Compostela aproba a 'Renda Municipal de garantía básica cidadá'

Pleno municipal compostelán, este xoves © Concello de Santiago

O pleno municipal de Santiago aprobou este xoves inicialmente a nova ordenanza Compostela +, na que se inclúe a Renda Municipal de garantía básica cidadá, ademais doutras cinco axudas complementarias de rescate social. Con esta proposta do Goberno local, a cidade únese á Coruña, que este luns tamén aprobou en pleno a súa Renda Social Municipal, de contido semellante. A proposta contou cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG e a abstención do PP. A aprobación definitiva dependerá do apoio dos grupos da corporación no pleno do mes de xullo.

A proposta contou cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG e a abstención do PP

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, explicou que esta ordenanza substitúe a Santiago Suma, inexecutable a pesar de que "a nosa primeira intención foi aplicala sen dilación, aínda que a considerábamos moi mellorable. Tiñamos claro que era o instrumento co que contabamos para poder abordar as situacións de emerxencia social e de pobreza no noso Concello. Fora feita para chegar a aquelas situacións onde non chegaban as prestacións autonómicas, claramente insuficientes".

As rendas que os dous gobernos municipais impulsan teñen características semellantes buscan dar cobertura a persoas en situación de vulnerabilidade que na actualidade non perciben a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), á que só poden acceder aquelas persoas que carecen de calquera ingreso. Porén, como sinalaban hai uns días en conversa con Praza tanto Xosé Cuns (EAPN-Galicia) coma Marta Capeáns (COTSG), nos últimos anos estamos a asistir ao crecemento de novas modalidades de pobreza, mesmo entre persoas que teñen un emprego, pero con contratos a tempo parcial ou con grandes doses de precariedade e salarios baixos, persoas que si teñen ingresos, pero non os suficientes para poder facer fronte ás súas necesidades básicas.

Búscase que todas as persoas empadroadas en Compostela poidan "facer real e efectivo o seu dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar"

A iniciativa inclúe a xa comentada Renda Municipal de Garantía Básica, que busca que todas as persoas empadroadas en Compostela poidan "facer real e efectivo o seu dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios". A prestación, de 12 meses prorrogables a 24 segundo informe de servizos sociais, vai dende os 532,51 euros mensuais ata os 798,58, en función do número de persoas ao cargo da solicitante. Compostela + incorpora ademais unha novidade moi importante, como é a cobertura das persoas migrantes en situación irregular.

A ordenanza vai máis aló e incorpora unha serie de cinco prestacións de rescate social

Porén, a ordenanza vai máis aló e incorpora unha serie de cinco prestacións de rescate social "de carácter extraordinario e puntual, subsidiarias e complementarias dos servizos sociais previstos na lexislación vixente". Estas axudas para situacións de urxencia servirán para cubrir necesidades básicas (alimentación, vestido, aloxamento...) ou para paliar a pobreza enerxética e colaborar co equipamento básico de vivenda. Hai tamén prestacións complementarias ás dependencias ou discapacidades. Ademais, incorpórase unha nova axuda para o fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios e unha prestación para saúde bucodental. O Goberno local de Compostela destaca que a ordenanza xa foi presentada á oposición e ás entidades sociais da cidade, "que a enriqueceron aportando as súas achegas" e espera que "poida servir de referencia para outros concellos do país e do conxunto do Estado".

 

Pleno municipal compostelán, este xoves © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.