tamén "garantía de rutas legais e seguras sen condicións; o cumprimento dos convenios internacionais, directivas e regulamentos europeos en materia de asilo e refuxio; e o respecto dos dereitos humanos nas fronteiras".

O colectivo fai un chamamento ao goberno estatal, á Xunta de Galicia e aos gobernos locais para "a ampliación e axilización do sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e en Galicia pendentes de ser atendidas

O colectivo fai un chamamento ao goberno estatal, á Xunta de Galicia e aos gobernos locais para "a ampliación e axilización do sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e en Galicia pendentes de ser atendidas". Esíxenlles tamén "a asunción da súa responsabilidade coma garantes dos dereitos das persoas refuxiadas, poñendo recursos á disposición destas e recuperando os fondos destinados á cooperación ao desenvolvemento e atención á poboación de orixe estranxeira". Demandan, finalmente, a "revisión" da política migratoria e exterior europea e actuar "sobre os problemas de orixe: adoptando medidas para loitar conta as desigualdades, reducir a pobreza e previr os conflitos armados nas zonas de orixe".

Mobilización en Compostela, esta primavera © Coruña contra a Guerra
Cartaz da manifestación convocada na Coruña © Coruña contra a Guerra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.